Unha das primeiras pexas con que bate a creación cultural é a falta de experiencia, de referentes ou de “savoir faire”. O abafo da páxina en branco é común a toda forma de arte. Ás veces, o principal atranco para a creación é a desconexión da ou do artista con outras figuras do seu campo que poidan servir como mentor ou como ligazón cos procesos e técnicas de creación. As Residencias Artísticas Mariñán, que celebraron a súa segunda edición durante o pasado mes de abril, xorden como unha resposta a esta situación, dando a oportunidade a un feixe de músicos, escritores e ensaístas en galego a deseñar e vivir de preto un proceso creativo completo, facéndoo ademais nun espazo excepcional como o Pazo de Mariñán.
Hai algo romántico na evocación deste “encerro creativo” que inevitablemente trae á cabeza aqueles días que Mary Shelley botou, xunto as amizades, enclaustrada na casa de lord Byron durante o “ano sen verán” de 1816. Propúxose daquela un xogo: a creación dunha historia de terror. Case se escusa de contar o resto: Shelley concibiu alá unha obra pioneira da ciencia ficción e un dos maiores expoñentes do terror gótico: “Frankenstein ou o moderno Prometeu”. Existe, xa que logo, unha potencialidade cando se xuntan e conviven talentos dispares que as Residencias Artísticas Mariñán procuran explotar, xa por segundo ano, e novamente impulsadas pola Deputación da Coruña.
Este ano foron oito os proxectos que entraron a formar parte do programa. Catro delas formaron parte da sección de Literatura e Pensamento, comisariado por Roberto Abuín. Estas iniciativas, seleccionadas por un xurado onde estiveron presentes a poeta Yolanda Castaño, o escritor Iván García Campos e mais a filóloga e ensaísta María López Sández, foron “Do outro lado”, de Francisco Rodríguez Casal; “Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras”, de Esperanza Mariño Davila; “A identidade agochada” de Laura Martínez Mateo e “Recuperando a memoria das ‘tolas’ galegas: o manicomio de Conxo a través das pegadas das súas internas”, de Carmen Marina Vidal Valiña. As tres primeiras son propostas literarias, mentres que a cuarta se integra na sección de pensamento.
Cada un dos proxectos ten espírito de seu. Mentres Francisco Rodríguez Casal aproa cara a unha obra de teatro que, materializada na súa propia aldea natal, narre o proceso da descomposición da comunidade rural galega e reflexione sobre o ecoloxismo, Esperanza Mariño Davila pon o foco na faceta literaria dunha das figuras sen as que non se entende a historia contemporánea de Galicia como é a de Xosé Manuel Beiras. Laura Martínez Mateo, pola súa banda, explora a identidade neofalante, ou a diversidade destas, a través da poesía, e Carmen Marina Vidal Valiña outorga voz ás silenciadas: as mulleres do manicomio de Conxo, cuxa memoria de “tolas galegas” se resucita para rescatalas da exclusión e do silencio.
No tocante ás Residencias de Música, outras catro iniciativas mereceron o recoñecemento do xurado para a súa inclusión nun programa que contribúa a alentalas. Ese xurado estivo conformado por Carlos Crespo, Patricia Hermida e Carles Sala, recaendo en Aitana Cuétara o labor de comisar a residencia na súa vertente musical. Os proxectos seleccionados foron ‘Traspielas’ de Su Garrido Pombo; a banda Cantometrics, o colectivo aTorna e ‘Marearte’ de Chumba.
Su Garrido Pombo propón, acompañada de Fran Rodríguez Casal, Marco Maril, Macarena Montesinos, Coral Piñeiro e Iago Ramilo, celebrar con ‘Traspielas’ a memoria colectiva dunha aldea a través da música, da arte escénica e visual e o texto. Durante a residencia, o proxecto avanzou a través da colaboración con artistas doutras disciplinas e estilos musicais -electrónica, experimentación, tradicional…-.
En canto a Cantometrics, esta banda revive a viaxe e as pegadas da fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson na Galicia de hai un século. O grupo inclúe cinco músicos galegos de ampla traxectoria e estilos eclécticos -pop, folk, electrónica, tradicional, clásica…-. Este equipo está formado por Marina Vigo á gaita, Luís Bolón na zanfona e percusións, Sandra Pérez en láminas e percusións, Nébeda Piñeiro na voz e Fran Trashorras ao acordéon. A súa proposta é traballar nunha peza audiovisual que combina as imaxes orixinais de Anderson co seu repertorio musical, inspirado na obra da fotógrafa.
O terceiro proxecto da área musical é aTorna, que integra o galego Gabi Reboredo e os cataláns Gutier Álvarez e Adrià Grandia con cadansúa tradición musical e percorrido persoal. Conflúen neste proxecto tomando o rito colectivo, nun novo espazo de creación libre onde indagar nos mecanismos e códigos herdados por séculos de tradición. A aTorna correspondeulle ademais o peche da actividade o venres 26 de abril, nun acto onde estivo presente a deputada de Cultura da Deputación, Natividade González, e no que puideron amosar un fragmento do seu proxecto.
Por último, a cuarta iniciativa da residencia musical foi ‘Marearte’ de CHUMBA, un colectivo musical formado por Alba Pego e Martín Sampedro. Este proxecto artístico de inmersión procura representar unha sociedade mal conectada coa súa contorna, fusionando a creación sonora para desenvolver ambientes e atmosferas coa musical, onde mestura vangarda e tradición, e a visual, que bota man de videomapping e videoproxeccións. O resultado é unha proposta envolvente e transgresora.
As Residencias Artísticas aséntanse como motores de creatividade cultural
Durante o acto de peche, Natividade González puxo en valor as residencias por reforzaren “as liñas do departamento de Cultura provincial de axuda á creación a través deste programa centrado non nas pezas ou resultados finais, senón no apoio aos procesos creativos en contextos de aprendizaxe e traballo comunitarios”.
No mesmo acto, Roberto Abuín salientou a importancia da iniciativa provincial “non só para crear contextos para a creación e o pensamento, senón que creo que tamén hai unha tarefa, por parte das institucións, que é unha tarefa pedagóxica: a institución non é só un espazo para administrar os recursos públicos, senón que debe tamén ser tamén un espazo de creación que abra posibilidades”.
Aitana Cuétara considerou que moitas veces “as asesorías e a formación están máis enfocadas a cuestións relacionadas coa venda, distribución, comunicación, escenografía e vestiario, pero neste caso quixemos traballar en facilitar o proceso creativo, coma asesorías etnográficas, de tratamento de letras tradicionais ou mesmo antropolóxicas”.
Da anterior edición das Residencias saíron nomes e proxectos que xa son ben coñecidos no panorama cultural galego, caso de Berto, Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal. De feito, traballos como ‘Quitar o aire’ (Caamaño&Ameixeiras) ou o proxecto Cuarteto Federal de jazz que agrupa músicos galegos (Xacobe Martínez), andaluces (Javier Galiana), de Cataluña (Guillem Arnedo) e Canarias (Kike Perdomo) naceron no pazo. Tamén nas residencias xurdiron “Só un solo”, co que Mario G. Cortizo pechou o festival Classical:NEXT de Berlín e conquistou o Premio Martín Códax da música galega en 2023; e a exitosa ‘Iribarne’, de Esther Carrodeguas, que o Centro Dramático Nacional levou a escena.