Martes 28, Novembro 2023
HomeCulturaA NARRATIVA DA NACIÓN

A NARRATIVA DA NACIÓN

ENSAIO
Mario Regueira, Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966). Xerais, 2020. 352 páxs.

 

por Manuel Forcadela

O primeiro que me chama a atención e me comprace no volume de Mario Regueira  Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966), publicado por Xerais, é o emprego do epígrafe “imaxinario nacional”. E isto porque o termo ‘imaxinario’ propón un suxeito que entrelace co nivel simbólico (a lingua galega) e co nivel real (intanxible e imposible de simbolizar, mais que deixa algunhas fendas a partir no emprego no título da palabra posguerra). E isto porque este suxeito (a nación galega) segue aínda vivo, malia a tentativa fascista de eliminalo.

O autor persegue ao longo do extenso e ben fiado discurso a reconstrución do que poderíamos denominar un zeitgeist, un espírito de época. Asistimos, por tanto, á descrición, á cronografía de trinta anos decisivos que dan conta da forza que resiste ante o poder nun exercicio en ocasións infrapolítico, mais que emerxe, polo xeral, cargado de sentido.

Enténdese que o imaxinario nacional é metáfora (e síntoma) dun imaxinario nacional que irrompe como significante dun suxeito (nacional) suxeitado pola enunciación (en lingua galega). E velaí os vimbios do cesto: a exploración do texto literario como unha superficie simbólica que tenta facerse cargo do sentimento de perda do suxeito (nacional galego) contemporáneo perante a dimensión do real.

Vese con claridade que hai unha vontade de reconstrución e que esa vontade (dividual, divisible en persoas e grupos concretos) actúa como unha conciencia ao ditado do noso macrotexto narrativo contemporáneo.

E por aí vemos pasar a comitiva da nosa narrativa contemporánea e a irrupción das grandes voces e dos grandes proxectos culturais (Cunqueiro, Fole, Carballo Calero, Piñeiro, o Realismo Máxico, a Nova Narrativa, a Editorial Galaxia, a revista Grial), nun proceso no que o “imaxinario nacional” vese, claramente, como a interrelación do imaxinario literario e do imaxinario político nunha etapa ao meu ver modélica de reconstrución nacional polo que ten de cooperación entre todos os suxeitos imaxinantes.

Non estamos, porén, perante un traballo interpretativo que se aventure a lidar no campo de batalla dos sentidos, senón perante un exercicio de inventario, de amoreamento de probas e datos impecable. O autor non traspasa a membrana que nos introduce na ficción dos textos. Antes ben permanece fiel e moi atento a ese fluír dos datos e das datas, incluíndo non só o construído senón tamén o deconstruído, como se nese simple devir do simbolizado e editado houbese xa suficiente substancia. E, sen dúbida, que acerta. Porque o seu obxecto non é a interioridade do texto senón a ligazón que une a este con algo moito máis sutil: o devir das épocas na Historia e na permanencia dun suxeito nación, identificado como unha entidade obxectiva, establecendo o campo que outras voces críticas haberán de percorrer con novos traballos, estes xa de necesaria autopsia.

Deamos, pois, benvida e parabéns ao autor por este moi recomendable traballo.