A súa foi unha relación intensa, unha moi longa comunicación epistolar e telefónica. Coñecéronse, segundo o relato do profesor, o 15 de maio de 1966 na homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no Hotel Roma de Ourense. Son palabras do propio Alonso Montero: “A primeira percepción que eu tiven de Antón Tovar foi a do home triste, un home angustiado, un home torturado.” Desde aquela, o profesor converteuse no máis grande valedor do poeta Antón Tovar, así como o seu máis fiel estudoso e divulgador.
Na antoloxía Os cen mellores poemas da lingua galega (Lugo, 1970), da autoría de Alonso Montero, inclúense catro poemas de Tovar, que apareceran nos libros Arredores (1962) e Non (1967): “Non”, “Outro”, “Entón deixaime” e “O can”.
A primeira colaboración literaria entre ambos aconteceu en 1975 ao editar Alonso Montero, responsábel da colección Arealonga da editora Akal (Madrid), o libro Antonio Tovar. Poesía galega completa, que reúne os poemarios esgotados, Arredores e Non, o inédito O vento no teu colo e catro poemas. A publicación incorpora unha mínima cronoloxía biográfica, unha referencia bibliográfica, recensións de varios escritores e unha “autopoética” do autor. O editor manifestaba con admiración: “homenaxe a unha das voces máis densas e máis auténticas da poesía galega de tódolos tempos.” E nunha carta do 6 de xuño de 1975, o poeta diririxíase a Xesús nestes termos: “Repito, por escrito, as miñas fondas gracias por tódalas xenerosidades que me tes demostrado.”
O poeta limiao dedicoulle ao profesor a composición “E resulta que son revolucionario; perdoen” do libro antolóxico Calados esconxuros (1980), precedido desta cita do estudoso: “A demanda social implícita que hai nos versos deste intimista é, a miúdo, un alegato contra o mundo, máis radical, máis revolucionario que os alegatos de moitos poetas civiles.”
Xesús Alonso Montero foi un dos asinantes dun escrito do 15 de setembro de 1984, elaborado por escritores e artistas galegos e dirixido á Condesa de Fenosa, presidenta da Fundación Barrié, solicitando a concesión dunha pensión vitalicia para o poeta, atendendo á súa categoría literaria e á súa precaria situación económica.
O poemario A nada destemida (1991), 38 magníficos sonetos, vai introducido por un texto-limiar do profesor, “Carta a Antonio Tovar, que cumpre setenta anos”, no que lle di: “… supoño que volverás de novo ás palabras, ás palabras coas que os grandes poetas vos defendedes das aldraxes do existir e, de camiño, iluminades ou sinalades eses fondos e desacougantes territorios do home dos que temos algunha noticia polo privilexio dos vosos versos.”
No ano 2001, tres anos antes do seu pasamento, viron a luz os dous últimos libros do poeta da Pereira: Cadáver adiado e Diario íntimo dun vello revoltado. O texto poético recolle 42 novos sonetos, con prólogo de Alonso Montero no que manifesta: “O libro en prosa e o libro en verso, escritos, máis ou menos, nas mesmas datas, foron paridos baixo a mesma dura lousa existencial. Escritos por necesidade íntima, poucas páxinas definen mellor a angustia, o noxo e os medos dun ser humano.”
O segundo diario de Tovar, impulsado e supervisado polo profesor, depositario do manuscrito recibido a finais de 1966, nun exercicio de implicación plena, leva un texto introdutorio, “Seis notas para un prólogo”, definido así por este: “Este diario é o diario que escribe un home de máis de setenta anos que, no cerne da súa intimidade, rebélase contra case todo”. E acrecenta: “Aínda así, estamos ante as memorias máis sinceras, menos convencionais da literatura galega.” Escrito entre o 26 de xuño de 1995 e o 2 de novembro de 1997, grazas ao alento e empeño do amigo e camarada Xesús. No texto do 25 de decembro de 1995, revélanos o poeta: “Parei. Non se me ocorría nada. A isto xuntouse a miña preguiza, a miña nugalla. Eu sempre fun un home preguiceiro, nugallán. Animoume a continuar no meu leve traballo a voz telefónica de Xesús Alonso Montero. Deume un empurrón. Como moitos sabemos, Xesús é hoxe o mellor conferenciante de toda Galicia. Non digo orador, porque a oratoria acabou con Otero Pedrayo.”O poeta deixou escrito: “Final sen data: Adico a meu Pascual, etc. a Xesús Alonso Montero. Amigo, camarada e que foi sempre o meu valedor.”
O profesor e académico Alonso Montero propuxo o poeta á RAG para ser nomeado Académico de Honra, o que aconteceu en 1997. No ano 2002, o profesor e académico foi designado pola RAG para elaborar un informe sobre Antón Tovar, solicitado polo Ministerio de Cultura, elixido como o escritor galego candidato ao Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana.
Após o pasamento do poeta da Limia, o profesor achegou un clarexador e xeneroso limiar –“Prólogo (ou cousa así) para un libro de conversas” á publicación do xornalista Xosé Manuel del Caño: Antonio Tovar. Conersas cun vello revoltado (2005). Neste mesmo ano, o Pen Clube de Galicia editou, en dous volumes, a poesía galega completa de Antón Tovar, con estudo introdutorio de Marcos Valcárcel e con novo texto de Xesús, “Epílogo para un gran poeta, un amigo, un camarada.” E insistía o profesor: “A voz de Antonio Tovar figura entre as primeiras voces líricas de Galicia na segunda metade do século XX.”
En 2021, o Museo da Limia (Vilar de Santos), organizou unha serie de actos para celebrar o centenario do nacemento de Tovar e para promover o poeta limiao como candidato ao Día das Letras Galegas. O profesor participou con grande entusiasmo e alentou a elaboración dunha Antoloxía poética (2023) para a que escribiu un amplo e xeneroso limiar (o último que escribiu para Tovar), no que demanda unha vez máis o recoñecemento xusto de que é merecente o escritor. Nestes últimos anos, o profesor defendeu na RAG a candidatura de Tovar para a dedicación do Día das Letras Galegas.
O último acto no que participou o profesor, o 15 de novembro de 2025, foi unha conversa arredor da figura do poeta coa filóloga Patricia Arias Chachero na casa natal da Pereira (a única vez que Xesús estivo nela), que ficou gravada nun podcast
Son palabras do limiar de Xesús para o libro Antoloxía poética, que compendian ben a intensa relación de media vida entre os dous:
“Fun, desde os anos sesenta, amigo e compañeiro del, e tan admirador da súa obra literaria que, desde esas datas, o meu nome vai unido á súa biografía literaria como editor, prologuista, presentador de libros, autor de recensións e artigos e <<propagandista>> da súa valía e orixinalidade en non poucas ocasións. (…) Merecía máis, moito máis, aquel extraordinario poeta…”
Delfín Caseiro, Presidente do Padraodo do Museo da Limia
A profesora xubilada de Lingua Galega e Literatura do IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia), Carme Gómez García, é a gañadora do III Certame Literario Antón Tovar convocado polo Padroado do Museo da Limia. En 2025 xa foi gañadora do Certame Internacional de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro de Cornellá. Reproducimos a continuación a obra gañadora.
Do sí pró non, do non pró sí,
a ialma dividida i anguriada
vai levantando versos cada tarde,
pedra tras pedra na montaña.
Antón Tovar
Raíz de pereira
sede de fío entre os dentes
Antón Antón onde a alba o solpor a seara?
por que en ti rumor de muros e labirintos?
de patacas que se saen de lume que non prende de artesas baleiras
tanto escuro tanto frío tanta néboa
Antón
o vento torna no teu colo incerteza
a nada un berro triste na veiga
trenzando ríos e pontes soutos sombrizos e devesas
érguese destemido nas maos
o poema
bruma que madruga na seitura
soma que asoma que peta que peta que medra na punta da lingua
que moe que moe o centeo
que rilla que rilla a noite perpetua
Antón Antón
que procuras que agochas na comisura dos versos?
Antón
Anta
Antela
Antioquía
Cadullo de Terra
Puño erguido Soño furado en Arca de Pedra
Antón Antón
igual ca as voces das avoas inzaron os eidos
así a Limia toda respirando na túa boca
Carme Gómez García, gañadora do Certame Literario Antón Tovar





