BANDA DESEÑADA
O puño e a letra. Yolanda Castaño. Xerais, 2018. 112 páxinas
por Manu Barreiro
Yolanda Castaño transita os camiños da mestizaxe artística con elegancia e sabedoría logo de anos protagonizando o rexurdir da poesía moderna galega e gañando premios. Agora, seguindo por ese camiño tan interesante e enriquecedor da hibridación remata de lanzar un libro extraordinario, unha antoloxía poética na que 40 poemas seus son interpretados en cadriños por 40 artistas da banda deseñada galega. O resultado é o que no mundo hexemónico chaman comic-poetry e que eu, por aquilo da miña «repunancia» intrínseca, propoño chamar banda poetizada.
Efectivamente, como era de supoñer o experimento é unha marabilla desas coas que ás veces nos sorprende o noso sector editorial. Aínda que neste caso Xerais aposta a cabalo gañador –a reunión de talentos que hai nestas páxinas desborda a calquera–, se non se le con coidado pódese sufrir un bo sthendalazo.
A elección de autores e autoras de banda deseñada está feita cun excelente criterio, desde autores máis underground coma Dani Xove até o máis experimental dos Bravú; do máis xeralista de Rubín ao máis vangardista de Cynthia Alonso. O resultado é un libro gorentoso, saboroso, que hai que ler e reler, que pide tempo e calma para descifrar e gozar coa suma de talentos que dialogan entre si e que fan dialogar as artes.
Hai que destacar que Yolanda deu total liberdade aos artistas para crear a súa visión dos poemas e, é evidente, este xeito non intervencionista de colaborar enriquece o resultado final. Así, haberá pezas que estean loxicamente afastadas da intención orixinal da autora, como de feito recoñeceu a propia Yolanda nalgunha entrevista.
A edición de Xerais é boa, cun deseño xeral do libro e unha integración de poesía e BD perfectamente executadas. A capa é sinxela pero rechamante, un exemplo claro daquela famosa frase atribuída –erradamente por certo– a Mies Van Der Rohe: menos é máis. No aspecto formal do libro, como é de agardar, hai tanta variedade coma calidade. Interpretacións máis literais e máis substanciais; cada autor de BD deixa a súa pegada nos versos da poeta, e esta deixa pingas da súa arte en cada debuxo. A obra que nace da mestura destes dous formatos, tan de moda nestes primeiros anos vinte, é unha obra fermosa, empoderante, libre e coa bagaxe da nosa cultura en cada bágoa de tinta. Unha obra que se ergue como reivindicación artística do poderoso sector creativo galego, que non só sobrevive as políticas de suicidio cultural e lingüístico senón que bate co puño enriba da mesa para reivindicar as nosas letras.