A primeira vez que fun a casa de A Peregrina, situada nas aforas de Santiago de Compostela (nos límites de Sarela de Arriba), era una casa-taller onde diferentes persoas con inquedanzas creadoras diversas, convivían tendo que pagar dous euros ao día, para cubrir os gastos correntes.O seu benefactor, era, e segue a ser, Olmo Blanco, un artista visual que herdou parte da vivenda da súa familia. Por aquel entón (soa afastado pero hai realmente un mes de todo isto) algún dos inquilinos de A Peregrina tiñan en mente un proxecto: a creación dun furancho arte contemporánea.
O seu obxectivo era utilizar esta vella estratexia galega, utilizada para vender e dar saída ao excedente vinícola, coa fin de crear un espazo intermedio entre as galerías de arte e os museos (entre o comercial e o institucional). De aí naceu unha idea, un plan, que hoxendía é unha realidade.
Exposición inaugural do F.A.C OFF
O venres 23 de Marzo, baixo a dirección dos artistas visuais Olmo Blanco (Boiro, 1982) e Diego Vites (O Grove, 1986), e a crítica cultural Ania González (Vigo, 1977), deu comezo o F.A.C. (Furancho de Arte Contemporánea) cunha exposición inaugural denominada F.A.C. OFF e onde se presentou a intervención nos espazos da vivenda de A Peregrina coma obra conceptual. O lugar estrela foi o galpón onde se concentrou a maioría da xente, sentada nuns mobles estilo Bauhaus pero moi senlleiros, creados para a ocasión. O galiñeiro, reconvertido nun cubo branco minimalista, foi o espazo perfecto para a realización de entrevistas. Un remolque, sito en medio do bosque que vixía a parte traseira de A Peregrina, tamén foi transformado nun espazo de exposición: habilitaron a corrente eléctrica e colocaron un televisor e unhas fotografías amosando os traballos realizados polos peregrinos fac’ers no arranxo das canalizacións da casa e o avituallado do lugar.
O Furancho, segundo Ania González, é “un espazo proxecto artístico autoxestionado”, “un espazo proxecto artístico autoxestionado” que non está “mediado por intereses alleos aos da creación” e que “adopta unha estratexia da contorna de Galicia, que é o furancho”. Os seus organizadores definen o lugar coma necesario, contextualizado e, evidentemente (como produto do noso tempo) contemporáneo. Algúns dos asistentes mostráronme o seu entusiasmo co F.A.C. e loaron, o que consideraron unha obra de gran importancia no contexto cultural de Galicia.
Baleiro, Trini F. Silva e Ulobit
Eu, xunto con Ricardo Saavedra ao micrófono, e Elena Cancelas, que se convertiu inesperadamente en fotógrafa do meu blogue e das fotografías aquí penduradas, estiven pululando durante unhas cantas horas polo Furancho adiante. A ocasión serviume para falar cos integrantes de Baleiro, aos que espero adicarlle unha entrada en poucas semanas; con antigos entrevistados coma a estilista visual Trini F. Silva (sempre encantado de falar con ela e de que me arranxe o peiteado da forma máis inesperada); amigos e familia dos peregrinos fac’ers; e con Ulobit, un grupo galego de recente creación baseado na experimentación e na improvisación, que combina sons electrónicos (Juan Gil), coa proxección de imaxes (Horacio González) e a zanfoña (Ariel Ninas), e cuxo último proxecto incorpora os descartes da obra de Xurxo Chirro, Vikingland –que por certo resultou gañador do Play Doc de Tui deste ano–.
A equipa desta reportaxe chegou de día e foise de noite no coche de Elena Cancelas. Voltei a Compostela contento e animado pola enerxía que se respiraba no F.A.C. e pola ilusión coa que os seus organizadores levaron adiante o proxecto. En épocas de crise, din, agudízase o inxenio, e ante a falta de solucións, propostas e das infraestruturas precisas, A Peregrina semella erguerse coma dous signos de exclamación nun mundo de puntos suspensivos.