Dous meses e medio despois do seu pasamento, Aurichu Pereira Carballo (1940-2023) -pintora, música, deseñadora de moda, activista cultural e muller comprometida co nacionalismo galego- recibiu o pasado día 11 de xaneiro unha homenaxe póstuma nas instalacións do Museo do Pobo Galego (Santiago), entidade que ela axudara a crear. Ducias de persoas acompañaron no acto aos seus fillos Salvador, Moncho e Fran, e a quen foi a súa parella durante as catro últimas décadas, Xosé Manuel Beiras. Foi este último quen repasou na súa intervención as diferentes etapas vitais da homenaxeada, resaltando moi especialmente o proceso no que desenvolveu a súa creatividade, por unha banda, e o “seu heroico proceso de emancipación como muller”, pola outra. Rematou, emocionado: “Disque o Beiras viviu dúas veces. Pois a segunda vida miña deuma Aurichu. Até que ela, fisicamente, finou. Eu morrín con ela dalgún xeito: eu non sei ben quen son agora, só sei que ela está viva dentro de min, e que, darredor, só hai baleiro e frío”. A filóloga Olga Nogueira, a comisaria das exposicións da súa obra -a de O meu Courel imaxinario (Ourense) e a antolóxica de pintura e deseño de roupa que permanece aberta no Museo- Mercedes Rozas, o cantautor Miro Casabella, o guitarrista Tomás Camacho, a poeta Oriana Méndez, o contacontos Celso F. Sanmartín e o acordeonista Tomé Mouriño participaron tamén na homenaxe. O texto que reproducimos é co que X.R. Fandiño, coordinador do acto, abriu as distintas intervencións.
Hai dous meses e medio que se adentrou polo camiño das escumas silandeiras. Desaparece a figura física de Aurichu, pero quédanos o pracenteiro consolo da súa condición de artista integral: pintora, música, deseñadora de roupa, de cidadá activa e comprometida coas causas xustas e coa loita de liberación nacional de Galicia como horizonte.
A vida de Aurichu iniciouse en Santiago en xaneiro de 1940. Moi nova recibiu as primeiras directrices artísticas do gran pintor Carlos Maside, na casa da Rúa do Vilar na que Maside exercía un maxisterio socrático cos mozos que se lle achegaban para compartir con el o seu exilio interior.
As ensinanzas e palabras de ánimo de Maside, Seoane e Patiño prenderon no seu corazón de bolboreta, e convertéronse no seu modelo a seguir como guieiros dunha figuración comprometida co seu tempo.
Aurichu apreixaba e facía súas as ideas de Maside porque seu pai, don Xesús Pereira, era un mestre republicano coa impronta do que fora a pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza.
Ao estalar a Guerra Civil, don Xesús foi represaliado e deixárono sen escola, pero en 1945 un grupo de amigos cultos e belixerantes co franquismo contratárono para ser mestre dos seus fillos na preceptoría San Xosé en Santiago.
Don Xesús Pereira marcou para sempre a todos os que foron alumnos seus. Compartía con eles o seu tempo dentro e fóra da aula, e ensináballes o amor pola natureza e por todas as manifestacións culturais. Subían con el aos montes máis emblemáticos de Galicia en excursións que se convertían en leccións vivas. Por outra parte, procuraba por todos os medios espertar o seu interese poñendo especial empeño no uso da linguaxe, para o que lles estimulaba interese pola lectura.
Levada polo seu entusiasmo característico e impulsada polo motor da súa vocación artística, Aurichu trasladouse a Madrid para recibir clases de pintura no Casón do Bo Retiro e preparar o ingreso na Escola de Belas Artes.
De volta a Galicia, interesouse polo movemento plástico da Estampa Galega e participou en diversas exposicións colectivas.
En 1973 participou na Coruña na exposición de Xóvenes Artistas Galegos, promovida por Luís Seoane e Reimundo Patiño. As ensinanzas e palabras de ánimo de Maside, Seoane e Patiño prenderon no seu corazón de bolboreta, e convertéronse no seu modelo a seguir como guieiros dunha figuración comprometida co seu tempo.
E para definir a elegante compostura e a personalidade de Carlos Maside, Aurichu dicía que tiña uns ollos e unha mirada imperecedoira, imposible de esquecer.
Forzada polas obrigas familiares de criar e educar os seus catro fillos, a súa querida Cristina e os seus queridos Salvador, Moncho e Rafa, abandonou a pintura e centrou o seu temperamento no deseño de roupa que marcaba tendencia en Xanela, que ese era o nome da tenda de Aurichu na Fonte Sequelo, e que era, asemade, punto de encontro, parladoiro e ágora á que acudían artistas, músicos, poetas e amigos diversos que crían que un mundo mellor é posible.
Nos anos 90, Aurichu retomou os pinceis e inaugurou unha nova etapa no ano 2004 cunha exposición individual na Galería Sargadelos de Santiago, que apadriñaron o escultor Silverio Rivas e o pintor Xosé Luís de Dios. A esta sucederon outras, individuais ou colectivas en Ourense, Tui, Vigo, Vilagarcía, Noia, A Coruña.
De todas elas quero destacar a titulada O meu Courel imaxinario, inaugurada en 2011 no Centro Cultural da Deputación de Ourense, exposición coa que deu un xiro estilístico á súa obra..
Pois ben. Aquí estamos os seus amigos, poetas, músicos, andantes e navegantes, para renderlle o noso respecto, recoñecemento e cariño e para homenaxeala como a Aurichu lle gustaba: con palabras, con música e coa súa obra pictórica.
A vida de Aurichu foi unha torre de ética por riba de todo. Parafraseando a Margarita Ledo, que todas as pombas azuis que soñou a acompañen sempre.