Ainara é unha adolescente que perdeu a súa nai e que non pode contar cun pai que máis que pai é unha ausencia, un home en permanente fóra de campo, que só se preocupa por ela para que exerza de nai das súas irmás pequenas. Os baleiros emocionais e afectivos que sente son enchidos pola Igrexa. Ata o punto de que Ainara cre que nun convento de clausura pode atopar as respostas e o amor que non encontra na súa casa.
Esta é a premisa de Os domingos, a nova obra de Alauda Ruiz de Azúa, a muller detrás da emocionante Cinco lobiños (2022) e dunha das mellores series españolas da historia, Querer (2024).
Unha película que confirma o talento da súa autora para afondar nas emocións humanas, meter o bisturí nas entrañas dese animal estraño que chamamos familia e evitar sempre a condescendencia co espectador.
Para moitas persoas, Os domingos é unha película que valida a posibilidade de que unha adolescente decida ser monxa en pleno 2025 e que castiga á voz da razón que loita para evitalo, a súa tía.
Tras irrupción das redes sociais, vivimos nunha era na que premia a literalidade e a confrontación directa. Unha película ten que oporse radicalmente a unha idea, manifestalo unha e outra vez a través dos seus personaxes e lembrárnolo en cada plano.
O cine de Ruiz de Azúa vai na dirección contraria. Defende dende o texto, pero tamén dende a posta en escena a revolucionaria idea de que sexa o espectador o que analice o que ve e que non sexa a propia directora e escrita a que o fai por el.
Quere dicir isto que Os domingos é unha película equidistante como se ten dito dende a súa vitoria no Festival de Donostia? Non podo estar máis en desacordo. Cada decisión de posta en escena permite a Ruiz de Azúa transmitir a soidade da súa protagonista e recrear o convento como unha gaiola.
Nesta película non hai curas e monxas pérfidos e maquiavélicos ata a caricatura, pero iso non impide á cineasta amosarnos as tácticas de manipulación que artella a Igrexa para seducir a unha rapaza que so busca atopar unha saída para a súa dor, un anhelo de esperanza, un pouco de confort emocional.
Ao fin e ao cabo, o diaño está nos detalles.
Precisamente, escribir e rodar con sutileza é o que permita a Alauda Ruiz de Azúa compoñer secuencias aterradoras (a batalla no convento entre a madre superiora e a tía; Ainara alcanzando un falso éxtase na igrexa…) e obrigarnos a comprender que por moito que teñamos a razón, hai veces nas que é imposible gañar. Aínda que soe pesimista, a resignación tamén pode ser unha saída.
Os domingos é unha desas películas que nos convidan a cuestionarnos por dentro e debater coas persoas que temos ao noso carón. E, tamén, a rogarlles que non nos deixen sós.

Os domingos
Dirixida e escrita por Alauda Ruiz de Azúa
Reparto: Blanca Soroa, Patricia López Arnaiz, Miguel Garcés





