Xoves 28, Outubro 2021
HomeCulturaA VIDA BURGUESA DE ARANTZA P.

A VIDA BURGUESA DE ARANTZA P.

NARRATIVA
A vida secreta de Úrsula Bas. Arantza Portabales. Editorial Galaxia. Vigo, 2021. 452 páxinas

 

por Mercedes Corbillón

Un mes leva nas mesas das librerías a última novela de Arantza Portabales, escritora despuntada na mediana edade da súa vida e que dende entón leva unha carreira meteórica e ascendente, e que parece moi dirixida por esa mente habituada a dedicarse ao dereito financiero, con orde e un plan ben pensado.

Tanto nas novelas coma nos relatos, Portabales aborda os temas que lle preocupan, a soidade, a incomunicación nos tempos de hiperconexión, a culpa, a insatisfacción soterrada dunha clase media alta que ten as necesidades básicas cubertas, pero que arrastra problemas emocionais e anda surfeando nas derivas que a todos nos proporcionan as relacións afectivas. E tamén a maldade, o lado escuro, a nosa atracción polo inquedante.

A vida secreta de Úrsula Bas é un novo policial onde recupera os personaxes Abad e Barroso que xa protagonizaron Beleza Vermella . Nesta entrega seguen mantendo a tensión amorosa imposible de desenvolver de todo porque, de modo intelixente e arriscado, A.P. imaxinou para o inspector Santi Abad un problema de xestión de ira que se confunde, ou directamente é, unha cuestión de violencia de xénero. A capacidade manipulativa da autora demóstrase no feito de que, a pesar diso, o tipo resulta simpático sen que en ningún momento se defenda a comprensión de

determinados comportamentos inaceptables. Pero a vida non é en branco e negro, e as boas novelas tampouco o son.

Está claro por como cose as tramas que escribe partindo dun deseño moi ben debuxado previamente. Logo une a liña de puntos e leva ao lector detrás dela coma nun xogo de galiña cega.

A parella de policías investiga a desaparición e aparente secuestro dunha escritora famosa, autora de best sellers que vive comodamente nun ático de luxo en Compostela, con marido afable e filla encantadora, e que estrañamente non acude a unha cita na Biblioteca Anxel Casal. Os espazos importan, percorridos por cidades e barrios cercanos, por lugares recoñecibles dos que podemos seguir a pista se quixeramos, non obstante a escrita de Portabales non admite moita descripción, practicamente ninguna. É directa e enfocada sempre a desenvolver a trama e a deconstruir os personaxes, que nacen estereotipados para seren cincelados ata que collan a forma que a ela lle interesa.

Partir dun bloque groso pero recoñecible para todo o mundo axúdalle a gañarse aos lectores, que con dous trazos xa saben a que aterse, xa os coñecen. Ela di que é por impericia, pero eu pensó que é o afán de chegar a un público amplo.

O universal ten unha constelación común non demasiado extensa. A partir de aí a combinación de fíos pode acadar outras profundidades psicolóxicas. E faino. O personaxe de Úrsula fala dende o zulo onde está recluida, e esa primeira persoa permítelle unha fonda nudez e reflexións vitais que van máis aló das intencións habituais dunha novela de xénero. Iso sí, non esquece en ningún momento a necesidade de divertir e atrapar ao lector ao que ofrece capítulos curtos, dos que invitan sempre a pasar a páxina. Un pouco máis!

E así chegamos ao final, onde espera a sorpresa. Con ela nunca falla.


 

Novidades