Martes 15, Xuño 2021
HomeCulturaA MÚSICA COMO REFUXIO

A MÚSICA COMO REFUXIO

MÚSICA

Endless Arcade,  Teenage Fanclub (PeMa, Abril, 2021)

 

por Carlos Rego

Houbo un momento en que parecía que os deuses do pop puxeran a súa man sobre os ombros de Teenage Fanclub, catro mozos escoceses que soaban como unha enfeitizante combinación da enerxía desleixada do seu tempo, a época de Nirvana, e a capacidade para a melodía, as harmonías vocais e as guitarras cantareiras de The Byrds. Discos como Grand Prix ou Songs from Northern Britain rebordaban cancións perfectas no seu clasicismo contemporáneo, pero nunca chegaron a dar o paso ao éxito masivo. Eran, son, xente corrente, afables, familiares, pouco amigos do postureo, namorados da música que non quixeron aceptar as servidumes que chegan coa busca da fama á calquera prezo.

Por suposto, o fulgor xuvenil tampouco é eterno. Moitos pasan a vida tratando de retelo e repetilo. Outros, os máis intelixentes, maduran, no mellor sentido da palabra, e sacan o mellor partido do paso do tempo. Hai quen aínda bota de menos nos discos máis recentes de Teenage Fanclub a enerxía doutrora e os retrousos máxicos de antano, eses que o seu público todavía canta nos concertos como unha soa voz, pero é loitar contra o inevitable. O atractivo de discos como este Endless Arcade ou Here, o seu inmediato anterior, é moi outro e vai calando paseniñamente coas sucesivas escoitas. Os tempos das cancións apenas se aceleran e discorren plácidos, a distorsión das guitarras, que segue estando aí, non chega a estridencia e xunto cos sutís arranxos de teclados envolven unhas melodías que ofrecen refuxio ante unha contorna hostil. Non falamos de asuntos sociais, son o paso do tempo e os embates da vida sobre á nosa situación persoal os que poñen un fondo de tristura compensado pola beleza da música e unha actitude estoica que trata de sacar o mellor do que temos arredor, sensibles sen caer na sensiblería nun mundo no que ironía e cinismo son norma.

A perda de Gerard Love, un dos tres compositores que se repartían democraticamente o repertorio, deixounos algo coxos, pero Norman Blake, franco e directo, e Raymond McGinley, sempre máis revirado e reflexivo, apáñanse de sobra para agasallarnos con momentos de emoción contida. Dende a serenidade de «Home», con ese longo solo que se demora sen rumbo aparente, ata o retrouso ganador de «I’m More Inclined», e pasando pola eterna pegada dos Byrds de “The Sun Won’t Shine on Me», a estrañeza de «Endless Arcade» ou o pulo sostido da definitiva «Everything’s Falling Apart» (todo vai desaparecer ao noso redor, semellan dicir, pero estamos xuntos nisto e disfrutaremos do que nos queda), hai moito e bo onde escoller. O gran momento de Endless Arcade, porén, chega cara ao remate do disco, cando, nun crescendo máxico, os coros da coda final de «Back in the Day» elevan unha queixa dorida sobre a imposibilidade de atopar a paz interior á categoría de música celestial.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]