A xustiza poética no exercicio teatral

A vitoria de Iria Pinheiro, co seu espectáculo así titulado: Vitória, podería ter sido a xustiza polo palco (tipo a xustiza pola man), pero non. A calidade humana e a empatía profunda de Iria desbotan o exercicio escénico da vinganza ou do rancor. Pola contra, ofrécenos un cabaré político e documental sobre o proceso que padeceu, cando fixo a denuncia por acoso sexual contra o director do programa de TV no que traballaba. Un tema espiñento e bastante duro por como funciona o sistema a todos os niveis (xudicial e social) e polas repercusións que tivo na vida da persoa e na carreira da artista. 

O xénero do cabaré, do que fai gala Iria, ten unha dimensión política herdada do cabaré alemán, especialmente daquel que se desenvolveu durante a República de Weimar (1918-1933), con números musicais e cómicos de carácter provocador e satírico. Pinheiro mestura o cabaré co teatro documental ficcionado e faino coa elegancia e a tenrura que a caracterizan, sen acritude. Aínda que o asunto daría para pórse aceda e en pé de guerra. 

O espectáculo desenvólvese de maneira sinxela, desde unha teatralidade artesanal e de proximidade, sen exhibicionismos actorais, estéticos, nin escénicos. Apenas un bastidor do que pendura, primeiro o típico croma de plató de TV e despois os panos dun teatro de cabaré; algúns elementos de caracterización e vestiario; o uso de micrófono nalgúns momentos e pouco máis. A cerna humana é o centro e é desde aí desde onde se produce o discurso. 

Para min un dos maiores acertos da escenificación é repartir a voz de Iria, o seu testemuño, lido nos diarios que escribiu, entre a propia Iria, Victoria Pérez e Salvador del Río. Tamén que Salvador del Río non só asuma os papeis dos machistas, o avogado do acosador ou o propio director do programa de TV, entre outros, senón que, ademais, o vexamos, como actor e colega, nunha relación igualitaria, sa e de complicidade total coas súas dúas compañeiras. Aí a forma é o contido e o espectáculo, alén do xogo teatral, amósanos a harmonía que sempre debera haber entre mulleres e homes heterosexuais. 

O final, con Iria sentada nas escadas do proscenio, a preguntarse e a preguntarnos directamente sobre o sentido de querer cambiar as cousas, aínda que por iso tivese que pagar moito, desde unha sinceridade núa, foi impresionante. Un momento no cal iso que adoita entenderse por espectáculo ou por teatro parecen esfarelarse para fincarse, directamente, nun vis-à-vis emocionante. A ese punto final, en forma de interrogante, chegamos despois dun exercicio teatral no que puidemos sentir honestidade e a enteireza que emana da verdade limpa, sen rastro de vitimismo nin desquite. 

Estivemos con ela e desfrutamos con elas e con el. Houbo xustiza poética! 

Vitória
Autoría: Iria Pinheiro 
Dirección: Susana Villaverde, Victoria Pérez, Salvador del Río e Iria Pinheiro 
Elenco: Victoria Pérez, Salvador del Río e Iria Pinheiro 
Escenografía: Abalo & Pinheiro 
Iluminación e son: Daniel Abalo 
Vestiario: Atôla 
Música: Mónica de Nut e DJ Concha 
Apoio á dramaturxia: Vanesa Sotelo e Ricardo Correia 
Axudante de dirección: Susana Villaverde 

Espectáculo visto no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o 2 de xuño de 2025, dentro da programación de Galicia Escena Pro.