NARRATIVA
48 horas, de Cándido Paniagua Pousa. Xerais, 2020. 216 páxs.
por Delfín Caseiro
Andabamos abrindo con pala e picaraña a porta dourada do alén grorioso e ridente da tradición.(Vicente Risco, “O sapo”, en Leria, 1961)
Na Biblioteca da Limia, do Museo de Vilar de Santos, hai un lugar asignado a unha nova voz creadora, a de Cándido Paniagua Pousa. Após O caderno de erros (Do Peirao 2018) chéganos 48 horas (Xerais 2020), novela cuxa trama traslada ás terras íntimas da nacenza. O escritor de Xinzo, que se dedica á docencia, gusta do formato da novela negra, mais con algunhas variantes significativas. Á súa paixón pola maxia da lagoa e polo misterio da cidade asolagada (a ausencia da auga grande é unha presenza constante) únese a querenza pola Historia que nos identifica e nos ampara. Por iso escribe para combater o esquecemento, a desaparición.
O relato convídanos a acompañar un grupo de alumnos e alumnas do instituto da vila polo itinerario dun documental. Trátase daqueles espazos ou elementos míticos, mesmo inexistentes, que se meten dentro de nós e que se converten en sentimentos de acougo e de pertenza. As torres e fortalezas da Forxa, de Sandiás, de Pena e de Celme, mensaxeiras do tempo, fanse personaxes simbólicas que nos traen resonancias épicas e abren as portas á reflexión a respecto de relevantes aconteceres históricos. Outro tanto ocorre co mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, coa ponte vella do Toural de Xinzo, coa fervenza da Forxa (Porqueira) do río Fírveda ou coa Pedra Alta, a máis grande pedrafita do Noroeste.
Paniagua Pousa vai dosificando de maneira precisa estes elementos da realidade histórica con outros da memoria colectiva. Recreación vitalizadora das lendas que nos fascinan e nos identifican, que transcenden a continxencia. O río do esquecemento, a cidade asolagada de Antioquía, o cantar do galo, o ovo azul, o exército encantado do rei Artús (Artur), a infortunada raíña póstuma Inés de Castro ou o pasadizo soterrado entre as torres de Pena e Sandiás perpetúan a memoria primeira da lagoa de Antela, espléndido paraíso reducido a terra seca pola cobiza e a ignorancia humanas. Entre os elementos marabillosos non falta o libro manuscrito, que garda o saber herdado da chaira fecunda.
Uns e outros enfeitan a narración dos acontecementos, que se desenvolven durante dous días. Ao longo de 48 horas trepidantes o autor ofrécenos a crónica existencial dunhas personaxes coetáneas de nós, deste tempo marcado polo imperio das novas tecnoloxías, das redes sociais e dos videoxogos. Instáurase unha nova dualidade, a da realidade e a da virtualidade, como se fosen vidas paralelas mais ben distintas. Bo coñecedor da complexa psicoloxía da adolescencia, o autor profunda no ollar introspectivo, tarefa de recreación de personaxes auténticas. A coidada linguaxe narrativa alterna coa linguaxe das redes sociais e coa xornalística. A atención de quen le fica prendida desde a primeira páxina. Recoñecémonos neses adolescentes que entran nas lendas.
Cándido Paniagua lémbranos que non se pode esquecer. Sería como perdermos a alma. O relato da desaparición dunha personaxe quere ser tamén a denuncia da desaparición, da perda do paraíso natural limiao. E á vez, do universo campesiño, territorio galegofalante, depositario de valioso patrimonio cultural, que esmorece baixo o silencio esmagador do abandono.