Algo máis que unha ficción ecoloxista 

Xaime Toxo publica 70º Norte (Galaxia,2024), se cadra un dos primeiros exemplos na nosa tradición do que se vén denominando eco ficción, xénero literario que explora a relación entre a humanidade e o medio ambiente, manexando temáticas como o cambio climático, a deforestación e a sostenibilidade. Hai un momento en que a eco ficción se mestura co que poderíamos denominar novela After, isto é, o imaxinario dun mundo sobrevivente á catástrofe ambiental, nuclear, climática, resultado das actuais estratexias económicas e morais do capitalismo financeiro. Plusvalía, beneficio, sobrealimentación e desnutrición, perda de referentes morais, emprego da ciencia e da técnica como ferramentas dese sobre crecemento desmesurado. Que pasaría despois, semella ser a pregunta. Entre nós, Altri e Gaza semellan ser evidencias.  

Xurdida na década dos 70 canda os movementos ecoloxistas, mesturando nas súas tramas, argumentos e personaxes elementos de ciencia ficción e preocupacións eco sistémicas para concienciar e visibilizar a importancia de protexer o planeta, non só procura entreter, senón tamén educar e inspirar os lectores para adoptar prácticas ambientais máis sostibles. 

Autores destacados como Richard Powers e Edward Abbey, tratarib estes temas nas súas obras.  The Road de Cormac McCarthy, unha historia pos apocalíptica que describe un mundo devastado por unha catástrofe ambiental. Ou Migration Behavior de Barbara Kingsolver, que explora o impacto das alteracións climáticas nunha comunidade rural, poderían ser mencionadas como exemplos para o lector curioso.  

No fondo, unha perspectiva do noso colapso social, da nosa decadencia e declinio, do noso desmoronamento político e ético, que atinxe a asuntos como a lingua e a  cultura, mais tamén á conservación do país e a súa paisaxe, gobernados por un tal Rueda, que non dubida en investir en eucaliptos o que non inviste en conservación, miles de euros para financiar o nosa morte como país, a nosa disolución definitiva como suxeito histórico e social en beneficio da corrupción do capital e o centralismo, embaixadores dun ritmo desaforado de desenvolvemento. 

“Unha praga contaxiosa con matices de maldición bíblica, leva á civilización pos industrial aos límites da desaparición. No medio dunha extinción, sen conciencia do perigo, un pequeno grupo intúe que o paradoxo da salvación radica nas persoas que permaneceron illadas nos remotos contornos dunha natureza tan implacable como imprescindible”. 

A Colonia é como denominan o campamento nómade onde viven. Moverse cara ao norte non é unha opción, senón unha condición de supervivencia. 

A miles de quilómetros do ruído das urbes, o destino da especie humana está en saberse unha parte máis do planeta que habita”. 

Unha primeira obra de Xaime Toxo, que agoira un sucesión de narrativas e relatos de semellante nivel, contestación e esplendor, ao mesmo tempo, dunha atmosfera irrespirable e o futuro digno que nos merecemos.   

70º Norte 
Xaime Toxo
Editorial Galaxia 
Vigo,2024