A Ribeira Sacra: terra de frades que non rezan e muiños que non moen (II)

Ler a primeira parte deste artigo

A candidatura de 2026 cambiou radicalmente, polo menos formalmente, respecto da de 2021. Presentouse unicamente baixo o criterio (v) da UNESCO. A superficie proposta era de 16.471 ha, cunha zona de amortecemento que abranguía as parroquias históricas relacionadas coa paisaxe. A idea central era presentar a Ribeira Sacra como unha “paisaxe da auga”, isto é, unha paisaxe cultural resultado dunha relación continuada durante aproximadamente 1.500 anos entre as comunidades humanas, a auga e os profundos vales do Miño e do Sil. A argumentación pretendía integrar nun mesmo sistema histórico e paisaxístico diversos elementos: os vales encaixados do Miño e do Sil e os seus afluentes; as fortes pendentes e os socalcos agrícolas; o extraordinario parcelario en microparcelas; os sistemas hidráulicos tradicionais e os muíños de auga; os asentamentos e formas históricas de ocupación; a tradición eremítica e monástica; o patrimonio cultural inmaterial relacionado coa denominada “cultura da auga”; e, como elemento particularmente novidoso, e controvertido, as instalacións hidroeléctricas do século XX: centrais, presas e encoros. Polo tanto, a proposta podería sintetizarse así: auga, mais adaptación humana ás fortes pendentes, mais agricultura e socalcos, mais sistemas hidráulicos, mais monacato, mais cultura inmaterial, mais hidroelectricidade contemporánea da como resultado unha paisaxe cultural evolutiva excepcional. Este é o núcleo que debía permitir demostrar o Valor Universal Excepcional (VUE) baixo o criterio (v). 

A conclusión de ICOMOS foi inequívoca: o criterio (v) non quedaba demostrado e a candidatura non xustificaba un Valor Universal Excepcional. Por unha banda preséntanse moitos elementos valiosos, pero falta unha relación coherente entre eles. ICOMOS recoñece de novo que a Ribeira Sacra contén unha enorme diversidade de posibles atributos: socalcos, muíños, asentamentos, obras hidráulicas, elementos monásticos, etc. pero advirte, outra vez,  de que unha gran diversidade de atributos non determina por si mesma a existencia dun Valor Universal Excepcional. O problema é amosar como encaixan entre si, cales son as súas relacións históricas e funcionais e como, no seu conxunto, expresan unha única paisaxe cultural excepcional. ICOMOS considera que isto non quedou demostrado. Ou sexa a estrutura e función das paisaxes. 

O paso dunha candidatura baseada nos mosteiros a outra baseada na auga chama a atención a calquera interesado nestes temas e necesariamente ten que xerar dúbidas aos avaliadores respecto á realidade da Ribeira Sacra.  

A candidatura, pois, debía ter demostrado  que a Ribeira Sacra era un exemplo excepcional dunha forma tradicional de ocupación e utilización do territorio representativa da interacción humana co medio. ICOMOS considera que é necesaria máis investigación para demostrar que esta paisaxe concreta acada ese carácter excepcional e considera que a análise comparativa carece da amplitude e profundidade necesarias. Este punto é decisivo porque non basta dicir que Ribeira Sacra é singular en Galicia, España ou mesmo Europa occidental. É necesario demostrar que, comparada con outras paisaxes culturais de socalcos, viticultura, sistemas hidráulicos, vales fluviais, monacato e ocupación histórica, presenta características suficientemente excepcionais para alcanzar o VUE. 

Ribeira Sacra

O paso dunha candidatura baseada nos mosteiros a outra baseada na auga chama a atención a calquera interesado nestes temas e necesariamente ten que xerar dúbidas aos avaliadores respecto á realidade da Ribeira Sacra. A UNESCO non dispón dunha categoría oficial chamada “Patrimonio Mundial da Auga”. A auga pode constituír o fundamento dun ben natural, dunha obra de enxeñaría, dunha cidade ou dunha paisaxe cultural. O decisivo é identificar que proceso, sistema ou relación humana excepcional representa cada lugar. Por iso ao comprobar os lugares presentes na lista de patrimonio mundial vemos que, por vía de exemplo, no delta do Okavango, en Botsuana, o valor reside nunha inundación anual que se espalla polo interior dun medio árido e mantén ecosistemas de extraordinaria diversidade. Nos lagos de Plitvice, en Croacia, a precipitación continua de carbonato cálcico crea barreiras de travertino, lagos e fervenzas nun sistema xeomorfolóxico activo. No lago Baikal, na Rusia, a antigüidade, profundidade, enorme volume de auga doce e elevado endemismo xustifican a súa importancia mundial. O mar de Wadden, que se extende por tres países, Alemaña, Países Baixos e Dinamarca, representa o maior sistema continuo de chairas intermareais, no que as mareas, os sedimentos e a dinámica costeira manteñen hábitats cruciais para millóns de aves migratorias. En Doñana, as marismas, as lagoas temporais e os acuíferos sustentan unha biodiversidade excepcional. Nestes bens a auga non é unha metáfora cultural: é o proceso ecolóxico ou xeomorfolóxico verificable que mantén o Valor Universal Excepcional. 

Noutros casos, como en Kinderdijk-Elshout, nos Países Baixos, están documentados séculos de drenaxe de terras e defensa fronte ás inundacións mediante diques, depósitos, estacións de bombeo e muíños. A finalidade hidráulica é directa, visible e tecnicamente demostrable. O Sistema de Xestión da Auga de Augsburgo, en Alemaña, reúne máis de sete séculos de innovación. A separación entre auga potable e auga destinada aos usos produtivos, as canles, torres de bombeo, fontes monumentais e centrais hidroeléctricas forman un sistema urbano continuo. En Shushtar, Irán, presas, canles, túneles e muíños constitúen outra obra monumental de enxeñaría hidráulica histórica. Venecia e a súa lagoa representan unha relación distinta. A cidade consolidouse sobre illas, organizou a súa mobilidade mediante canles e desenvolveu obras técnicas para manter a vida urbana nun medio lagunar fráxil. Cidade e lagoa forman unha unidade inseparable, tanto histórica como funcional. Noutros bens, a auga articula a produción, a sociedade e as crenzas. O sistema Subak de Bali baséase na distribución cooperativa da auga para os arrozais, pero tamén nunha filosofía relixiosa e nunha rede de templos da auga. O valor non procede unicamente das terrazas, senón da continuidade dun sistema social, hidráulico e espiritual verificable. 

Dicir que na Ribeira Sacra existen muíños, fontes, pasos, canles locais, sistemas de drenaxe, encoros e aproveitamentos hidroeléctricos é dicir o mesmo que se podería aplicar a outras comarcas de Galicia coa diferenza que nalgunha delas aínda se mantén un manexo da auga que crea prados por medio dun sistema de regos activos.  

Na Ribeira Sacra, os canóns do Miño e do Sil constitúen a base física indiscutible da paisaxe. Os ríos explican. só en parte, a profundidade dos vales que condicionan as comunicacións e crean contrastes de exposición e pendente. Porén, este feito non é exclusivo da Ribeira Sacra senón de toda Galicia. Vales encaixados témolos nos Ancares, no Courel, en Trevinca, Manzaneda, Xistral ou no Ribeiro por poñer algúns exemplos. 

Dicir que na Ribeira Sacra existen muíños, fontes, pasos, canles locais, sistemas de drenaxe, encoros e aproveitamentos hidroeléctricos é dicir o mesmo que se podería aplicar a outras comarcas de Galicia coa diferenza que nalgunha delas aínda se mantén un manexo da auga que crea prados por medio dun sistema de regos activos. Tampouco é exclusivo da Ribeira Sacra a estreita relación entre os vales, os asentamentos e os cultivos en socalcos aínda que neste caso si que a Ribeira Sacra é un lugar singular como veremos máis adiante.

Socalcos de lousa en Sober

Dito o anterior, para poder defender unha candidatura centrada na auga cómpre demostrar algo máis preciso que a mera presenza de dous grandes ríos. Nos bens hidráulicos xa inscritos, a función excepcional da auga está claramente identificada como dixemos anteriormente en drenar e defender un territorio en Kinderdijk, abastecer e mover a economía urbana en Augsburgo, articular unha rede monumental en Shushtar ou ordenar colectivamente o regadío en Bali. Como ben di o ICOMOS, na Ribeira Sacra deben diferenciarse varios planos: a acción xeomorfolóxica dos ríos; a adaptación agrícola ás pendentes; os aproveitamentos hidráulicos locais; a localización do patrimonio monástico; e a transformación moderna provocada polos encoros. Todos están relacionados coa auga, pero non forman necesariamente un único sistema histórico nin responden á mesma cronoloxía ou finalidade.  

Esta foi unha das dificultades conceptuais da candidatura de 2021: demostrar que a suma de canóns, mosteiros, socalcos, patrimonio hidráulico e cultura da auga constituía unha unidade excepcional a escala mundial. A comparación internacional debía explicar non só que a Ribeira Sacra é valiosa e singular en Galicia, senón por que representa un exemplo sobranceiro entre todos os territorios fluviais, monásticos e vitícolas comparables. Tamén era necesario demostrar a integridade e a autenticidade do conxunto. As grandes presas e infraestruturas hidroeléctricas transformaron profundamente os cursos do Miño e do Sil durante o século XX. Poden interpretarse como unha nova fase do manexo da auga, pero esa lectura necesita unha argumentación convincente: hai que demostrar como contribúen ao valor do ben e non simplemente como alteracións modernas da paisaxe anterior. 

E querer explicar que as centrais hidroeléctricas presentes no Miño e no Sil como herdeiras deles ou das fábricas de luz que proporcionaban electricidade á comarca nos comezos do século vinte tamén me parece un brinde e non ao sol precisamente.  

É evidente que o “vender“ a Ribeira Sacra como unha paisaxe da auga foi un inmenso erro. Diso dá fe que ICOMOS diga expresamente que a análise comparativa non xustifica considerar o ben para a Lista do Patrimonio Mundial e cuestiona a inclusión dos encoros como atributos da evolución da “paisaxe da auga”. Di expresamente que non comparte os argumentos do Estado español, que é quen presenta a proposta, para incluír estas infraestruturas hidroeléctricas industrializadas como atributos do potencial VUE. É dicir, non acepta que o simple feito de seren novas formas de utilización da auga permita incorporalas automaticamente á mesma secuencia cultural que os usos hidráulicos tradicionais. Esta crítica é especialmente relevante porque a auga é precisamente o concepto central da nova candidatura. ICOMOS sinala que se concede moita importancia á denominada cultura inmaterial da auga, pero que, malia indicarse a existencia de estudos e publicacións, a información presentada sobre esas tradicións e sobre as comunidades ou persoas depositarias dese coñecemento é escasa ou non se citou de xeito claro no documento. Polo tanto, existe unha debilidade entre a importancia conceptual que se lle concede á “cultura da auga” e a documentación achegada para demostralo e conclúe tamén que non se cumpran as condicións de integridade e autenticidade. 

Aínda a risco de repetilo de novo, recoñécese expresamente a longa historia dos usos do territorio, os socalcos, microparcelas, muíños, elementos hidráulicos, patrimonio monástico e tradicións culturais e valora positivamente os esforzos de protección e conservación realizados. O problema non é, polo tanto, se a Ribeira Sacra ten patrimonio, senón se a candidatura demostra que ese patrimonio constitúe un exemplo excepcional a escala mundial conforme ao criterio (v).  

San Lourenzo

Hai ademais un aspecto que merece unha análise separada: que papel concreto atribuía o expediente aos socalcos e á auga e se realmente se demostra documentalmente que os socalcos foron construídos para “xestionar a auga” ou, fundamentalmente, para crear superficie cultivable nas fortes pendentes. Esa distinción debería ser importante para avaliar a solidez científica da narrativa da “Paisaxe da Auga”. Porén aquí aparece unha das grandes eivas do documento o que é indicativo da falta de interese polas investigacións que se levan feito sobre a Ribeira Sacra entre elas as propias. 

No Alto Douro portugués, por exemplo, a UNESCO recoñeceu unha paisaxe vitícola creada durante dous mil anos mediante a transformación das ladeiras, a construción de socalcos e a creación de solo agrícola. A declaración menciona unha xestión prudente dos recursos limitados de terra e auga, pero non afirma que as terrazas fosen construídas principalmente para controlar a auga. A súa finalidade histórica esencial foi facer posible o cultivo e estabilizar o solo nas fortes pendentes; os efectos sobre a escorrentía son importantes, pero non deben confundirse coa razón principal da obra. 

O mesmo se pode aplicar á Ribeira Sacra. O elemento máis característico da organización agraria da Ribeira Sacra son os socalcos, construídos nas ladeiras de forte pendente. Reciben o nome de muras no Saviñao e Chantada; paredes na Teixeira; paredós en Ribas de Sil; muros principalmente en Sober e Parada de Sil; ou calzadas en Pantón e Nogueira de Ramuín. Ademais das denominacións xeográficas, existen outras moi específicas en función do tamaño dos muros ou da superficie cultivable. Na zona de Chantada utilízase poxadas para designar os muros de gran tamaño; patal resérvase para referirse especificamente ao muro de maiores dimensións; calexote úsase na ribeira chantadina para describir aquelas parcelas tan estreitas nas que só cabe unha única ringleira de vide; e bacelo ou granxa son os termos empregados para facer referencia ao espazo cultivable comprendido entre un muro e o seguinte. Ademais, na tradición oral da zona tamén se recollen outros nomes complementarios de uso común, como pataos, pataus, patais ou liños. 

Socalcos en SoutochuaNas abas mellor orientadas e cunha elevada insolación, onde o cultivo convencional resultaba practicamente imposible debido ás pendentes extremas, frecuentemente superiores aos 32º e nalgúns casos próximas aos 64º, creouse un complexo sistema de terrazas agrícolas destinadas case exclusivamente ao cultivo da vide. Estes socalcos representan unha das formas máis intensas de transformación antrópica da paisaxe galega e constitúen un extraordinario exemplo de adaptación ao medio a nivel mundial. A súa forma e a tipoloxía dos socalcos están directamente condicionadas pola pendente do relevo e polas características litolóxicas do substrato rochoso. Nas ladeiras máis abruptas, os bancais son extremadamente estreitos, permitindo unicamente unha ou dúas ringleiras de vide. Pola contra, nas zonas onde a pendente se suaviza, os socalcos aumentan progresivamente a súa anchura, posibilitando unha maior superficie cultivable. O trazado destas estruturas adáptase de maneira moi precisa ás formas do relevo: en ladeiras rectilíneas predominan as liñas rectas, mentres que en sectores cóncavos ou convexos os socalcos describen formas onduladas que seguen as curvas de nivel, O tipo de rocha dispoñible condicionou tamén as técnicas construtivas empregadas nos muros de contención. Nos sectores dominados por materiais metamórficos, especialmente xistos e lousas, a facilidade para fragmentar a rocha permitiu desenvolver complexos sistemas de pedra seca baseados na superposición de laxas sen utilización de argamasa, empregando pequenas cuñas para estabilizar a estrutura. Nos dominios graníticos, pola contra, obsérvanse tanto muros construídos con pequenos perpiaños como simples acumulacións de bloques irregulares, cun menor grao de elaboración canteira. 

A construción dos socalcos implicou tamén a creación de auténticos solos antrópicos. O proceso consistía na edificación do muro de contención na parte inferior da terraza e no recheo posterior do espazo xerado mediante materiais procedentes da alteración da propia rocha, o sábrego e, nalgúns casos, posiblemente solos transportados doutros lugares. As pedras de maior tamaño eran separadas, mentres que os horizontes cultivables se enriquecían continuamente mediante achegamentos de materia orgánica, como estrume, toxo ou restos de poda depositados en pequenas gabias. O resultado foron solos pouco profundos, frecuentemente inferiores a un metro de espesor, pero suficientemente estables e fértiles para garantir a produción vitícola. 

Socalcos entre rochedo

Os socalcos, pois, non foron construídos para a drenaxe en ningún lugar de Galicia e menos nunha zona onde as precipitacións son escasas e se distribúen de maneira moi desigual debido á influencia combinada da altitude, da orientación e do deseño topográfico e que no fondo dos canóns poden descender por baixo dos 600 mm anuais. Un dos trazos máis significativos do clima da Ribeira Sacra é a existencia dunha intensa seca estival. Durante o verán apenas se concentra arredor do 10 % da precipitación anual, xerándose situacións de forte estrés hídrico nos solos e na vexetación. As chuvias concéntranse principalmente durante o outono e o inverno, especialmente no mes de decembro, aínda que adoita rexistrarse tamén un repunte pluviométrico durante o mes de maio.  

Por iso chama a atención que nunha figura da páxina 11 do documento de síntese da candidatura expliquen os socalcos como “xardineiras”, enriba de escadas rochosas totalmente horizontais,  debaixo da que debuxan un pozo no que se acumularía auga cando chove e que se iría evaporando cando vai calor. Unha explicación sen base científica ningunha que serve de exemplo do rigor argumental do documento en relación a algúns temas.  

Como xa se dixo, os socalcos o que fan é suavizar o perfil da ladeira de xeito que cando chove a auga circulante perde forza e vaia humedecendo os solos, enchendo os ocos intersticiais existentes neles. Como polo xeral os solos da Ribeira Sacra teñen unha textura areosa a tendencia da auga que se infiltra é descender cara ao fondo e, se a chuvia fora moi intensa, fluír ladeira abaixo provocando unha rápida falta de auga ou se se quere unha evidente aridez edáfica. Por iso a auga dura pouco no solo. Hai pouca na Ribeira Sacra agás da que poida fluír polos ríos Sil, Miño, Cabe, Edo ou Mao que non teñen as súa fontes dentro da Ribeira Sacra senón nos seus contornos máis elevadas. É onde precisamente, a nivel local, aparecen o que denominei hidropaisaxes nas publicacións, como algunhas fervenzas que funcionan sobre todo en inverno e en anos chuviosos ou as masas de auga dos encoros, non representan en absoluto a singularidade da Ribeira Sacra. Esta se atopa nos espectaculares paisaxes de socalcos que nunca deixaron de ser figurantes nas propostas presentadas. 

E se relacionar os socalcos como elementos asociados ás paisaxes da auga é moi difícil de comprender,  que dicir no caso dos muíños na actualidade. Evidentemente están vencellados coa auga e houbo moitos activos nos bordos da Ribeira Sacra. Estaban asociados aos antigos cultivos de grao, fundamentalmente centeo, que se atopaban maioritariamente fóra dos límites do canóns. Mais, a  maioría deles desapareceron vai anos polo que xa non poden moer e os que foron recuperados, caso dos de Xabrega en Sober ou os do río Edo en Castro Caldelas, dubido que o puideran facer con normalidade como no pasado ante a baixada de caudal dos ríos motivada, por unha banda, polo descenso das precipitacións e, por outra, polo aumento da masa forestal nos derradeiros 80 anos. 

En calquera caso, se queremos amosar a existencia dunha paisaxe de auga pola existencia de muíños e solicitar que sexa Patrimonio Mundial, poderiamos aplicalo a outros moitos lugares de Galicia; non é unha singularidade da Ribeira Sacra. E querer explicar que as centrais hidroeléctricas presentes no Miño e no Sil como herdeiras deles ou das fábricas de luz que proporcionaban electricidade á comarca nos comezos do século vinte tamén me parece un brinde e non ao sol precisamente. Os encoros destruíron as verdadeiras paisaxes de auga existentes antes da súa construción cando os ríos fluían cheos de vida e mesmo arrecendían de xeito diferente aos actuais estanques que xeran os encoros para producir electricidade ou para o desfrute dos turistas que, desde os barcos que navegan polas súas augas,  admiran o  máis singular da Ribeira Sacra a nivel mundial, que son as espectaculares paisaxes de socalcos.  

O obxectivo, desde a miña óptica, é presentar a Ribeira Sacra como un expoñente máximo da interacción humana cun medio topográficamente  hostil, onde o levantamento dos muros transcende o arquitectónico para converterse en “memoria petrificada” do esforzo colectivo.

Unha ollada cara o futuro 

Se consideramos a paisaxe de socalcos, non so por si mesmos senón como parte dunha retícula no que tamén aparece o sistema de asentamentos e os seus nexos de unións, a solicitude de inscrición da Ribeira Sacra na Lista do Patrimonio Mundial debe fundamentarse na excepcionalidade dos seus muros de pedra seca como o atributo estrutúrante do seu Valor Universal Excepcional. Esta elección non é unha mera preferencia estética, senón unha decisión estratéxica de alto nivel para aliñar o sitio coas directrices actuais de ICOMOS sobre Paisaxes Culturais. O obxectivo, desde a miña óptica, é presentar a Ribeira Sacra como un expoñente máximo da interacción humana cun medio topográficamente  hostil, onde o levantamento dos muros transcende o arquitectónico para converterse en “memoria petrificada” do esforzo colectivo. A técnica da pedra seca na Ribeira Sacra constitúe unha “enxeñaría da necesidade”: unha resposta intelixente á pendente extrema e á carencia de solo fèrtil. Mediante o traballo acumulado durante séculos, transformouse un territorio de vertixes nun sistema produtivo sostible.  

Pasos de lousa

Sen embargo, a demostración da excepcionalidade esixe un marco comparativo rigoroso que valide a singularidade da Ribeira Sacra fronte a outros sitios que comparten o uso de socalcos. O Alto Douro (Portugal) é o referente máis próximo. Neste caso a súa inscrición recoñeceu o papel dos socalcos de lousa, moitos deles levantados pola man de obra galega emigrada. O sitio Portovenere, Cinque Terre e as illas (Italia) é un exemplo titánico de máis de 7.000 km de muros de pedra seca ( muretti a secco). A súa función é dobre: sustento da viticultura e,  aquí si, regulación hídrica crítica para evitar o colapso das ladeiras sobre o mar de Liguria. A Serra de Tramuntana (Baleares) destaca pola integración dos “marges” (socalcos) con sistemas hidráulicos complexos. A UNESCO recoñeceu en 2011 como a pedra seca optimiza os recursos hídricos escasos. O sitio da paisaxe cultural de Hawraman/Uramanat (Irán) inscrito en 2021 valida a importancia global da técnica de pedra seca en contextos de montaña. A súa horticultura en terrazas é un precedente recente que amosa o interese da UNESCO por estas solucións vernáculas de adaptación ao relevo. Aos anteriores hai que engadir os casos de Konso (Etiopía), coas súas terrazas de retención de solo, e a  Battir (Palestina – Ficha), con muros de uso ininterrompido de entre 2.000 e 4.000 anos, que relacionan a pedra seca como un sistema de resiliencia milenaria. 

O VUE da Ribeira Sacra debera defenderse como un “sistema vivo e integrado”. Non como unha paisaxe estática, senón como un organismo funcional onde a pedra e o factor humano interactúan dinamicamente. A biodiversidade cultural da Ribeira Sacra emana da súa capacidade de transformar o relevo sen destruílo. O “saber facer” tradicional é o motor que evita que o sitio se converta nun fósil arqueolóxico cuberto pola vexetación. Por outra parte, se a cadea de transmisión do oficio de cantería se rompe, o sistema físico pode colapsar e o VUE desaparecer. Polo tanto, a integridade do sitio depende tamén da funcionalidade da súa paisaxe e do mantemento activo das súas estruturas  en chanzos. 

A salvagarda do patrimonio tanxible (o muro) é imposible sen protexer o intanxible (a arte da súa construción), recoñecido pola UNESCO en 2018. A Ribeira Sacra debera liderar a aplicación desta dualidade cun Plan de Acción Estratéxico que supoña, por unha banda, levar a cabo unha a Catalogación Avanzada mediante LiDAR e GIS, (xa feita en parte para a redacción do  meu libro Ribeira Sacra. Paisaxe de Socalcos), e afondar nunha metodoloxía de inventario sistemático que permita documentar cada metro de socalco, analizando a súa morfoloxía e o estado de conservación. Ademais é preciso investigar a evolución do sistema para demostrar a súa continuidade histórica, fundamental para cumprir co criterio (iii) de testemuño dunha tradición cultural e, sería de grande importancia, a creación dunha escola de cantería que impedise a perda do saber tradicional. Esta iniciativa non só asegura o mantemento físico do sitio, senón que xera “emprego verde” e sustentabilidade económica para a poboación local. 

Esta estratexia non se limitaría, pois,  a describir a beleza do territorio; potenciaríaa a visión da Ribeira Sacra como un sistema de enxeñaría global. Por outra parte, cubriría o baleiro  existente entre as paisaxes mediterráneas e as grandes infraestruturas andinas ou alpinas, presentándose como unha peza indispensable na historia da pegada humana no territorio a nivel mundial. Para iso, sen embargo,  é fundamental involucrar aos habitantes da Ribeira Sacra, herdeiros e continuadores potenciais dos valores existentes na actualidade. Cousa que, polo que se pode ler no informe do IKOMOS, non se fixo ate o de agora. 

Artigo relacionado: A Ribeira Sacra: terra de frades que non rezan e muíños que non moen (I)