Luns 20, Setembro 2021
HomeCulturaA LUZ ENTRE AS TEBRAS

A LUZ ENTRE AS TEBRAS

NARRATIVA
Antón Riveiro Coello. O paraíso dos inocentes. Galaxia, 2020.

 

por Armando Requeixo

Hai novelas que turran por nós dende o fondal das tebras para arrincar da noite máis moura avelaíñas de luz. Son documentos do horror, radiografías da vesania humana e da iniquidade que as persoas somos quen de desatar. Tamén si, a testemuña inequívoca da nosa capacidade para sobrevivir a todo, para sobrepoñernos e seguir a camiñar malia as máis feras adversidades, a confirmación de que o espírito de superación e a resiliencia son infinitas en nós.

De que escribo dá boa conta a máis recente novela de Antón Riveiro Coello, O paraíso dos inocentes, crónica da fereza lacerante, da miseria e a destrución que os conflitos bélicos fan padecer aos pobos, neste caso personificados na terrible guerra que se libra en Siria e, particularmente, na cidade de Alepo.

A loucura daqueles que, por conviccións relixiosas, políticas ou doutra índole, coidan estar na posesión da verdade absoluta e entenden que deben impoñer a súa visión do mundo aos demais provoca situación dantescas, violencias arrepiantes e mortes sen fin. Velaí a orixe das cruzadas terroristas, que nesta novela se personalizan nos témeros atentados acaecidos no aeroporto internacional de Zaventem, en Bruxelas.

Mais en O paraíso dos inocentes hai tamén lugar para as ardoras de humanidade, para a solidariedade e o amor, modúlese este en afectos familiares, de parella ou para cos conxéneres. Porque o ser humano é quen de vencer os infortunios propios e alleos e a vontade do amor universal espella unha luz cegadora. Desfilan así por estas páxinas personaxes de loita heroica, seres que atopan no traballo da resistencia pacífica nos campos de acollida aos refuxiados a súa razón de ser, individuos que coidan dos seus iguais para non deixar que morran e que comprenden a sagro valor dos reencontros familiares. Todos eses vagalumes de bondade afírmannos na innegable esperanza dun futuro non só posible, senón mellor.

Facendo gala do seu impecable oficio de tantos anos de escrita, Riveiro Coello tece aquí unha trama que arquitecturiza trenzando lugares e personaxes, alternando subtramas e motivos nunha orquestración que vai e vén dos sucesos externos ao interior da psique dos personaxes, cosendo feitos e testemuñas reais con outros imaxinados pero non por iso menos plausibles, para construír así un relato que é, a un tempo, a denuncia das masacres bélicas que permitimos e a constatación de que o ser humano é quen de cicatrizar as feridas e continuar a avanzar, con vontade, polo vieiro da paz e a harmonía universais, un paraíso que ben merecen as ánimas inocentes.

O paraíso dos inocentes está chea de páxinas inesquecibles, retratos de seres que nos admirarán e de circunstancias extremas que nos han expulsar da nosa zona de confort para arrebolarnos á cara a traxedia dun mundo que padece un sufrimento atroz que está na nosa man facer desaparecer. Porque nós somos a enfermidade e o remedio, o veleno e o antídoto, a única luz que pode acabar con tanta escuridade.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]