Sábado 10, Xuño 2023
HomeComunicaciónAs series galegas online presentes nos Mestre Mateo

As series galegas online presentes nos Mestre Mateo

A Academia Galega do Audiovisual anunciou a semana pasada que a produción online Angélica y Roberta está nomeada aos Mestre Mateo como mellor serie galega. É a primeira vez que se lle da recoñecemento oficial a unha serie online en Galicia. Este fito visibiliza obras audiovisuais feitas para Internet como é o caso de Angélica y Roberta, pero tamén de tantas outras como Non saímos do lixo ou nos seus primeiros tempos, Para mariñeiros, nós.

Angélica e Roberta, é dicir Sandra Lesta e Sonia Méndez, acaban de conseguir que a súa serie online estea nomeada aos Mestre Mateo e así “abrir brecha no sector”. “A Academia ampliou este ano o apartado de series de televisión para que puidesen participar tamén as de Internet”, explican as creadoras audiovisuais. Iniciativa que aplauden xa que “a rede presenta novas e interesantes portas para o sector”.

Internet deu a posibilidade a estas directoras, actrices e guionistas de dar vida ao guión dunha serie que tiñan gardada no caixón. Angélica y Roberta conta o día a día de dúas rapazas que viven xuntas. A historia da unha visión feminina do cotidián co engadido de que as protagonistas son unhas freakis da ciencia ficción e de Jonny Deep.

Para Sandra e Sonia o futuro da serie está nas mans dos seguidores, “se eles queren, nós seguimos”, polo que parece que haberá unha segunda tempada. As creadoras non pechan a porta a súa emisión na televisión, aínda que avisan que “interesar ás televisións non é unha prioridade, o importante é o público”.

Para mariñeiros, nós

Para mariñeiros, nós, naceu no ano 2006, sendo unha das primeiras series online galega. Os mariñeiros Pinto e Cobiñas aparecían nunha curtametraxe que o equipo da serie presentou no Festival de Boiro. “Nos gustaron tanto os personaxes creados que decidimos seguir facendo pezas pola nosa conta cos mesmos”, explica o director da serie, Omar Rabuñal.

[quote style=”boxed” float=”left”] Conseguiu dar o salto á televisión, emitíndose en V desde 2010[/quote]A produción conseguiu dar o salto á televisión, emitíndose en V desde 2010. Cada vez é máis habitual este paso de Internet á televisión. Series online con éxito entre os internautas acaban emitíndose na televisión. Nalgunhas ocasións coma foi o caso de Quaterlife non convenceron aos espectadores e acabaron por desaparecer. En cambio, a serie española ¡Qué vida más triste! abriuse paso na Sexta mantendo o éxito que acadara na rede. Pero, non para todas as producións a televisión é a finalidade, a serie andaluza Malviviendo, con medio millón de espectadores por capítulo, resístese a entrar na pequena pantalla.

Para mariñeiros, nós é unha mini serie de humor que conta as aventuras de dous mariñeiros, interpretados por Suso Lista e Daniel Castro, Pinto e Cobiñas. Para eles o salto á televisión levounos a poder traballar no día a día no audiovisual, foi “pasar de facer unha peza cada dous meses a tres diarias”. E por esa serie, estiveron nomeados aos Mestre Mateo o ano pasado pero xa coma serie de televisión, non como produción online. Agora márcanse unha nova meta, pasar pola grande pantalla, “estamos facendo o guión para a película e buscando produtoras ás que lles interese levalo a cabo”.

Non saímos do lixo

Outra das producións audiovisuais galegas máis consolidada é o programa de humor Non saímos do lixo. A produción comezou coma un informativo musical da páxina Komunikando TV e agora é unha serie de humor. Segundo o seu director Denís Mutante, “o humor é un eido que consideramos que está abandoado na TV do país”. Por iso, “quixemos gravar un programa de humor semellante a Vaya Semanita ou Little Britain” sobre a realidade galega. Polos sketches de NSDL páseanse persoaxes coma “Os jallejos”, “O capitán GZ” ou o monstro “Kriterio” que cun humor corrosivo tratan a idiosincrasia galega.

Para Denís, o obxectivo do equipo de NSDL era crear unha “serie que nós divertira, e segue existindo porque demos cun público ao que divirte e quere que siga”. O futuro máis inmediato pasa por “gravar os dous programas que restan á segunda tempada, cos que rematará a serie”.

A rede, escaparate de artistas

Cada vez son máis os produtos audiovisuais galegos na rede. Actores e humoristas da televisión e a radio comezan a ver Internet como un escaparate. Carlos Tresandí, membro do grupo de humor Cada día peor, di que Internet é un bo medio para chegar á xente. O trío humorístico sobe á rede sketches de “Seve & Vituco Philms”, capítulos nos que recuperan un par de persoaxes que xa apareceron en programas da TVG e que desta volta, encarnan as esceas máis emblemáticas do cinema.

Tamén, actores como Luís Zahera e Xulio Abonjo, embarcáronse nos últimos meses nunha serie online “Entre Pipas”. E humoristas como “Os da Ría” dan publicidade aos seus espectáculos mediante pequenas pezas audiovisuais. Sen dúbida, Internet é xa presente para o sector audiovisual galego.