Alvela, cantigas de berce e romances 

Faia Díaz presenta o seu segundo traballo en solitario, Alvela. O disco está conformado por cantigas de berce, arrolo e romances. Dez coplas que exploran musicalmente o punto no que converxen a música contemporánea co folklore, onde pezas da tradición oral galega son cantadas sobre arranxos minimalistas de corda e gravacións de campo. 

A materia sonora da que están feitas os soños. A iso soa en boa parte Alvela, o novo disco de Faia Díaz, nesa lóxica na cal aquelo que nos é familiar reaparece deformado como algo estraño e inquietante mentres durmimos. “Deiteime e a adormecín/durmín un sono lixeiro/deiteime no mes de maio/e acordei no de xaneiro”, canta na canción “E se queres” que abre o disco.  

A voz de Faia Díaz soa sobre un bordóns de cordas replicando a atmosfera opresiva do pesadelo, terreo abonado ao desexo e á ferida, que son algúns dos eixos discursivos do disco xunto á maternidade. Esta fórmula é reproducida con maior violencia en “Romance”, achegando a interpretación da música tradicional a lugares inusitados na escena tradicional galega. Os arranxos das cordas constitúen un dos piares sonoros de Alvela achegando este traballo a un ambiente de cámara contemporáneo. Con excepción de momentos máis amables como “Toutón” e “Canta rola”, prevalece esa sensación de irrealidade e escuridade ao longo de todo o disco.

“Escribíache” amosa o seguinte piar sonoro do disco: as gravacións de campo. No seu primeiro disco, Ao cabo leirín (2018), Faia Díaz xa explorara as posibilidades da voz espida sobre fondos sonoros que recreaban ambientes coma o dos baresou os avións, coa colaboración de Hevi na produción. Revelábase nese disco como unha das voces actuais máis interesantes na interpretación da música tradicional a través dunha das propostas tamén máis arriscadas, a cabalo entre o tradicional e a música concreta. Para defendelo en directo, ademais do propio Hevi, recorreu a músicos galegos como LAR Legido ou Benxamín Otero, amosando a súa aposta pola experimentación.  

En Alvela, dá un paso máis na utilización de samples a través de diferentes técnicas de manipulación sonora para deformarsons de aves en “Escribíache”, o cencerro da vaca do seu veciño en “Mixurrina”, a respiración da súa filla “Maruxiña” ou a súa propia voz para tecer o contrapunto de “Cocón”. 

O disco, autoeditado e producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo), conta coa colaboración de Suelen Estar Cuartet nas cordas, Antía Muiño na guitarra, Antía Ameixeiras no violín e De Vacas nas voces. 

Alvela 
Faia Díaz
Coa colaboración de Suelen Estar Cuartet (cordas), Antía Muíño (guitarra), Antía Ameixeiras (violín) e De Vacas (voces), 2025