Enrique Sáez Ponte TEXTO
Os resultados da enquisa sobre o uso da lingua do Instituto Galego de Estatística, que se coñeceron a principios de decembro, son moi preocupantes: o galego é unha lingua minoritaria que ademais está a perder falantes. A posíbel desaparición do idioma a medio prazo sería un desastre. Moitas formas de dicir as cousas –resultado da evolución de centos ou miles de anos– deixarían de existir, aínda que se conserven en escritos e gravacións.
Tamén están as emocións. A conexión do son do idioma, das palabras, coa memoria, coas vivencias das persoas, das familias, da comunidade na que se traballa e se vive. A lingua é un poderoso estímulo de cohesión social. A falsa elección entre a integración nunha suposta modernidade e a supervivencia do idioma ameaza con esgallar a alma dos galegos. Non seriamos os mesmos disfrazados con roupas alleas, aínda que esteamos afeitos a levalas postas.
O galego está en franco declive nas cidades, onde se xoga o futuro. A maioría das chamadas linguas minoritarias están na mesma situación, son illas a punto de seren asolagadas polo ascenso dos idiomas internacionais, empurrados polo quecemento global da comunicación. Son restos marxinais que esmorecen cando non poden manter unha masa crítica de falantes fronte a outro idioma invasor. Por sorte o galego non está só, está conectado ao gran continente do portugués.
A defensa da lingua e as cousas de comer
Durante unha longa etapa da miña vida profesional –doce anos– fun traballar case todos os meses a Portugal, normalmente a Porto, e puiden comprobar a utilidade da nosa lingua. Sempre me comuniquei en galego, achegando un pouco o meu acento ao deles e incorporando ao meu vocabulario algunhas das súas palabras. Supoño que, a partir dalgún momento, o que falaba poderíase chamar portugués, pero non son consciente de cando pasei a fronteira.
O primeiro día daquela xeira profesional, un compañeiro preguntoume se quería que faláramos en inglés. Era o que faltaba, traballarmos en inglés un tipo do Porto e outro da Coruña!. Se un fala galego, pode ter desde un primeiro momento unha boa comunicación en Portugal, especialmente no Norte. Moitos galegos que traballan en países lusófonos poden contar experiencias semellantes á miña. Eu, que fun educado en castelán cando non había galego no ensino, mellorei moito en Portugal o coñecemento que tiña do noso idioma. Dábame gusto escoitar a naturalidade coa que conxugan os infinitivos ou colocan os pronomes.
Unha lingua é un sistema de comunicación que amplía a súa capacidade cando está relacionado con outro. Se deixamos morrer o galego, perdemos unha ponte que nos axuda a conectar no plano cultural, profesional e persoal cos portugueses, brasileiros, mozambicanos, angolanos e caboverdianos. Resulta sorprendente que poida ser lingua minoritaria unha que está vencellada a un importante sistema lingüístico internacional. Como non son poeta, novelista, filólogo ou sociolingüista, non debo profundar nesta análise. Son eses profesionais os que valorarán o que significa perder un idioma no plano da cultura, da identidade, das emocións.
O de falar é algo que facemos coa boca. Como tamén comer, e isto tócame máis directamente no plano profesional. Se temos unha lingua con conexións internacionais, que amplía o noso espazo de relación, posuímos algo que vai mais alá do estritamente cultural, unha capacidade práctica que pode axudar a que comamos e vivamos mellor.
O plano económico do debate lingüístico vense usando sistematicamente en contra do galego, cando se compara co español e se intenta engadir un argumento racional para marxinalo. Chegou o momento de darlle a volta ao razoamento e empregalo a prol do galego, para mantelo vivo e cobizado polos novos falantes. Cando defendemos o idioma, tamén estamos a falar das cousas de comer, que son moi serias.
Derrubar barreiras e diferenciarse
Na Riqueza das Nacións (1776), Adam Smith argumentaba contra o emprego dos aranceis, a pesar de que tivo responsabilidades no sistema aduaneiro, ou quizais por iso. O autor escocés pensaba que os obstáculos ao comercio dificultaban o desenvolvemento dos países. Tiña bastante razón: canto menos obstáculos existan para que cada un venda o que sabe facer, mellor para todos.
Pero os aranceis non son os únicos atrancos para o intercambio económico. Hai outros: a distancia, as normas técnicas, as diferentes regulacións de saúde ou ambiente ou a comunicación en idiomas distintos (traducir contratos e instrucións, dificultades para entenderse, desconfianza sobre o que se quere dicir..). A diferenza de idioma é unha eiva importante, e os que temos traballado noutros países sabemos que os negocios fanse mellor na lingua local. Aínda que todos falaramos o inglés, a relación soportada sobre un idioma estranxeiro é mais difícil porque custa máis crear o vencello afectivo coa xente que axuda a conseguir confianza.
O galego é riqueza da nosa nación porque derruba barreiras. Se Galiza consegue reforzar a ponte coa lusofonía, e que unha maioría dos seus xoves rematen o ensino medio tendo un nivel alto de portugués, ademais dos dous idiomas oficiais e o inglés, será un país mais próspero. Os empresarios, os técnicos, os directivos e os traballadores en xeral serán máis produtivos, porque serán capaces de empregar máis idiomas. Incluso falarían tres idiomas oficiais da Unión Europea, o que os capacita, no plano do coñecemento lingüístico, para seren funcionarios das institucións comunitarias, se desexan intentalo.
Estamos a debater acotío sobre as melloras de produtividade necesarias para que a economía volva crecer con forza. Nos últimos anos, esas melloras téñense apoiado principalmente na rebaixa dos custes salariais. Como é inxusto que os máis febles soporten o maior peso dos sacrificios, os economistas piden outro tipo de medidas como os investimentos en ensino, en investigación ou en equipamento produtivo. Solucións de libro. Calquera país debería facelo se ten capacidade financeira e unha economía con crecemento insuficiente para tirar proveito dos recursos que ten sen uso. Sobre todo do máis importante: o da xente que quere traballar e non pode.
Porén, moi poucos teñen a posibilidade de melloraren a produtividade incorporando o coñecemento doutro idioma internacional case sen custe. Por iso non se fala desta opción. Non é un tópico cando se debate sobre competitividade, non está nos manuais porque case ninguén poden facelo. Botémoslle un pouco de imaxinación, esquezamos esa desgraciada tendencia a deixar que outros marquen a axenda das nosas aspiracións e ollemos para Galiza. Nós si podemos.
En España, só os galegos poden aprender con pouco esforzo un segundo idioma estranxeiro importante. Os demais bastante teñen con aprender inglés. Pero mesmo o inglés é máis fácil de aprender para os que viven nunha sociedade plurilingüe. España ten un problema específico neste eido, porque os educados nun contorno monolingüe castelán, un idioma con pouca riqueza fonética, teñen moitas dificultades para dominaren outros idiomas. Se os galegos renunciamos á nosa lingua e as súas conexións, empeoraremos tamén a nosa habilidade para chegar a falar inglés. Ollo! Pasariamos de ter unha vantaxe a cargar cunha nova eiva.
Pero hai outro aspecto moi favorábel: o multilingüísmo con proxección en tres continentes fainos especialmente atractivos para captar investimentos. Aumentar o capital por traballador é outro procedemento –este si que é de libro– para lograr melloras de produtividade e aumentar a oferta de emprego. É lóxico que atraer capital exterior sexa o obxectivo de moitas viaxes oficiais do presidente da Xunta. Pero a realidade é teimuda e a economía galega recibe pouco investimento internacional, seica non ten suficientes atractivos. Cando o presidente galego senta con grupos de empresarios, por exemplo en Colombia ou en México, e abre o catálogo das vantaxes que temos como destino dos seus investimentos, atópase co problema de moitos vendedores: case todo o que pode ofrecer –subvencións, terreo industrial, portos, apoio crediticio…– é o mesmo que ofrecen outros, agás algunha especialización produtiva en sectores determinados.
Un coñecemento espallado do portugués sería un forte argumento para captar capitais. Galiza pasaría a ser o único lugar do mundo cun amplo coñecemento dos dous idiomas dominantes en Iberoamérica. Se ademais conseguimos engadir o inglés, a nosa poboación activa tería acceso completo ao continente americano. Isto, e a nosa posición privilexiada no espazo atlántico, poden converternos nun país moi atractivo para calquera empresa internacional, ou especificamente para investidores do espazo da lusofonía que se queren implantar na Península ou en Europa.
Máis competitividade, case sen custo
Desde a entrada na UE, Galiza tense transformado nunha economía aberta. As exportacións de mercadorías sitúanse agora en torno ao 33% do seu PIB, dez puntos máis que a media de España, polo que a xeración de riqueza está moi vencellada á capacidade de vender fóra. Esta posición fronte ao exterior permitiu que a economía galega se comportase mellor que a do conxunto estatal nos anos máis duros da crise. A recuperación do crecemento da economía española no 2014 apoiouse na mellora da demanda interna e da exportación de servizos. Cando isto ocorre, Galiza, afastada das principais cidades e zonas turísticas da península, tende a crecer menos. Depende máis da exportación de mercadorías, e o comercio internacional freouse o ano pasado polo pouco crecemento de Europa e dalgúns países emerxentes.
Ter unha economía con capacidade exportadora é moi positivo, e o Goberno galego teima por aproveitar esta experiencia e incrementar aínda máis a internacionalización. Así o manifestou Núñez Feijóo hai pouco, cando dixo que tiña o obxectivo de que as exportacións cheguen ao 40% do PIB nos próximos anos. Para isto é imprescindíbel aproveitar todo o que axude a ser máis produtivo e a diferenciarse.
O esforzo para achegar o portugués á mocidade galega ten unha enorme rendibilidade en termos de competitividade internacional e moi pouco custo. Un rapaz ou unha rapaza cun bo coñecemento da nosa lingua pode acadar un alto nivel operativo de portugués nun ou dous cursos. Ese debería ser o obxectivo. Nada que ver co que pasa co francés ou co alemán, que nunca se conseguen dominar como segunda lingua estranxeira no ensino medio. Cómpre lembrar que o portugués ten máis falantes no mundo que o francés, o alemán ou o ruso.
O difícil xa está feito. O que realmente ten un grande custo económico é ter un sistema educativo bilingüe. Pero grazas a el, os xoves formados en Galiza teñen a sorte de que aprenden, ademais do español, unha lingua que lles facilita a comunicación con 250 millóns de persoas. Desaproveitar esta enorme oportunidade, collendo prestada a ironía de Joseph Fouché, é algo peor que un crime, é un erro! Un erro cultural, pero tamén económico. Gastamos unha chea de recursos en ensinar galego e non aproveitamos a súa potencialidade adicional, unha arma de diferenciación competitiva que vén incluída gratis no paquete.
Sería incomprensíbel deixar pasar a oportunidade que nos regala a nosa cultura nun contorno planetario tan competitivo, co que costa diferenciarse, co traballo que supón conseguir algunha vantaxe permanente fronte aos competidores. Non aproveitar recursos que están aí, agardando por nós, é directamente tirar diñeiro.
Facer ben as cousas, co máximo apoio
Levamos erguidos tantos muros fronte ao portugués, que cómpre facer un esforzo sostido de organización e programación para lograr o obxectivo de que todos os centros galegos, públicos e privados, ensinen portugués como segunda lingua estranxeira optativa. É doado preparar profesores co apoio que a Xunta vén de acordar co Instituto Camoês. Sería bo, ademais, permitir que todos os profesores –non só os de portugués– fagan o curso se asi o desexan.
Pero tamén cómpre non esquecer que, como dixo o gran arquitecto alemán Mies van der Rohe, Deus está nos detalles. Vai ser clave implantar o programa de ensino de portugués tendo en conta o nivel previo dos alumnos. Mesmo poderíase engadir ao propio programa de ensino de galego algún apartado sobre as diferenzas co portugués, que lles resultará útil aos alumnos aínda que non elixan logo o portugués. Dá arrepíos pensar que os profesores de portugués empecen a materia como se estivesen en Estremadura, onde os alumnos no teñen formación previa nun idioma moi próximo.
Un escenario terríbel do que podería ocorrer neste caso parte do marco legal. O ensino das linguas contempla tres casos: linguas propias, a primeira estranxeira e a segunda estranxeira. Cada espazo formativo ten os seus obxectivos e os seus programas. O problema é que o portugués fica un pouco fóra do molde: non é lingua propia, pero tampouco totalmente estranxeira. É unha especie de híbrido. O programa de ensino de portugués e os resultados que se lle piden teñen que partir desa realidade. Se ensinamos o portugués como se fose o polaco, podemos provocar o fracaso do programa, unha enorme frustración e a perda dunha oportunidade histórica. Por desgraza, haberá algúns que o intenten, aínda que só sexa por defenderen intereses corporativos.
Hai un ano, o “acordo Paz Andrade” –produto dunha iniciativa popular que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galiza– abriu as portas para implantar o portugués en todos os centros galegos de ensino medio. É necesario conservar e ampliar ese apoio social. Están en xogo a mellora da situación do galego e a necesidade de sermos máis competitivos. Aquí non valen medias tintas. Adiemos as guerras case relixiosas sobre ortografías, as batallas partidarias e as loitas na defensa do castelán, que xa está defendido de máis. O país necesita que todos colaboremos en aproveitar o galego para achegarnos ao idioma do que é familia directa.
Cambiar de dirección as tendencias sociais non é doado, e as inercias en contra do galego son poderosas. É importante informar, ter reunións coas asociacións de pais de cada centro para que entendan que os seus fillos poden chegar a dominar o portugués con pouco esforzo, coas vantaxes que son fáciles de explicar. Hai que crear as condicións para superar vellos tópicos, ao que poden axudar medidas complementarias como que os canais de TV en portugués entren na oferta dixital dispoñíbel nos fogares galegos. A propia TVG deberíalle dar máis espazo á cultura portuguesa, programar películas ou series en portugués –con subtítulos en galego–, traer máis artistas dos países lusófonos para actuaren nos programas de entretemento, e adoptar a política de non traducir as declaracións que se recollan en portugués.
Non esquezamos que son moitos a poñerlle atrancos ao galego. Aínda que o fagan de boa fe, para efectos prácticos deberiamos tomalos como colaboradores dos nosos competidores, que queren empobrecernos. Non debemos esperar apoio de Madrid nin de Lisboa. Ambas capitais tenderán a pensar que, se emerxe unha comunidade autónoma cun coñecemento espallado dos dous idiomas dos que se senten propietarias, pode limitar a súa propia capacidade de atraer investimentos.
Galiza ten todas as competencias necesarias para facer ben as cousas. Só ten que ollar para os seus intereses e actuar en consecuencia. Reforzar as conexións do galego co seu tronco lingüístico axudará a que estea máis integrada no mundo, e para que acabe sendo un país máis rico.