As persoas aínda non cotizamos na bolsa 

Despois de Vidas pasadas (2023), un dos mellores dramas sobre o amor na era dixital, resultaba pouco esperable que a cineasta coreano-canadense Celine Song fixese unha película como Materialistas. Por iso, aínda sendo unha película rotundamente inferior que aquel filme intimista, sen estrelas e deliciosamente rodado, é de celebrar a existencia desta comedia romántica, nunca momento no que o xénero está en franca decadencia. 

Sorprendentemente, dende certa cinefilia tense considerado á comedia romántica coma un xénero menor e sen moito interese. Todo ilo a pesar de que o transitaron autores como Ernst Lubitsch, Frank Capra, Billy Wilder, Woody Allen ou Nora Ephron. Celine Song vennos a lembrar, por unha banda, que os xéneros non son máis que un saco de regras combinables de múltiples formas, e, por outra, que se pode facer unha romcom con diálogos afiados e que non teña medo a meterse en temas interesantes. 

Así, a historia dunha casamenteira que xunta a profesionais liberais de éxito e á clase alta hereditaria de Nova York está lonxe de ser un relato cunha visión do capitalismo amable. 

Song escribiu e dirixiu unha romcom que comeza seguindo o legado dalgunhas películas canónicas e que, cando te das conta, está facendo unha emenda á totalidade ao diñeiro como unidade básica de medida das nosas vidas e á forma na que o sistema patriarcal consegue sobrevivir a pesares da loita infatigable do feminismo, 

Estamos ante unha das primeiras comedias románticas estadounidenses abertamente anticapitalistas en décadas? Posiblemente. 

Tampouco é que nos poida sorprender dunha cineasta que na súa primeira longametraxe elaborou un tratado sobre a co-responsabilidade afectiva na era da comunicación instantánea e os sobre-estímulos sexuais e amorosos. 

O capitalismo especula coas nosas ganancias, os nosos aforros, os nosos traballos, as nosas vivendas e as nosas cidades. Imos deixar que tamén especule coas nosas emocións e relacións sentimentais? Celine Song teno claro e a protagonista de Materialistas, unha magnética Dakota Johnson, remate aprendendo a lección. 

Para conseguilo, a cineasta non dubida en darlle un xiro inquietante e opresivo a unha película que parecía xogar a debuxar un triángulo amoroso entre a rapaza de clase obreira con soños de ser rica, o pobre de bo corazón e o rico demasiado preocupado das aparencias. 

Nun mundo no que o status económico se filtra en tódalas nosas relacións profesionais e persoais, Song lémbranos algo tan obvio e tan revolucionario como que o importante é ser boa persoa e estar disposto a sacrificar parte do que un pensa e do que un é para atopar un punto de encontro coa persoa á que ama.  

Por iso, Materialistas é unha película que vale a pena ver. Ademais, ten uns diálogos deliciosos, unha posta en escena elegante e un reparto fantástico. 

Song non nos deu a segunda película que esperabamos. E debemos darlle as grazas por ilo, aínda que non sexa tan boa como Vidas pasadas. 

 

Materialistas
EE.UU. 2025
Dirixida e escrita por Celine Song.
Reparto: Dakota Johnson, Chris Evans, Pedro Pascal, Marin Ireland.