Durante 2012, Tempos Dixital albergou “Tempo de Contos”, un espazo de creación literario online no que se publicaron dez textos literarios de autores galegos. Agora ábrese o prazo para que os lectores e lectoras voten polo relato ou poema que queiran ver publicado na revista Tempos Novos. Para iso, só teñen que participar na enquisa da páxina de facebook de Tempos Dixital que estará activa ata finais de febreiro.
A calidade dos textos publicados durantes estes meses é unha mostra do talento das escritoras e escritores galegos. O primeiro relato que apareceu neste espazo foi “Cangas/Ganga”, da escritora Cristina Pavón, relato evocador no que as imaxes de India e Galiza mestúranse creando un collage tan exótico coma común. A semana seguinte, publicouse o texto erótico “Ela” de Beatriz Maceiras, no que a escritora introdúcenos nos pensamentos máis íntimos dunha muller aparentemente feliz que acaba rachando co cotián.
O autor Xosé Carlos Carracedo móllanos con “Choiva en charcos”, peza chea de lirismo na que a choiva empapa o pensamento. O poema “Fouces violáceas” é unha declaración de principios de Patricia Kalevala. Versos cheos de forza como “Derrubei coas miñas propias mans/as pesadas muradas dos xéneros” ou “Nunca tiven candado nos ovarios/ nunca tiven medo de sentir pracer” compoñen esta peza reivindicativa.
Con “Pentecostés, Veni, Sancte Spiritus” , Alberte Momán déixanos ver a través dunha mira o seu mundo interior. O que aparentemento é unha situación intrascendente que acontece nun bar calquera, agocha pensamentos de grande fondura sobre a poesía de Ana Romaní ou sobre o país. Pola súa banda, María Brañas condúcenos polo anonimato das grandes cidades en “Pronóstico (des)atinado”. Dúas vidas que se cruzan tódolos días, pero tan diferentes “coma o do abismo existente entre a comodidade e a miseria, e entre o hoxe e a incerteza do mañá”.
A protagonista de “Redención”, o relato da autora Iria Castro, consegue a liberación a través da vinganza. Xosé Carlos Carracedo repite en Tempo de Contos coa publicación do poema “Fragrancia de idea, soneto entumecido”. O mesmo que a autora Beatriz Maceda, con “Tuerka 27”, relato sobre unha cita a cegas peculiar. Por último, o escritor Daniel Landesa cóntanos a fermosa historia de como “O rapás que veu d’aló” entra na vida dunha pequena fidalga galega.
Desde Tempo de Contos queremos agradecer a súa participación tanto aos autores dos textos literarios como as artistas que deseñaron as ilustracións para este espazo: María F. Villamarín, Laura Reboredo e Sara Santalla.