60ª Bienal de Venecia. A polémica descolonizadora 

“Stranieri Ovunque”,  que significa “extranxeiros por todas partes”, título que aporta o colectivo artístico contemporáneo Claire Fontaine fundado en París e que ten a súa sede en Palermo, é o tema da Bienal de Venecia 2024. Considerada a mostra mais importante do mundo ou polo menos a máis mediática. Esta 60º edición está comisariada por primeira vez por un latinoamericano, Adriano Pedrosa, director do Museo MASP de Sao Paulo. “Non importa onde te atopes. Sempre es realmente, e no fondo, un estranxeiro”, aduciu. 

Foi inaugurada o 20 de abril e permanecerá aberta ata o 24 de novembro deste ano. A duración é evidente pola repercusión económica que aporta ao turismo desta fermosa cidade dos canles. Turismo de elite. 

A polémica proposta de Sandra Gamarra.

Estiven recentemente e durante catro días visitando e desfrutando desta polémica edición, que aborda como temática nuclear a experiencia dos estranxeiros, inmigrantes, expatriados, exiliados e refuxiados que ao longo do mundo se moven con extrema inseguridade, desprezo, e en moitos casos xogándose a vida como acotío estamos vendo no noso país coas pateras que converten o Mediterráneo nun gran cemiterio.  

No centro da polémica está o pabellón español representado por Sandra Gamarra (Lima, Peru, 1972) co seu proxecto “Pinacoteca migrante”, que ocupa seis salas. Proposta que tenta amosar as consecuencias da colonización española. 

A crítica especializada veu sendo ata agora un pouco cruel tachando a proposta desta edición de banal e oportunista. De primeiras, que un evento tan importante esperte polémica coido que é importante. Convida a discutila en amplos circuítos de artistas e historiadores da arte contemporánea. A polémica, con todo, ten un caldo de cultivo no debate que en paralelo veu tendo vida con anterioridade nos ámbitos das artes. Provocada en boa medida por unha corrente que defende a “descolonización na arte”. Xa comezou en Arco neste mesmo ano e estendeuse posteriormente a museos, tanto españois como internacionais. O mesmo ministro español de Cultura, Ernest Urtasun, recoñecía esa cultura colonial herdada e prometía revisala.  

No centro desta polémica está o pabillón español representado por Sandra Gamarra (Lima, Peru, 1972) co seu proxecto “Pinacoteca migrante”, que ocupa seis salas. O comisario é Agustín Pérez Rubio. Esta proposta tenta amosar as consecuencias da colonización española. A invasión, o racismo, o neocapitalismo, o patriarcado preséntanse como unha ollada crítica co relato histórico popularmente coñecido. Aínda estamos a voltas coa memoria histórica. Ao meu ver, a proposta non consegue o seu obxectivo. Artista tecnicamente correcta, pero cun discurso para min descontextualizado do tempo, e xa que logo, denotando unha importante falta de rigor.  Todos sabemos que a historia depende de quen a conte.

As críticas de expertos tachando esta Bienal 24 de folclórica e confusa veñen motivadas pola excesiva cantidade de proxectos artísticos realizados por tribos de lugares afastados das metrópoles latinoamericanas. Un trinta por cento. Un número importante de colectivos de artistas que viven en extensos espazos selváticos, e que producen obras de deficiente técnica pictórica, son en parte os protagonistas desta Bienal. Porén, a miña percepción é positiva. Coido que aportan unha visión moi auténtica e diferente ao que nos teñen acostumados os grandes museos coas súas supermostras da sociedade do espectáculo ateigados de grandes nomes que se repiten con frecuencia. Nestas obras predomina o “como” sobre o “que” nos queren transmitir. Existe por tanto un cuestionamento por parte destes indíxenas, colonizados, disidentes, queer e inmigrantes do canon do poder das vangardas artísticas dos centros hipercapitalistas e dos mundos transestéticos. 

Á parte das polémicas e debates que toda Bienal concita, destacaremos algunhas obras que están moi en línea coa proposta común do comisario. Por caso, os traballos realizados polas mulleres maoríes Mataaho, asi como  o espectacular mural do colectivo brasileiro Mahku na fachada dos Guiardini.  

Dos 331 artistas representados destacaría a artistas como Nedda Guidi, Xiyadie, Muholi Zanele, Fred Kuwornu, Bouchra Khalilique, que contrastan con obras de clásicos como FridaKahlo, Wifredo Lam ou Diego Rivera. 

O outro gran espazo da Bienal é o Arsenale, onde unha obra destaca sobre as demais, a chamada “O arquivo da desobediencia” de Marco Scotini. Unha instalación circular na que en 40 monitores se proxecta unha colección de videos que tratan da historia da migración, a política postcolonial e os movementos LGBTQ a nivel mundial.

Instalación de Dana Awartani

Dos 331 artistas representados destacaría a artistas como Nedda Guidi, Xiyadie, Muholi Zanele, Fred Kuwornu, Bouchra Khalilique, que contrastan con obras de clásicos como FridaKahlo, Wifredo Lam ou Diego Rivera. Tamén resultan interesantes certas instalacións, como a de Joshua Serafin ou Bárbara Sánchez-Kane.  

O que xa non será posible é visitar o pabillón de Israel. Pechárono como protesta da artista Ruth Patir polo xenocidio que o goberno e o exército dese país esta cometendo contra os palestinos.

En definitiva, unha Bienal que, malia as críticas, sempre cuestionables, merece ser visitada. Ademais, pasear por Venecia sempre é poesía visual.  Unha ledicia para os sentidos (a pesar dos turistas).