Dándolle unha volta aos asuntos, mentres paseo polo Parque de Vioño, comeza a ferver o grupo de mensaxes da Academia: Parabéns! Bater de palmas! Corazóns de cores! Risas! Polgares de aprobación! Bicos! Máscaras! Emoticonas diversas e demostracións de alegría enchían de mensaxes o grupo… “Que diaño pasa hoxe?” pensei eu para min. A cousa non era para menos: a Academia viña de outorgarlle o seu Premio a Antonio Simón. Respondín como un máis naquela rafa de mensaxes e pasados un par de días quedei con el para falarmos do asunto.
A túa carreira é tan versátil e poliédrica que resulta difícil enfocar o tema cando un toca todas as cordas; aínda que, se cadra, ti prefires chamarlle “cabos” como bo navegante, xa que, canda ó teatro, o mar tamén é unha das túas paixóns. Non si?
No mar a única corda que hai é a do reloxo… Non é que me guste o mar en si, a min o que me gusta e navegar a vela.
Logo gústache sucar o mar que é como describir estelas sobre a superficie, como compor versos na auga, como facer poesía; por certo tamén editaches un par de libros de poemas…
Si, Erostana con Edicións do Castro en 1997 e Poemario 7 x 10 con Edicións Proscritas de Lino Braxe en 2013.
(…)

Antonio Simón e Francisco Oti durante a entrevista
Falemos de teatro.
Efectivamente, para min o teatro é o máis importante.
Cando comezaches?
Cando tiña 15 ou 16 anos e estudaba nos Maristas e a partir de aí…
Ata o de agora.
Efectivamente, ata o de agora que sigo sendo un espectador habitual e o ano pasado aínda dirixín ao Grupo Avelaíña de Pontevedra.
Un é mestre cando sabe máis, pero para chegar a ser mestre antes hai que aprender… Quen foron os teus mestres?
Aprendín facendo e vendo teatro… pero o meu primeiro mestre foi o meu primo Leopoldo que era o escenógrafo de Tespis e tiña un taller nos locais do grupo; con el aprendín de escenografía, de espazo escénico e o uso dos materiais…
Sempre me interesou moito calquera formato de expresión cultural.
Logo no teatro os materiais son tan importantes como as ideas.
Si, é necesario aprender a manexar os materiais, cousa que meu primo facía moi ben. Os materiais teñen que ser duradeiros, que manteñan a súa forma na travesía das funcións, teñen que poder transportarse con facilidade e seren montados e desmontados con rapidez; en fin, hai que ter moitas cousas en conta cando un deseña escenografías e fai teatro.
Se digo Juan Antonio Hernández Les?
Fomos amigos desde moi novos, a el gustáballe moito a literatura e o cine e era un gran lector, fixo moita crítica e crónicas de cine, ademais de teatro; compartimos proxectos no Grupo de Teatro Humanista Nuevo Aspasia.
O cine tamén foi unha das túas actividades importantes.
Si, dirixín e producín varias películas; A noiva da media noite, Fendetestas, O herdeiro. Tamén fun realizador de moitos dos espectáculos do Teatro Galego para a Televisión de Galicia. Sempre me interesou moito calquera formato de expresión cultural.
E se digo Xulio Lago?
Xulio foi unha persoa moi importante para min, el e a súa compañía, Teatro do Atlántico; na que traballei moito como actor, escenógrafo, deseño de vestiario; coincidín con el en Vigo cando creou Esperpento Teatro Joven con Dorotea Barcena; logo traballamos xuntos en Madrid cando se xuntaron Esperpento e La Picota; xa pasou moito tempo desde entón. Estivemos varios anos en Madrid e volvemos para Galicia eu para crear Troula que foi a primeira compañía profesional e Xulio, Teatro da Mari-Galila.
Ao falar de Troula aparecen Paco Taxes, Gonzalo Uriarte, Manuel Manquiña, Suso Medal, Manolito o largo, o grupo Agra dos irmáns Morán…
De Taxes montamos O velorio que foi unha das montaxes que máis éxito tivo, levámolo por toda Galicia con música en directo. Foi moi importante esa época.
Época que recordamos máis tarde cando o Centro Dramático che encarga a dirección de Daquel Abrente, composto polo Velorio de Taxes e Laudamuco Señor de Ningures de Roberto Vidal Bolaño, que conmemoraba o nacemento da profesión teatral en Galicia e no que participaron outra vez o grupo Agra en directo, e coa presenza de Taxes nos ensaios.
Grandes momentos.
Certamente, había que asentar un circuíto de mostras e que o teatro galego se puidera relacionar con outras compañías; foi un proxecto prioritario xunto coa creación do CDG.
Tamén parece que che gustou algo a política?
Eu non diría gustar, diría que lle dediquei algún tempo e tiven relación con algúns profesionais da política.
Penso que ese tempo que lle dedicaches á política valeu a pena, non foi en van, deu os seus froitos en cuestións fundamentais para o teatro. Poderíamos dicir aquí Luís Álvarez Pousa?
Si, formei parte do grupo de Luís na Consellería entón é cando se crea o CDG para o que se necesitaba un lugar, para sede da compañía, e un local onde ensaiar; e aí fomos directos á Rúa do Vilar 35 1º onde estaba a Delegación de Cultura recentemente transferida ao Goberno Autonómico e esa foi a sede do CDG.
Foi con Luís de Director xeral cando se retoman e crean as mostras de teatro.
Certamente, había que asentar un circuíto de mostras e que o teatro galego se puidera relacionar con outras compañías; foi un proxecto prioritario xunto coa creación do CDG. Recuperamos a Mostra de Ribadavia como internacional, apoiamos a de Cariño de Teatro Galego e Portugués e a de Cangas, e axudamos na definición da Xeración Nós de Ferrolterra e a Mostra de Teatro de Rúa de Marín, algunhas como a Nós e a de Marín hoxe xa inexistentes.
Sempre me gustou todo o que tiña que ver co mundo da cultura e aquí había moito que facer, estaba comezando todo e iso facilitaba moito as cousas.
Fixeches dirección, interpretación, escenografía, vestiario, iluminación, produción, deseño gráfico, docencia.
Sempre me gustou todo o que tiña que ver co mundo da cultura e aquí había moito que facer, estaba comezando todo e iso facilitaba moito as cousas, había moitas oportunidades e aí estábamos nós, os do teatro, no meu caso tamén dominaba os temas do cine e a televisión.
Galicia daba moito de si, pero ti tamén traspasaches as súas fronteiras.
Eu traballei moito en Portugal fundamentalmente en Viana do Castelo e Braga; facendo dirección de escena, espazos escénicos e iluminación; sempre foi un pracer traballar en Portugal. Había bos profesionais, bos técnicos cumpridores e meticulosos, grandes profesionais e uns teatros magníficos que podían acoller todas a ideas que queríamos levar a cabo; alí traballei e coincidín con Guillermo Heras que tiña cada ano unha cita en Viana do Castelo aínda que eu xa o coñecía de Madrid. Traballar en Portugal foi moi fácil, interesante e divertido. Fixemos cousas moi interesantes e tamén divertidas como aquela praia de cor de rosa para o espectáculo de Os vellos non deben de namorarse co-producida co Centro Dramático Nacional. Penso que foi a primeira praia rosa da escena galega.
Fixemos cousas ben interesantes no teatro e no CDG; pero de calquera forma que nos quiten o bailado!
Da galega, da nacional e, penso, que mesmo da mundial.
Da mundial non cho sei con certeza, puidera ser? O que si sei e que tivemos que bailar para conseguir aquela area rosa…Bailar, bailamos! por veces sos, outras en compañía; fixemos cousas ben interesantes no teatro e no CDG; pero de calquera forma que nos quiten o bailado!
Iso, que nos quiten o bailado! Volvendo á orixe. Lembro ben que no 2020 a Academia, abusando da túa xenerosidade e capacidade creativa, che encargou un trofeo que servira para os premios da institución e ti presentaches unha Bambolina transparente cunha pequena base e unha incrustación nese cadro transparente que nos leva ao Primeiro Encontro do Teatro Profesional celebrado en Ferrol. Agora este trofeo creado por ti, volve a ti. Sentes como se volvese un fillo?
A sensación é boa! É moi agradable que cho concedan. Tamén é interesante crear un trofeo para un premio de teatro que non existía; pero a volta dun fillo é outra cousa. Estou moi contento e moi agradecido.
Pois só nos queda darche os nosos parabéns sendo sabedores que para chegar aquí houbo que arar moito…
Aí douche a razón: máis que bailar, aramos; eu polo menos traballei moito, aínda que me gusta máis o termo arar, polo significado de sucar, de profundar, de sementar para que o teatro continúe vivo; o noso teatro é o herdo que deixamos.
Así demos por rematada esta conversa, tomando un café e mirando ao mar desde unha terraza en Oza na cidade na que ninguén e forasteiro aínda que moitos accedan a ela desde os transatlánticos que chegan ao peirao, na cidade que veu nacer a Tespis, a Troula, ao Teatro Circo, ao Facho, á Compañía Luís Seoane e a tantos e tantos grupos de teatro; na cidade na que ten a súa sede da Academia Galega de Teatro que este ano decidiu outorgar o seu premio a Antonio Francisco Simón Álvarez Pérez pola súa longa e dilatada traxectoria.








