POESÍA
Feliz Idade. Olga Novo. Colección Tambo, Factoría K de Libros. Kalandraka, 2019. 152 páxinas
por Teresa Seara
O que fica baixo o signo fractal do sete ten a virtude de dispensar vida e movemento manténdoo todo reunido no ser. Así o dixo Hipócrates e así sucede en Feliz Idade, libro que tardou sete anos en xestarse e que, nas súas sete partes, é un canto extremado á vida en continuo e total dinamismo, comezando e fenecendo sen pausa. Nel Olga Novo conta a experiencia gozosa da maternidade, preserva a memoria do pai e logra que o ser, a vida e o universo respiren ao unísono e se entrelacen por medio do amor, da beleza e da poesía conseguindo, ademais, exacerbar até alturas nunca vistas ese vitalismo cósmico tan de seu.
Todo empeza na concepción, “Fogonazo” ou vivencia radical que transforma definitivamente ao eu quen será en diante unha nai situando á filla, Lúa, no centro dun mundo de amor e de coidados. Durante o embarazo, o ser establece, por medio da resonancia mórfica, un diálogo bidireccional –e xa nunca interrompido– coa natureza e con todas as mulleres, sobre todo ancestras, que viviron a puxanza do feto nos seus ventres “facendo de min un oco no cosmos” onde xermola a “célula madre” do clan preservada no bosque de cromosomas, imaxe moi recorrente na escrita de Olga Novo, a onde se reintegra a memoria matérica do pai cando este falece.
A el, tótem e “centro eterno”, vai dedicada a cuarta parte do libro, “Zona tigre”, que dá conta do proceso dexenerativo dunha enfermidade que o devolve á infancia, pois devala “preciso coma un pole / ata facer del o neno que foi e que nunca se fora del / gardado no fondo dun arcón de cromosomas entre grans de centeo e de pobreza”. Nese intre conflúe coa neta, pero ela pronto adquirirá as destrezas que agora el perde inmerso como está nun declive irreversible que non lles impide aínda, tomados da man, comunicárense “en paxariño”, só con miradas e caricias. A afasia paterna tamén inverte os roles naturais de pai e filla. El é Anquises desvalido mentres ela, como Eneas, o leva ás costas ata a fin e sublima a súa morte, esa “penetración ao interior do universo”, conseguindo transformar a materia inerte do proxenitor en amada memoria que logra “non perderte / para sempre / mentres a herba medre”.
De certo, “a vida / só dá leccións de vida” negando todos os límites e así, en Feliz Idade, vindicativo e luminoso calembur, triúnfa unha tríade de forzas esenciais. Velaí o amor que, grazas á “polinización” e propagación da vida, vence “á existencia á materia á palabra”. Ou a beleza sempre indómita e nova –aínda sendo adoito reiterada–, tan feliz e tan poética a un tempo como rexo alicerce nos momentos de máxima caída cando o eu afirma: “sobrevivín e sobrevivo porque vexo a beleza e vai comigo”. E, sobre todo, a poesía que habita o mundo, capaz de “sobrevoar a escuridade e darlle senso”, de encarnarse na verdade primixenia reclamando para si a “Harmonía fractal” e felicísima do fento. Deste modo afírmase a palabra poética como materia que fai arder porque, de sempre nos versos de Olga Novo, “dicir e non arder… Como se pode?”.
_____________