Amor e finximento

Había practicamente trinta anos que Xosé Cermeño non publicaba un libro de narrativa galega, así que a aparición de Días felices con Fábia é un pequeno grande acontecemento para aquelas persoas que no seu día lemos con fruición tanto Os nervios da cabeza coma Ciencia de facer as camas.

É certo que nestes anos Cermeño andou ocupado noutros mesteres creativos e culturais que ben precisaba o país. Poño por caso: a dirección de Os outros feirantes (a primeira serie de ficción enteiramente producida en Galicia) ou a dirección e guionizado da famosísima Pratos combinados, a primeira telecomedia galega que nos acompañou durante máis dunha década na programación da TVG.

Teño de dicir que me acheguei con tanta curiosidade coma confianza a estes Días felices con Fábia. Curiosidade porque, ata o de agora, o autor se manexara sobre todo nas distancias curtas do relato e mesmo do minirrelato, polo que a expectación por saber como daría a súa escrita nunha novela de case dous centos e medio de páxinas era grande. E confianza porque os anos me aprenderon que quen sabe escribir pode estar máis ou menos acertado, pero sempre mantén unha tonal media que asegura a satisfacción lectora, e iso era algo que Cermeño xa demostrara máis que sobradamente cos seus dous primeiros libros de narrativa e tamén co poemario Historia de Abbadón e outras obras súas, tanto en castelán coma en galego.

Pois ben, posto á lectura da novela, descubrín xa de primeiras que o título, respondendo a unha das tenzas que sosteñen a obra, non alcanza a expresar porén outras realidades tratadas nestas páxinas que para min resultan decisivas. Dito doutro xeito: a historia amorosa que o realizador galego vive coa científica portuguesa que coñece cando é contratado polo Instituto Oceanográfico do Porto para filmar un documental sobre os polbos, acaba por ser dalgunha maneira a punta dun iceberg que oculta moitos outros asuntos non menos interesantes.

Certamente, os amores afortunados de Fábia e o realizador galego son o fío de Ariadna que nos guía a través do labirinto, mais as estancias deste dédalo están tapizadas de historias sobre finxidores e mentiráns, relatos polos que o cineasta do norte do Miño sente fascinio, pois el é tamén, dunha maneira que aquí non convén espoilerizar, un flagrante impostor.

Doutra parte, Días felices con Fábia garda lúcidas páxinas que nos convidan a reflexionar sobre as problemáticas laborais, sobre as relacións de familia e amigables, sobre a memoria das cidades, sobre o papel da memoria e as trapelas da melancolía, e sobre mil e un asuntos que fan desta novela unha obra que non só nos agasalla cunha delicada e emotiva narración de afectos nos lánguidos solpores da Invicta, senón tamén un relato a propósito de cuestións éticas que teñen que ver co fondo da alma humana.

O regreso de Xosé Cermeño á actualidade narrativa supera, con alta nota, as expectativas suscitadas e agasállanos cunha trama de finísimo humor marca da casa, chea de alusións (meta)literarias e cunha arquitectura circular impecable, que se sostén en trabes internas fílmicas, alicerzadas en fórmulas propias do formato guión.

Oxalá estes Días felices con Fábia sexan a confirmación dun novo camiñar de Xosé Cermeño que non nos faga demorar outros trinta anos para gozar da súa xenuína e agradecida escrita que aquí, con certeza, volveu a escintilar.

Días felices con Fábia
Xosé Cermeño
Editorial Galaxia
Vigo, 2023
Número de páxinas: 238