Martes 7, Febreiro 2023
HomeCulturaAlianza de Amor

Alianza de Amor

POESÍA

Alianza
Luís Valle
Edicións Barbantesa
Cangas, 2022
72 páxinas

por Armando Requeixo

A poesía de Luís Valle (Lugo, 1977) é unha das mellores cousas que lle pasou á literatura galega dos últimos anos. A súa escrita aluma as sombras da caverna e revela decote a verdade do seu fulgor. Interésalle o dicir xusto, sempre entre o hermetismo e o simbolismo, a autoindagación, os misterios insondables do amor, da morte e dos primeiros e derradeiros significados da existencia. Pescuda neles coma un mineiro na procura do diamante, cunha fe cega en atopar a luz indecisa que o guíe, que nos guíe no camiño. Porque se de algo estou certo é de que Valle comprendeu hai tempo que a palabra non ten que cambiar a realidade. A palabra é a realidade na penumbra, o verbo que dá sentido a todo.

É doado comprobar o que digo coa lectura de A caída (2009), Fedor (2011), As cicatrices do Sol (2015), Trona, o merlo (2015), Para que eu beba (2017), Óstraka (2019) ou Causa de nieve (2021), mais tamén na súa máis recente proposta poética: Alianza (2022), un volume que publica Barbantesa, selo co que xa ten traballado noutras ocasións e que achega aquí unha edición de ben belida factura.

Alianza é un poemario amoroso, tal como declaran os versos de Safo de Lesbos que figuran como adro do libro. Son, estas, páxinas que celebran a Eros en toda a súa extensionalidade: dende o mar dos afectos máis puros e etéreos ata a fusión total dos corpos. Aquí goberna Amor, mais tamén a proxección da súa luz e a epifanía do seu poder nas pequenas grandes cousas que se comparten. Hai “un só comezo que conduce á luz” para que todo remate “como dous corpos/ espidos/ da palabra/ aeternus”. A convivencia leva logo a sentir “a viva sede de ti” e o “amarse coma quen arrinca cada día/ a sombra da primeira rosa do xardín”, na contemplación do sorriso da amada que “move/ sen querer/ as estrelas” e trae “pardelas de alba” para convencer o poeta de que “toda Ética/ consiste/ en respirar ao teu lado”.

Esta eclosión íntima esferiza en versos breves, en ocasións a modo de haikai, composicións luídas nas que se esencializa o signo e se ispe de complementos innecesarios para deixar que escintile con forza a metafórica da xenuína imaxinística Valle.

Quen lea Alianza sen dúbida conectará cos harmónicos versais de Shakespeare, Blake, Rimbaud, Valente ou, máis preto de nós, Pato e Pexegueiro, voces amigas coas que esta escrita dialoga con frecuencia, anxos tutelares que marcan o camiño polo que avanza a poética incandescente do lucense.

Declaro a gratitude por tan reconfortante lectura como foi para min esta Alianza de Luís Valle. Deixarse levar pola tenrura de Amor cando “late até a neve”, cando se volve un “acariñármonos na palabra”, cando todo el é un “anoármonos” é unha experiencia que recomendo, máis aínda nestes tempos avoltos, incendiarios, bélicos nos que a anilina da desharmonía semella infiltrar cada recanto. Contra a barbarie, a Alianza de Amor.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]