Sábado 8, Maio 2021
HomeCulturaADENTRARSE NO ESPELLO

ADENTRARSE NO ESPELLO

POESÍA
Interna, de Oriana Méndez. Arte de Trobar, 2021. 66 páxs.

 

por Manuel Forcadela

Na etimoloxía da palabra Interna cabe sinalar ese in-, por oposición a ex-, que sinala unha perspectiva centrípeta con respecto ao suxeito, e se pensásemos no -a final non como un feminino senón como o plural latino, entenderíamos Interna como un conxunto de entidades que pertencen ao interior especular dese suxeito.

Encontrar unha palabra con entidade suficiente para establecer o título dun poemario, e que esa palabra sexa Interna, significa que arredor dos sentidos posibles desa palabra xira unha parte central dos valores semánticos do artefacto.
Daniel Salgado, no Limiar do volume, fala de libro extático, e subliña certa vontade anterior expresa na autora de tender ao núcleo.

Unha das cousas que nos asaltan de xeito moi faborable na lectura deste libro é o que chamaríamos distancia enunciativa. Hai unha lingua que se desprega sinalando obxectos de referencia, lugares, circunstancias, mais até ben avanzado o libro non temos noticia de quen nos fala. Como se esa fala que nos fala ocupase o primeiro rango por enriba de calquera outro rol enunciativo ou actancial, de dicción ou de ficción.
Unha máquina a falar, un mecanismo do goce locuaz que alterna entre a denominación e a produción de sentido. Unha factoría denominadora e intelectiva que se presenta para dar conta do evento, inapreciable dentro do caos do existente, como sería en termos cosmolóxicos calquera feito humano por grandioso que fose.

A autora semella ser moi consciente disto e non gasta un segundo en impresionarnos co seu propio artefacto de identidade. E a partir de aí, pola nosa parte, consta como merecedora dunha atención non impostada, non producida noutros eidos alleos ao poético. Como se esta suposta captatio benevolentiae, de outorgarlle a primacía ao discurso, operase en beneficio do seu rol de autoría, manobra que nos sitúa no centro dun contrato lector que, ao tempo que establece unha distancia estética diferente, determina este volume como pertencente a unha posición poética propia.

A esta distancia enunciativa cabería engadirlle un verso sonámbulo, demasiado ocupado en seguir a soñar como para decatarse de que hai banzos e portas, pontes e escaleiras, consciente de que unha parte do seu oficio é non desertar do exilio do soño para voltar á realidade. En calquera caso, nin os banzos ou as portas, as pontes e escaleiras, conseguen confundir ese espectro locuaz que continúa o seu percorrido de discurso, para admiración de quen le. E isto que nun momento pode sentirse como falta tamén se nos presenta como outra marca feliz de determinación.

Esta distancia enunciativa, situando en primeiro termo a linguaxe e a lingua que nos fala e que, falándonos, nos constrúe como suxeitos, contribúe a outra das marcas de estilo: o exilio do eu, que, aínda presentándose, renuncia a ser centro e a caracterizarse, como por outra banda sería lexítimo nun libro que leva como título Interna.

A cidade ingresa no tempo do resío
E da súa man tamén eu me interno
En flores negras…


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]