A escusa para a conversa é a publicación de Alusión (Galaxia, 2011) pero os temas son transversais e lévannos desde o autoral ao político, do concepto de comunidade até a preocupación polo mantemento das liberdades na sociedade galega. Como bos docentes da universidade, saltamos de cando en vez a un diálogo pseudoacadémico que coutamos como podemos. Alusión é o que queda de Efémeras Lándoas, un blog que xa non é accesible no blogomillo, no que Arturo Casas (A Coruña, 1958), con compromiso e humor, foi falando e retrucando ao longo dun ano. Concertamos a cita na Facultade de Ciencias da Comunicación. A Arturo Casas parécelle máis “aireada” cá de Filoloxía. Non podo deixar de coincidir con el cando saímos á terraza do terceiro andar facer as fotos de rigor. O vento e a incomodidade compartida diante do obxectivo dannos un aquel espeluxado, por dentro e por fóra.
Marta Pérez Pereiro. Por que un blog tendo a posibilidade de romperlles a cabeza aos alumnos nunha aula con liberdade de cátedra?
Arturo Casas. O blog naceu porque tiña a expectativa de impartir un curso de mestrado sobre blogs e pareceume que non estaría mal pasar á experiencia de ter un. Era o abraio que sentía ao ver o nivel de debate que había nalgúns lugares e, de maneira moi significativa, no blog de Marcos Valcárcel, As uvas na solaina, onde me parecía que había un ambiente goliardesco, bastante masculino, por outra banda, pero á vez moi socrático, de debate, moi simposíaco, como se todo o mundo estivese a bastante distancia pero a certas horas da noite especialmente lúcidos, bébedos (ri) e coa lingua moi solta. De tal maneira que era o sitio en que atopaba máis verdade.
M.P.P. Supóñolle o atractivo como relato para alguén que traballa coa literatura.
[quote style=”boxed” float=”left”] Un blog ten elementos dramáticos, nos que os personaxes asumen roles teatrais [/quote]A.C. No blog hai elementos narrativos e tamén dramáticos, no sentido de que hai moitas voces que constrúen un personaxe. Teño experiencias moi simpáticas de comentarista de blogs, de chegar a facer pezas teatrais, moi extensas, a base de participantes que de maneira paulatina van asumindo un ou varios roles teatrais. É escribir unha peza teatral en directo e algunha desas cousas durou ata unha semana. Iso para un profesor de teoría literaria é interesante, de aí que me achegara con mirada máis científica, aínda que é unha palabra moi altisonante, que coma autor.
M.P.P. E foi virando a autor?
A.C. Foi virando a autor, si. Sobre todo, porque fun autor, fun poeta e coa escrita no blog volvín experimentar esa sensación algo vergoñenta do pracer da escrita, de traballar a palabra e a linguaxe e as ideas. E tiña iso algo esquecido.
M.P.P. Nese sentido, hai unha cuestión da que falaba nos posts, a de facer unha separación entre o blogueiro que escribe fóra e a que só escribe no blog. Cre que hai unha diferenza entre certo exhibicionismo e o amor pola escrita?
A.C. Creo que todo escritor ten algo de narciso, no momento en que un quere amosar algo que fixo. Pero efectivamente creo que hai unha especie de blogosfera de consumo, fática, simplemente de establecemento de contacto, que ten que ver coa idea da inmediatez de dicir onde estás, que estás facendo, que les, con quen saíches. Ten que ver coa tradición da diarística, sobre todo da diarística da intimidade, non da diarística pública que tamén existe en determinados países, como Francia. Pero si que é certo que determinados sectores da blogosfera, diría que e arredor dun 90%, pertencen a ese sector de escritura perfectamente trivial.
M.P.P. Entón nunca tirou unha desas fotos adolescentes de enfocarse desde arriba que tanto saíron nun tempo nos blogs.
A.C. Non, non. Pero iso está ben, porque sacar unha foto desde arriba empequenece a estatura moral do individuo (risas).
M.P.P. Agora fanse máis fotos frontais, cos teléfonos móbiles. Ten Iphone?
A.C. Non.
M.P.P. Ten facebook?
[quote style=”boxed” float=”right”] De facebook fago un uso puramente perverso para buscar cousas singulares, fotos de amigos [/quote]A.C. Bah, abandonei tamén. De facebook fago un uso puramente perverso para buscar cousas singulares, fotos de amigos, pero non estou convencido de que aquilo para o que eu quixen facer o blog teña funcionalidade en facebook. Useino en certa medida coma unha especie de repositorio de fotopoemas que nalgún momento intentei facer, foi unha especie de taller nese sentido porque, claro, é moi importante ese feedback que hai aí.
M.P.P. E twitter?
A.C. Tampouco. Sempre preferín un ritmo máis pausado, un ritmo máis analítico que non atopo. Twitter interésame por esa dimensión da mínima expresión que é tan do noso tempo, o relato reducido ao mínimo, ese ritmo case explosivo. Estou convencido de que se me metese, acabaría pillado. Pero creo que non me vou meter nunca.
M.P.P. Que vantaxe ten o blog logo?
A.C. Están as fotografías, a pintura, en fin, toda a parte visual que ademais se pode manipular. De feito a medida que avanzaban eses doce meses en que tiven o blog fun entrando por esa vía de manipular, de facer xogos. E logo está a música, a banda sonora do blog. O blog era tamén unha especie de enciclopedia para entender o país, a conxuntura. Por iso pasar todo aquilo a libro non deixa de ser unha poda un pouco truculenta que ademais supuxo prescindir dos comentarios, unha parte importantísima.
M.P.P. Non estamos un chisco obsesionados co papel? É unha das cousas que se pregunta tamén no blog.
A.C. Estamos algo obsesionados con documentar todo. Son os signos do tempo. Creo que na universidade de maneira moi particular estamos moi obsesionados con planificar un futuro que cando chega xa o temos que someter a memoria. Cando chega o futuro que planificamos xa temos que elaborar a memoria do que pasou. Está unha sensación de que vivimos nun presente intanxible, porque no momento que chegamos xa temos que prepararnos para dicir como nos foi. Estamos documentando permanentemente a fase previa e a fase ulterior, e esa obsesión resta vida.
M.P.P. Aínda así é unha mágoa que non poidan perdurar determinadas cuestións do blog como o uso do humor. “Anunciacións”, un dos posts recollidos en Alusión, é unha boa mostra.
A.C. Teño unha vocación un pouco inglesa do humor, de tal maneira que sempre teño unha mirada un pouco cómica sobre a realidade, e o blog favorecía iso. Teño rido ata escachar lendo blogs. Tamén teño sorrido, que é outra dimensión. Falo como testemuña, como persoa que pasou por iso. Non falo do meu porque ti estás dentro, estás na cociña preparando. Intentei explorar bastante nesa dirección. Este libro estaba cheo tamén de falsas noticias, de parodias, inventei personaxes que non existen, libros publicados e autores que tampouco, o mesmo que traducións, chega un momento en que a propia noción de realidade entra nun certo desequilibrio. Recoñezo que moita xente é moi contraria a que o discurso político que, en certa medida estaba no blog, teña tamén un contrapunto humorístico. Existen esta posición e recoñezo que é seguramente unha posición maioritaria no noso país.
M.P.P. Ese discurso político de Efémeras Lándoas mantivo unha liña constante de observación da realidade, con especial atención á relación entre o goberno e a cultura galega.
[quote style=”boxed” float=”left”] O poder sempre trata con prevención o mundo cultural porque, pola súa propia natureza, este non está cómodo na cuadrícula. [/quote]A.C. O poder sempre trata con prevención o mundo cultural porque, pola súa propia natureza, o mundo das artes visuais, do teatro, das artes plásticas, da literatura, non está cómodo na cuadrícula, ten que escapar dela. Entón o poder quere facer un uso da creación artística en proveito propio. O máis rico que ten Galiza como nación é quizais o seu dinamismo cultural. Desde unha óptica moi equivocada, iso debe rebaixarse, someterse, domesticarse. E dá a impresión de que moitas das decisións que se toman van nesa dirección, nesa liña. Centralizar, non favorecer o cooperativismo cultural, pero o país a ese nivel ten unha forza extraordinaria, non se vai deixar someter.
M.P.P. O pobo sabe isto?
A.C. O pobo xa non existe.
M.P.P. Falamos entón de “comunidades”, do sentido de comunidade?
A.C. Comunidades… hai unha reacción no sentimental e no emocional moi forte pero insuficiente desde unha perspectiva de acción política e de eficacia. En xeral, o mundo cultural galego nunca soubo combinar de maneira eficaz, de maneira feliz, os programas a longo e medio prazo co efectismo do momento. Unha das cousas que habería que resolver é esa tendencia a descoidar os obxectivos a medio e longo prazo. Pero estamos a falar de cuestións que tamén pasan noutros ámbitos, o 15M e os movementos semellantes no mundo, os que conduciron á revolución no norte de África… creo que confiaron excesivamente nunha dialéctica negativa, nun non, e esquecéronse de considerar que é necesario un programa de intervención directa no ámbito político. Hai que pasar do social ao político.
M.P.P. Galicia é unha sociedade líquida ou aínda estamos noutro lugar?
A.C. Ao paso que levamos, imos ser unha sociedade gasosa! Creo que líquidos somos todos, porque obviamente os bloques en que estamos afeitos a considerar o mundo, a realidade, a historia, son cousas que deberíamos superar. Entendo que fan falta novas linguaxes. Que pasan pola política e pola cultura. E unha desas linguaxes que me parece máis interesante é a do igualitarismo, que defende a filosofía política de Jacques Rancière ou daqueles que están pensando que significa ser suxeito a estas alturas da historia. Que tipo de subxectividade podemos poñer a dialogar coa historia no século XXI e que nocións poden suplir as carencias dinamizadoras que tiveron no seu tempo as ideas de nación, as ideas de pobo, que probablemente hoxe perderon bastante percorrido, en termos culturais e en termos políticos.
M.P.P. Temos que darlle a volta a aquela frase de Bill Clinton, “it’s the economy, stupid!” para retomar o camiño da política?
A.C. Coincido cunha liña de reflexión que desenvolve Chantal Mouffe cando di que hai que regresar, máis ca á política, ao político. E significa aceptar que o conflito existe sempre, que hai que buscar solucións pactadas.