Kike España, experto en políticas urbanas e activista

Kike España, arquitecto de formación, é un investigador en desenvolvemento e políticas urbanas e activista social. É un dos dinamizadores do centro sociocultural La Invisible de Málaga, participa tamén na ULEX (Universidad libre experimental) e na Fundaci3n de las Comunes. Tamén figura como un dos editores da editorial Subtextos, promotor da librería Suburbia e colaborador do xornal dixital Elsaltodiario. A súa tese de doutoramento permanece inédita en castelán, mais conta con tradución alemá, accesible na web transversal (https://transversal.at/books/die-sanfte-stadt). Foi editor, xunto con Carlos Rosa Jiménez de Overtourist City. Estrategias para recuperar la habitabilidad del centro histórico de Málaga frente a la turistificación (Recolectores Urbano, 2022). Sen dúbida, trátase de unha das persoas máis cualificadas para achegar unha revisión crítica do modelo malagueño de desenvolvemento urbano, que nos últimos anos vén sendo presentado como un dos máis exitosos dentro do estado español. Útil, sen dúbida, para sopesar políticas urbanas que, como as que se impulsan actualmente desde o concello compostelán coas que afrontar a problemática turística e xentrificadora da cidade histórica. 

Nunha Carta del Director do diario El Sur, anunciábanse unha serie de proxectos privados destinados a fortalecer a oferta da cidade en ocio, cultura, turismo e entretemento e “avanzar no seu modelo de entorno urbano de vangarda” (El Sur, 14– 1–24). Que desde o xornal de maior difusión de Málaga se aplauda este modelo suxire que tamén atopa un recoñecemento positivo por parte da cidadanía malagueña. Porén, vostede é moi crítico con el. Por que? 

É certo que na última década as transformacións que se produciron en Málaga tiveron un apoio maioritario da cidadanía, cando menos no que se refire á democracia representativa e á forma en que actuou o partido que ten estado á fronte do goberno municipal, moi en especial personificado na persoa do alcalde Francisco de la Torre. En todo caso, malia que haxa unha aparencia de apoio dos cidadáns, iso non garante que iso sexa bo para a cidade aínda que haxa que acatalo democraticamente, e de feito ese apoio está cambiando. 

“Nos vinte e un últimos anos, o PIB por habitante de Palma de Mallorca reduciuse respecto de hai vinte anos, en cambio véndese que, como multiplicou por seis ou sete o número de turistas e visitantes, tamén se estaría multiplicando o crecemento económico”. 

En que sentido? 

Hai 20, ou mesmo 10 anos, unha crítica ao modelo turístico era algo que nin se podía mencionar mentres que hoxe, se non é maioritaria está perto de selo, porque a xente ve que se chegou a un límite insostible. O centro da cidade converteuse nun parque de atraccións, un modelo que non é só de Málaga senón de moitos outros lugares… 

Agora tamén nos sumamos en Galicia con Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago. Como facer ver que hai moitas razóns para considerar que o turismo non é un futuro sostible para o desenvolvemento dos territorios e as cidades? 

Citarei tres. O desenvolvemento entendido como crecemento ilimitado é algo indefendible. Non se pode defender un sistema que crece de maneira ilimitada, como é o capitalista, nun planeta con recursos limitados. Logo está o nivel de consumo e de forma de vida dentro das cidades, fenómeno que está conectado co anterior. E a seguinte razón é que con iso se fai do turismo a única industria que sostén o desenvolvemento económico.

Cal e a alternativa? 

Cando se di: cal é a alternativa, a xente en que vai traballar?, respondo: en Palma de Mallorca, nos vinte e un últimos anos, o seu PIB por habitante reduciuse respecto de hai vinte anos, en cambio véndese que, como multiplicou por seis ou sete o número de turistas e visitantes, tamén se estaría multiplicando o crecemento económico. Mesmo tendo en conta que, aínda que se considere de forma desagregada, o PIB per cápita é sempre moi inxusto porque non fala do desequilibrio que hai nese ingreso, nin sequera así supón un crecemento económico.

Málaga centro [ampliar foto]

Ou sexa, que do que se trata é de preguntarse a quen beneficia… 

Iso é. Porque se trata de beneficios que se canalizan cara empresas moi concretas pero que xeran un traballo moi precario, en condicións dunha inestabilidade bestial. Dese xeito, a xente sofre os efectos xerais da xentrificación habitacional, co que en realidade está cobrando moito menos, considerando os salarios indirectos que teñen que destinar ao pago de vivenda e ao aumento do custo da vida. Vívese nunha especie de ficción: hai un suposto auxe económico mentres que hai xente que apenas ten para comer, non pode facer fronte aos alugueres, non ten traballo ou só traballos moi precarios. A situación é moi tráxica. Poderán dicir que antes era peor. Seguramente, mais iso non xustifica que esta sexa a vía que cómpre seguir. 

“No Soho fixérono en dous actos: contratan os grafiteiros máis famosos do mundo para que fagan grafiti e pareza que isto está moi guai, acompañado dunha forte inversión para renovar o barrio…E vender a través dunha campaña publicitaria que aquilo xa era unha zona guai, converténdoa nunha das zonas máis cara e excluínte de Málaga”. 

Pasando ao tema específico da cultura, vostede critica ese concepto-marca de cidade dos museos, orientada ás visitas turísticas, porque exclúe iniciativas dirixidas a potenciar os creadores culturais locais. Con todo, podería obxectarse que para iso hai outras institucións, tamén  apoiadas polo concello, como por exemplo La Térmica ou a CAC… 

Comecemos polo CAC (Centro de Arte Contemporáneo de Málaga), que se chama así aínda que en realidade non ten a dimensión dun Centro de Arte. Fernando Francés, ata hai pouco o seu director, fachandeábase de que, para expoñer no CAC, primeiro tiñas que ser unha referencia mundial. Daquela a función do CAC é ningunha porque, se o Centro non é capaz de descubrir talentos emerxentes ou producións experimentais que ocorren ao seu redor, entón que función ten? 

Mais véndese a idea de que contribuíu a transformar un barrio, agora coñecido como Soho, Barrio de las Artes, non? 

Iso está relacionado coa operación de transformación do que se chamaba ata hai pouco o ensanche do Muelle Heredia, renomeado cun nome, Soho, que no ten absolutamente ningunha relación con Málaga. É un caso moi particular de superxentrificación, porque o que fai non é a xentrificación habitual, que normalmente comeza pola desinversión, é dicir, os poderes públicos non invisten, deixan que o lugar se degrade, xerando un clima de marxinalidade ata que a xente se vai. Logo prodúcese a inversión de capital e, ao baixar os prezos, comezan a vir clases creativas que buscan alugueres baratos e un contexto de certa informalidade favorable a determinadas producións, como grafiti, locais alternativos con marxe de manobra para producir fenómenos interesantes… A resultas diso, o espazo ponse de moda e créase unha capa de xente do mundo da arte xa cun proxecto económico detrás. Todo isto asociado cunhas industrias vinculadas á xentrificación, as panaderías que pasan a ser sitios de cupcake, perruquerías guais, cousas así. E é daquela cando xa suben os alugueres e todas esas clases quedan expulsadas polo aumento dos prezos. E con ese auxe prodúcese a inversión pública que termina de elevar os prezos, e os que investiron venden ou alugan e extraen as súas plusvalías. 

Centro de Arte Contemporánea, no Soho [ampliar foto]

Mais non foi iso o que ocorreu no Soho  Non, no Soho dixeron: imos facer isto en dous actos. Non nos dá tempo á desinversión, así que nin clases creativas nin informalidade nin nada, contratamos os grafiteiros máis famosos do mundo, que fagan grafiti para que pareza que isto está moi guai, acompañado dunha forte inversión para renovar o barrio, peonizar, abrir o CAC, iniciar un proxecto que se chama MAUS (Museo de Arte Urbano)… É dicir, vender a través dunha campaña publicitaria que aquilo xa era unha zona guai, converténdoa nunha das zonas máis cara e excluínte de Málaga. O propio Francés e a súa familia estiveron relacionados coas operacións inmobiliarias, incluíndo un espazo de apartamentos turísticos que se chamaba El Museo, coma una especie de broma macabra coa que nos intentan tomar por parvos.

O elemento que falta na túa descrición do fenómeno Soho é, paréceme, Antonio Banderas. 

Por suposto! Confeso que, cando Antonio Banderas presentou un primeiro proxecto para construír un teatro, sorprendeume a crítica de sectores da cultura local, e como diante desa crítica Banderas decidiu retiralo e levantar o seu proxecto sen ningún tipo de apoio público, co cal aparentemente a súa figura quedou lexitimada: fíxate, gastou o seu diñeiro para construír en Málaga un teatro estupendo, como os que hai en Nova York… O seu diñeiro, que é tamén o de La Caixa, porque o seu teatro se chama Teatro Soho La Caixa. Por outra parte, Antonio Banderas, aparte do teatro, ten cinco ou seis restaurantes arredor, que non constitúen unha forma de apoiar a cultura. Mais no seu proxecto inicial, no Astoria [o antigo cine Astoria, situado nun lugar estratéxico do centro de Málaga, pechou en decembro de 2004 e foi derribado en outubro de 2019; no seu solar Antonio Banderas proxectaba construír un Centro de Artes Escénicas], claro que buscaba o apoio público, buscaba que lle cedesen terreo público para facer un proxecto privado, altruísmo ningún. Que sexa famoso e que queira investir en negocios aquí non lle debería conceder ningún privilexio. 

“O centro cívico La Térmica hoxe é un rebranding que eventualmente tamén pode ter cousas interesantes, mais a dinámica xeral é moito máis excluínte e antidemocrática, moi lonxe de modelos como o de Media Lata, La Casa Encendida ou Matadero de Madrid, que tampouco é que sexan a panacea”. 

Con todo, é moi común que aos grandes inversores os poderes públicos lles concedan moitas facilidades…  Si, claro. Banderas personifica un novo Picasso un chisco máis cutre, a procura dunha figura nova que resuma a resonancia internacional do nome de Málaga para facela coñecida mundialmente, e o Soho é un dos últimos movementos onde se insire todo iso. 

La Térmica [ampliar foto]

Falemos agora de La Térmica. 

La Térmica era antes o Centro Cívico de Málaga, unha estrutura pública moi interesante que tiña moito que ver co tecido cultural de Málaga. As asociacións de estudantes podían solicitar o espazo de maneira gratuíta para facer uso das salas de conferencia, desenvolvíanse seminarios con axudas para a xente participante. La Térmica hoxe é un rebranding que eventualmente tamén pode ter cousas interesantes, mais a dinámica xeral é moito máis excluínte e antidemocrática, moi lonxe de modelos como o de Media Lata, La Casa Encendida ou Matadero de Madrid, que tampouco é que sexan a panacea. O curioso é que o concello de Málaga fixo unha serie de visitas a Madrid cando estaban xerando o proxecto de La Térmica, e a xente que dirixía nese momento Media Lata e Matadero dixéronlle que o mellor exemplo o tiñan en La Invisible. 

La Invisible é un centro social que defende que procesos de experimentación ou innovación política teñen que estar intricados coa invención, non repetindo fórmulas xa existentes senón fundíndose co social, entendendo que é nos espazos de incerteza onde se poden producir cousas novas que teñan valor”. 

La invisible [ampliar foto]

Que é La Invisible? 

É o que se coñece como un centro social de segunda xeración, un lugar onde se mesturan a experimentación política e a experimentación ou a creación cultural. Defende que calquera proceso que entenda a cultura de maneira política e democrática ten que estar interrelacionado cos procesos sociais. Por outro lado, defende tamén que procesos de experimentación ou innovación política teñen que estar intricados coa invención, non repetindo fórmulas xa existentes senón fundíndose co social, entendendo que é nos espazos de incerteza  onde se poden producir cousas novas que teñan valor. La Invisible vén da historia dos centros sociais e dos movementos de ocupación que en Málaga se deron nos anos 90, relacionados cos que tamén se deron noutras cidades, en España, en Alemaña, en Italia, que supuxo como un último bandazo do Maio do 68. Comezaron sendo un refuxio para a experimentación de novas formas de vida diante da neoliberalización da existencia. Os centros sociais de nova xeración pretenden facer unha operación de apertura radical, abríndose á sociedade sen perder as intencións orixinais, é dicir, experimentando novas formas de vida sen quedar cooptados pola relación co consumo, o mercantil e o Estado. De algún xeito o 15 M corroborou o que comezou con estes centros de nova xeración, que a radicalidade non está na marxinación e a autorreferencialidade,  senón en facer porosas e espallar novas formas de entender a vida, as relacións e as cousas.