Antón Tovar foi apañando palabras nas leiras campesiñas, gardounas ben gardadas na arca da memoria e, andado o tempo, comezou a sementalas no nabal branco da maxia para que agromasen espigas de versos ateigadas de intenso lirismo. Nacía así a paixón polo idioma.
Na taberna do comercio farturento da Pereira (Rairiz de Veiga), o rapaz curioso escoitaba historias dos asasinados inocentes, abandonados nas fosas do alto do Furriolo nos tempos de crueldade e fanatismo da guerra e da posguerra. Comezaba a forxarse unha ideoloxía contestataria e comprometida coa causa dos inocentes e dos humildes.
Poeta da autenticidade e da coherencia, a súa está entre as primeiras voces líricas de Galicia da segunda metade do século XX. Foi un home desacougado, que semellaba vivir nun pesadelo eterno, na procura da verdade, da felicidade.
Tovar tiña tamén moitas palabras doutra colleita, foránea, a familiar e escolar, normalizada e con moito máis prestixio social, preparadas para sementar na horta poética.
O seu primeiro libro, escrito en español, El tren y las cosas (1960) gañara o Premio Marina de Poesía da Deputación de Ourense en 1959. No último poema, “El gallego”, incorpora estes prometedores versos:
Patria gallega,
si puedo haré mi casa
en las orillas de las palabras vuestras.
(…)
Diré Galicia mía,
con mi mitad gallega.
O poemario Arredores (1962), o seu primeiro libro galego, con ilustracións de Arturo Baltar e de Virxilio Fernández, presenta xa todo o universo poético tovariano.
Os vocábulos dunha e da outra lingua habitan na mesma morada. A escrita vai doadamente dun rexistro a outro, con coincidencias estilísticas e temáticas, mesmo con versións bilingües dun mesmo poema. O libro La Lanzada (1964) recolle tres composicións en español e en galego: “Ollos”, “Soio o sol” e “O pan”. Tres anos antes, aparecera un novo poemario en español: El ladrido.
A existencia fixérase inimiga malencarada do mozo Antón Tovar (morte prematura do pai, internado traumático nos xesuítas de Salamanca, crises angustiosas de fe, desenganos amorosos, etc). A doenza mental viñérase instalar nos días e nas noites do poeta limiao. As preguntas e as angueiras sobre a condición humana, a existencia de Deus, o mal, a liberdade sucedíanse. O creador procuraba nas palabras respostas para entender o ser humano, a vida, o mundo. Os dous primeiros libros, un en español (1960) e outro en galego (1962), como todos os que han vir despois, están feitos de dous lirismos: o do propio interior, o da introspección, e o lirismo dos obxectos e dos seres vivos que acompañan a existencia.
Mais Antón Tovar é poeta bastantes anos atrás: o poema “Cando eu morra” aparece na revista Posío. Arte y Letras no número de 1953-54; “O can” e “Responso saudoso para D. Enrique o Navegante” gañan o primeiro e o terceiro premio dos Xogos Florais de Guimaraes. O tres textos han de ser recollidos no libro Non (1967), unha auténtica declaración de rebeldía, unha contestación contra a represión e as inxustizas, contra a insignificancia da persoa.
Entre tanto, diversos episodios marcan a peripecia existencial do escritor: perda do posto de funcionario da Facenda Pública, militancia no Partido Comunista, posto de traballo na libraría Tanco, con entradas e saídas da doenza psíquica e ás veces física.
No ano 1973, publícase novo libro escrito en español: La barca. Un ano despois, o profesor Xesús Alonso Montero edita a Poesía galega completa, que agrupa Arredores, Non e o inédito O vento no teu colo, dedicado á Tucha, Antonia Mirayo, que chegara do mar da Lanzada para ser luz, amparo e inspiración. Os poemas galegos de Tovar tamén aparecen en publicacións colectivas: Os cen mellores poemas da lingua galega (1970), de X. Alonso Montero, incorpora catro composicións do poeta; e o libro Poetas gallegos contemporáneos (1972), do profesor Basilio Losada, recolle nove pezas do autor.
Durante anos, o poeta solitario faise labrego do idioma e dedícase a cultivar os campos semánticos, que vai recollendo no inédito Diccionario Ideolóxico Galego. A colleita vai ser moi boa: en 1980, aparece o espléndido Calados esconxuros, Premio da Crítica, libro antolóxico que segue a combinar as dúas liñas temáticas: unha, a da poesía intimista, máis lírica; outra, social, de denuncia, de compromiso cos desherdados e de reivindicación da lingua. O crítico Anxo Tarrío manifesta: “Había tempo que nas searas da poesía galega non se tentaba unha decrúa lingüística tan cobizosa.” Anos despois, Tovar publica Berros en voz baixa (1990), Premio Losada Diéguez, e A nada destemida (1991). Os dous conteñen sonetos de estilizada elaboración, que reinciden na inquedanza, na angustia existencial, así como na denuncia das inxustizas e dos males do mundo.
Por estes anos, o escritor fai unha incursión na narrativa: A grande ilusión e outros contos (1989) reúne once relatos de inspiración autobiográfica, que falan tamén de moitas das obsesións que o desacougan, que o atormentan. Dous anos atrás, aparcera o seu primeiro libro de memorias, Diario sin datas (1987). Para o profesor Alonso Montero, editor e prologuista de varios libros do escritor, Tovar é radical e honesto na súa maneira de ser e estar na existencia, transferindo aos seus diarios, únicos polo sentimento tráxico, as súas reflexións e confidencias vivenciais. Este mesmo ano, a Deputación de Ourense edita Poesía en castellano (1955-1973), con ilustración do artista Xaime Quessada, que reúne os catro títulos editados e o inédito Barro de nadie, que fora escrito en 1955. Aínda en 1997, ha de voltar á creación en español, Los versos de mi camilla. 4 formas, libro no que revisa teimas e motivos de sempre.
No ano 2001, coa saúde moi delicada, Antón Tovar asiste á publicación dos dous últimos libros: o memorialístico Diario íntimo dun vello revoltado e Cadáver adiado, un novo sonetario cargado de radicalismo e autenticidade. O profesor Alonso Montero demanda para Tovar un posto sobranceiro no mapa da poesía galega.
Por fin, chegan as homenaxes, os recoñecementos: Membro de Honra da RAG, Fillo Predilecto de Rairiz de Veiga, candidato ao Premio Reina Sofía de Poesía, Premio Celanova Casa dos Poetas, etc. En 2004, tras anos de forte anemia refractaria, ao pé do moi querido Monte Alegre da mocidade, falece o poeta (a Tucha morrera no 2000). Un ano despois o PEN Club de Galicia edita a súa obra galega completa, con estudo introdutorio de Marcos Valcárcel. O xornalista Xosé Manuel del Caño publica Antón Tovar. Conversas cun vello revoltado, libro no que recrea devagar a existencia, o pensamento e o agasallo literario do poeta. O cantor de Valdeorras Anxo Rei crea o disco A rabela da pluma, con dez poemas do autor da Pereira. O Centro de Cultura Popular do Limia promove a publicación Antón Tovar na Limia (2007).
Nestes últimos anos, o Museo da Limia (Vilar de Santos) vénse significando na promoción de actividades a prol do escritor, ben con motivo do centenario do seu nacemento, ben co do vixésimo cabodano deste. Entre outras moitas iniciativas, acaba de promover a edición do libro Antoloxía poética (2023), con xeneroso prólogo de Xesús Alonso Montero, pensada para achegar aos escolares a poesía do creador limiao. E canda outras institucións da Limia e da provincia, reclama da RAG que sexa o elixido para dedicarlle no 2025 o Día das Letras Galegas.
Poeta da autenticidade e da coherencia, a súa está entre as primeiras voces líricas de Galicia da segunda metade do século XX. Antón Tovar foi un home desacougado, que semellaba vivir nun pesadelo eterno, intemporal, na procura infatigábel da luz, da calma, da verdade, da felicidade.