Aprender a pedalear

«Fun eu o que dixen si cando debín dicir xamais» di unha canción de Deluxe, o anterior proxecto do músico coruñés Xoel López. Dende logo a vida nos ensina que López tiña razón. Constantemente nos atopamos en situacións nas que dicimos si, cando o que tiñamos que dicir era non. 

Aprender a rexeitar o que non queremos é, para moitos de nós, difícil. Esta sociedade nosa xira en torno a dicir si a todo: explotación laboral para intentar medrar, plans con amigos para non sentirnos sos ou padecer fomo, relacións sentimentais para seguir fuxindo da soidade (e para poder pagar o aluguer)…  

Mais existen persoas dispostas a pedalear en dirección contraria ao que non desexan. Persoas valentes e con determinación como a protagonista de Tres adeuses, a última e fermosísima película da cineasta catalá Isabel Coixet. Quizais a súa obra máis interesante dende aquel extraordinario díptico que compoñen Miña vida sen min (2003) e A vida secreta das palabras (2005). 

Neste filme, que adapta o libro Tres cuncas da escritora Michela Murgia, Coixet lévanos con ela a Roma fuxindo de algo que repele cada vez a máis persoas: a turistificación. 

Coixet fuxe da mirada de turista na que tanto se recrean os cineastas estadounidenses cando saen do seu país, para amosarnos a Roma das persoas normais como a profesora de Educación Física sobre a que xira a historia. 

Unha muller que ante o baleiro dunha ruptura e os problemas de saúde decide refuxiarse nas experiencias e persoas que a fan feliz, que lle dan ganas de seguir vivindo e de intentar desfrutar do día a día, e, sobre todo, dos pequenos anacos de beleza que salpican a nosa rutina diaria. 

Tres adeuses ensínanos a través da mirada limpa e o sorriso cheo de verdade de Alba Rohrwacher, quizais a mellor actriz europea desta década, o importante que é nesta vida aprender a estar sos. Que a túa parella te deixe non é a fin do mundo. Apuntarse a plans que non che apetecen nin o máis mínimo non vai saciar o buraco negro no se que pode converter a soidade mal exercida. Dicir que si por contentar a outros, aínda que sexan persoas ás que queremos, non é unha solución, senón pedalear en contra do vento.  

A película de Coixet pareceume tan fermosa porque é capaz de transmitirnos paixón por vivir unha existencia común e corrente, sen ambicións desmedidas que diría C. Tangana. Desfrutar dun restaurante local que non está asolagado de turistas. Gozar dun paseo en bicicleta. Deleitarse coas instantáneas que compón o encontro entre a arquitectura e a natureza. Emocionarse coa intelixencia e o humor da persoa que temos enfronte. Sentir a humidade e a emoción dun bico longamente agardado. Precisamente, a gran virtudes deste filme é que Isabel Coixet a través das súas imaxes pegadas á pel da protagonista logra que sintamos. E que fermoso é sentir nun mundo no que proliferan os insensibles.

Tres adeuses 
Italia, 2025
Dirixida por Isabel Coixet 
Reparto: Alba Rohrwacher, Elio Germano, Silvia D’Amico