Xogar co aire

Os biopics que abordan a vida dunha persoa dende a infancia (ou xuventude) ata o seu falecemento están en vías de desaparición. Fronte a ese modelo anquilosado nos últimos anos téñense formulado filmes autobiográficos centrados nun período temporal concreto, como Oppenheimer (Christopher Nolan, 2023); nun acontecemento histórico crítico, por exemplo, Teresa (Paula Ortiz, 2023); ou, inclusive, un estado de ánimo e ata unha fabulación total en torno a unha persoa, como fixo Pablo Larraín en Spencer (2021) e El conde (2023).

De entre estas alternativas, o trío artístico que conforman Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga optou por unha fórmula que hibrida varias das tendencias que vimos de describir para abordar a figura de Cristóbal Balenciaga, un dos artistas do eido da moda máis relevantes da historia.

O resultado é unha miniserie de seis episodios, cuxa estrutura narrativa e construción do personaxe seméllanse bastante ao que facía The Crown (Peter Morgan, 2016-2023), antes de converterse nun folletín sobre Diana Spencer.

Pois ben, o que poderíamos denominar como modelo The Crown ten as súas virtudes e, tamén, os seus defectos ou perigos.

O maior dos acertos de Cristóbal Balenciaga (a serie) é saber combinar o devir da historia (o exilio pola Guerra Civil, a ocupación nazi de Paris, a expansión mundial da alta costura, o xurdimento do modelo do prêt-à-porter, Maio do 68…) coa evolución psicolóxica do personaxe central. É dicir, empregar o contexto social, político, económico e cultural para construír a psique do protagonista.

Tamén destaca no haber desta serie a súa capacidade para tecer un discurso elegante e intelixente para reivindicar a moda como arte e aos grandes deseñadores como artistas capaces, como defendía Balenciaga, de xogar co aire, innovar no terreo dos tecidos e embelecer os corpos.

Pola contra, os dous grandes defectos dos creadores dunha película tan fermosa como Loreak (2014) e unha historia tan dura sobre a represión franquista como La trinchera infinita (2019) radican na expiación dos pecados de Balenciaga e, sobre todo, na selección do que decidiron contar e no que non.

Ao igual que lle sucedía a The Crown con Isabel II, os creadores non poden evitar ser benevolentes co deseñador. É certo que non escatiman as sombras na súa vida persoal, por exemplo, a súa forma de tomar decisións en contra das persoas que o rodeaban, ou unha maneira de actuar egoísta e tiránica. Sen embargo, parecen desculpar tódolos agravios por un ben superior: a creación artística. De aí, tamén, que decidan obviar os aspectos máis espiñentos da súa traxectoria, como a súa relación co sistema franquista, que fose deseñador habitual de traxes para Carmen Polo ou que deseñase o vestido de noiva da netísima do ditador.

Merece a pena ver Cristóbal Balenciaga? Si, é unha serie rodada e escrita de maneira elegante sobre un artista rompedor que se negou sempre a nadar a favor da corrente.

Cristóbal Balenciaga
Creada por Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga
Reparto: Alberto San Juan, Adam Quintero, Josean Bengoetxea