O artista multidisciplinar Alejandro Daniel Casquero Amday (Quilmes, 1989) lanza co selo Club del Disco a súa primeira referencia coma solista, Piezas Argentinas (Libro 1), en formato dixital.
Criado nun ambiente de bohemia auténtica, as súas ambicións artísticas levárono a campos de estudo tan variados coma o piano clásico, a harmonía e improvisación modernas, a historia da arte, a composición con medios electroacústicos, a dirección de orquestra ou, actualmente, un mestrado en composición musical.
Atesoura unha ampla traxectoria como pianista en máis de trinta países, recalando en Galiza no ano 2010. No noso país formou parte de bandas locais coma a Bakin’ Blues Band ou Los Chavales, retornando a América en 2022 para traballar como director de teatro musical: despois de dirixir as franquías Kinky Boots e Jersey Boys, conduce na actualizade o musical Beetlejuice. Con numerosos anos de experiencia como profesor, arranxador e orquestrador, o seu traballo compositivo aglutina todas as disciplinas, agrupando tamén, no seu orixinal estilo, todos os xéneros que domina na interpretación e na dirección.
Na súa primeira produción coma solista, Casquero presenta un ciclo de obras para piano estruturado en tres seccións.
- Obras arxentinas: esta sección inclúe ritmos de chacarera (La Trochita), vals-tango (Negro y Yeyé) e carnavalito (Duende de Pelo Azul). As composicións caracterízanse pola súa sinxeleza formal e pola fusión de ritmos folclóricos e populares con harmonías contemporáneas. O carácter temático foi o motor compositivo: textura, harmonía ó servizo da melodía como elemento predominante.
- Estudos para Piano: consta de tres complexos estudos destinados a perfeccionar a técnica pianística, incorporando elementos da milonga e das polirritmias rioplatenses. As harmonías desta sección son as máis contemporáneas e innovadoras do Libro grazas ó uso da bitonalidade, o dodecafonismo, a harmonía modal e constantes modulacións enharmónicas co obxectivo de colorear e apaciguar a complexidade agóxica.
- Suite Crónica: trátase da primeira suite do autor, composta por tres partes, que destaca pola súa sonoridade porteña e a súa clara influencia do tango, especialmente o legado de Astor Piazzolla. Cada sección é un universo en si mesma, sendo predominantes os elementos temáticos. A obra establece un diálogo entre a música académica contemporánea e os ritmos e melodías autóctonas, ofrecendo unha proposta sincera e emotiva que se anticipa coma a primeira entrega dunha serie.
Gravado por Laura Fonzo e Carlos Piriz nos Estudios Moebio, Bos Aires, os días 30 e 31 de maio de 2024. Para a gravación utilizouse un piano de cola Yamaha Concert Collection C7.
Piezas Argentinas (Libro 1)
Alejandro Casquero
Club del Disco, 2024