Na opción polo teatro-documento que parece centrar os últimos proxectos de Chévere, este Helen Keller, a muller marabilla, ten algo especial que non ten que ver co obvio: é teatro inclusivo, feito realmente para que as persoas xordas poidan acceder a el (non así as cegas). Pero a particularidade deste espectáculo incide nun enfoque distanciador (selo do seu director) que cuestiona as figuras protagonistas da historia —Hellen Keller e a súa mestra, Anne Sullivan— para evitar contar a enésima historia de superación incidindo nunha realidade alternativa, a de persoas que non elixen “superarse”, senón simplemente seguir vivindo malia a enfermidade, a discapacidade ou a pura diferenza.
Aí radica o interese deste último espectáculo de Chévere: non só documenta un feito ou un personaxe histórico, senón a posibilidade de seguir adiante malia unha discapacidade tan profunda coma a xordocegueira de Helen Keller e mais as circunstancias estruturais que permiten a consabida superación (ser rica, branca, americana), onde a obra non escatima un espazo para a crítica.
Merecen unha mención á parte as actrices participantes, alén da integrante de Chévere Patricia de Lorenzo, Chusa Pérez de Vallejo e Ángela Ibáñez, intérpretes que amosan desde a súa práctica escénica as posibilidades (e as dificultades) da inclusión das distintas formas de diversidade funcional no teatro, esa arte tan física, tan visual, tan do espazo, tan aparentemente contraditoria con non responder á ortodoxia física e/ou mental. Ibáñez é actriz xorda que, obviamente, demostra en escena unha realidade á que as persoas oíntes vivimos alleas: é posíbel facer teatro en lingua de signos, existen formas de expresividade xestual vencelladas a ela e unha estética relacionada fermosa e sorprendente. Pérez de Vallejo, pola súa banda, como actriz, bailarina e intérprete de lingua de signos, é a responsábel da idea orixinal do espectáculo e recolle en escena a posibilidade de que o público oínte sexamos os discapacitados, quen precisamos do texto e da tradución, quen temos que adaptarnos a unha modalidade particular de ritmo que é moi diferente do habitual en Chévere e que é, quizais, o que nos produce maior estrañeza nun espectáculo onde Patricia de Lorenzo explora unha forma de presenza diferente da habitual nela.
A dramaturxia de Helen Keller, a muller marabilla, como non podía ser doutro xeito, non responde ao argumento clásico, senón que, mediante unha sorte de intelixencia artificial proxectada (que é a intelixencia, preguntámonos, en definitiva) apela ao público a tomar decisións sobre a historia contada que, en fin, implica decisións sobre os propios prexuízos. Aí radica o documentado nesta peza, o prexuízo como forma de estar no mundo e como forma de ver e facer teatro. Un obxectivo logrado.
Helen Keller, a muller marabilla
Compañía: Chévere
Dirección e dramaturxia: Xesús Ron
Intérpretes: Patricia de Lorenzo, Chusa Pérez de Vallejo, Ángela Ibáñez.
Espazo escénico: Nonononlab
Vestiario: Uxía Vaello
Iluminación: Fidel Vázquez