Domingo 1, Outubro 2023
HomeCulturaA SUTURA COMO CONSTATACIÓN DA FERIDA

A SUTURA COMO CONSTATACIÓN DA FERIDA

POESÍA
Vanessa Glemsel, Sutura. Urutau, 2019. 52 páxs

 

por Silvia Penas

Para compoñer a miña lectura de Sutura, de Vanessa Glemsel, gustaríame falar, en primeiro lugar, do xogo, e isto apelando a un dos paratextos que acompañan o libro editado por Urutau e marabillosamente ilustrado polo artista Davida e que, unha vez rematado o poemario, nos aclara o instrumento que perpetrou a ferida posteriormente cosida no corpo. Refírome á dedicatoria: ás nenas que xogaban con coitelas. Lembro unha conversa que tiven a sorte de manter co poeta chileno Raúl Zurita, en que expresou que se a poesía é un xogo, ese xogo sería o da ruleta rusa. E penso no poema que abre este libro: deitada no chan da cociña, inmóbil, imito a morte, e máis adiante: contigo -espida, descomposta, descarnada- xogo á morte/creamos unha linguaxe que ninguén fala: tecido cicatrizal.

Con esa contundencia e concreción xogan as palabras de Glemsel. Non esquezamos que é este tamén un pseudónimo que nos coloca xa no plano dun xogo coa subxectividade e coa posibilidade de ser outra/as. Escolle así a mímese e representación como método para advertir da violencia e da dor, como declara no poema “The Virgin Suicides”: a dor é máis real nos filmes. Quizais tamén sexa máis real nos poemas, que co engadido das ilustracións que os acompañan desprenden un intento de seguir describindo minuciosa e o máis fielmente posible a vivencia.

Pero estas vivencias non creo que deban ser entendidas coma unha secuencia de acontecementos biográficos, senón coma a conceptualización poética dunha mirada desde a marxe, que ten que empregar ferramentas sociais para facerse oír, como neste caso a linguaxe, e a través desa construción volver narrarse desde o principio. Relaciono esta inquedanza da autora por deixar constancia e renarrarse co que di Estrella de Diego en No soy yo. Autobiografía y performance: “las mujeres no hemos tenido tradicionalmente una historia propia al carecer,  desde  el  discurso  dominante  claro,  de  la  subjetividad  que requiere el acto mismo de comenzar a narrar(se)”. Así, os poemas son cosidos no cranio unha vez que atravesaron a batalla para acubillar unha especie de paz, a escrita como lugar onde a experiencia atopa un modo de ser outra cousa, de dar lugar a un cambio de forma e ao tempo constate: isto aconteceu, e inscribilo na narrativa da memoria.

Calquera xogo entraña a posibilidade de perder, e neste poemario anúnciase a rendición desde o inicio para acabar coa forza da resistencia. De onde sae esa forza que atravesa os poemas coma unha revelación? Esa revelación estaba xa nos poemas ou foi construída pola miña mirada? Convídovos a poñer a vosa mirada sobre estes textos cortantes, turbadores, que nos obrigan a poñer tamén os pés en lugares difíciles.

“Pero ¿qué voy a decir yo de la poesía? ¿Qué te voy a decir de esas nubes, de ese cielo? Mirar, mirar, mirarlas, mirarle y nada más. ”(Lorca a Gerardo Diego). Pois iso, mirar e nada máis.

E manterse alerta, porque, como afirma Glemsel, no límite de cada vida/ hai alguén disposto a esnaquizar a beleza.