Un pobo emigrante como o galego sabe á perfección que a terra tira dun como se non fósemos máis que metais gobernados por un imán. Pero no caso do protagonista de A quimera esa pulsión é literal. A terra chámao para amosarlle dúas cousas: tesouros cerimoniais escondidos en tumbas antigas e lembranzas da súa Penélope, unha muller que perdeu e que o chama dende o máis alá mentres xoga cunha madeixa de la.
Como xa sucedía nos seus anteriores filmes (O país das marabillas, 2014; Le pupille, 2022; e, sobre todo, a súa obra mestra, Lázaro feliz, 2018), Alice Rohrwacher, unha das autoras máis interesantes do cinema actual, volve empregar o legado histórico do que é herdeira para compoñer unha película, A quimera, na que se pode notar a influencia do cine de Rossellini (o realismo, os superviventes), Fellini (a fantasía, a celebración da cultura italiana) e, ante todo, Pasolini (a mística, a mitoloxía, as persoas que viven nas marxes, a poesía na vida dos subalternos).
A comezos dos anos 80, un grupo de delincuentes aprovéitase do don dun inglés errante para atopar tumbas e roubar pezas de artesanía e esculturas de orixe etrusca e romana, co obxectivo de vendelas a traficantes de arte. De tal maneira que a picaresca e o hedonismo dos criminais dá paso a un retrato crítico sobre como o capitalismo, ese monstro insaciable, botou as súas garras sobre a arte para convertela, tamén, nun eido de especulación.
Antropoloxía, cultura, socioloxía, economía e política danse a man nun filme dunha beleza máis fonda que os nichos saqueados polos protagonistas, e que se enraíza no acervo cultural dun país eterno para poñer en imaxes debates que seguen sendo críticos hoxe en día.
Ao igual que facía Pasolini, Rohrwacher é quen de facer poesía visual fundindo natureza e miseria para atopar instantáneas fermosas na decadencia e, de paso, criticar sen ambaxes un estado das cousas que só vai a peor, e no que a liberdade se converte nunha escusa para cometer un espolio contra o patrimonio cultural dun país, e para xustificar que os poderes públicos miren cara outro lado para esquivar a súa responsabilidade de ofrecer un horizonte de futuro a tódolos cidadáns.
Do mesmo xeito, no cine de Alice Rohrwacher a estética é política, como tamén o era no de Pier Paolo Pasolini, e as imaxes teñen a forza suficiente para converterse en argumentos sen necesidade de subliñalos a través da palabra.
A quimera é unha gran película sobre como nos relacionamos co pasado, como deformamos o presente e como imposibilitamos o futuro.
A quimera
Dirixida por Alice Rohrwacher
Guión de Alice Rohrwacher, Carmela Covino e Marco Pettenello
Reparto: Josh O’Connor, Carol Duarte, Vincenzo Nemolato
Italia, 2023