Venres 22, Setembro 2023
HomeCulturaANIMAL FARM

ANIMAL FARM

ENSAIO
Xosé Manuel Beiras. Nurein o taxista e Amedine o pintor. Crónicas e figuracións dun trasmundo colonial. Laiovento, 2019. 114 páxs.

 

por Antonio Bernárdez Sobreira

Coma aquel Bill Murray de Lost in Translation, o vello león experimenta a soidade na habitación dun hotel estranxeiro, Rabat, ano 2009, Consello Internacional do Foro Social Mundial. Fuxindo da terapia de grupo dun BNG traumado pola perda da Xunta, refuxiouse, como vén facendo xa desde hai uns anos, na loita altermundista, un foro onde sentirse escoitado, un lugar onde fuxir do isolamento político, un oasis no deserto seco da loita electoralista.

É esta unha viaxe ao Xosé Manuel Beiras máis íntimo, a persoa por tras da personaxe, un Beiras que se intúe canso nesta compilación de escritos anteriores a 2011 e orixinalmente publicados no extinto “Galicia Hoxe”. Un non pode evitar pensar como é posible que este Beiras, aparentemente canso e anguriado pola frustración política e o devir cronolóxico, sexa o mesmo que após Amio foi quen de estar en primeira liña na construción de ANOVA, no nacemento contra reloxo da AGE, na concreción das alcaldías do cambio, na explosión electoral da Maré e na súa posterior implosión.  Talvez a chave resida neses debates do altermundismo nos que achegaban a necesidade de artellar unha saída política concreta ás mobilizacións sociais.

Uno e trino, coma no conto de Dickens, hai tres Beiras no Nuredin. O Beiras do pasado, co período de formación na Sorbona, quen racha coa predestinación piñeirista para apertar as loitas antiimperialistas artelladas na súa particular tese do colonialismo interior, unha boa parte do libro é unha glosa do Memmi e do seu retrato do colonizado. Ese mesmo Beiras que deixaba plantada a sesión do Parlamentiño para actuar de forza de interposición entre uns protestantes mariñeiros e os antidisturbios, vestido de punta en branco, pois xa estableceu o Aristóteles que na ars política hai unha compoñente ética e máis estética, a idea do Ben e a idea da Beleza.

O Beiras do presente, que é o noso pasado, redactando a súa columna no medio do trebón que está a vivir o nacionalismo organizado, reflexiona sobre a condición colonial da Galiza en relación cun modelo democrático en proceso de oligarquización neoliberal.

O Beiras do futuro, que é o noso presente, remexendo nos caixóns para rescatar uns textos que son pasados pero que semellan ter unha vixencia abafante, ordenalos a modo de composición musical (barroca, aclara el) e presentalos, precisamente nestes tempos de ruído e furia. Un pregúntase o porqué, a oportunidade, a posibilidade dun axuste de contas co que aconteceu, eses cochos orwelliáns que non se poden distinguir dos humanos, ese manifesto apócrifo final do porco líder manifestando a súa impotencia ante o devir do proceso político.

E quen son Nuredin e Amedine? Verbas sonoras para un excelente título, suxeitos colonizados que resultan non selo, porque cabe a posibilidade de que o colonizado non sexa máis ca unha categoría, un concepto.