Cando as persoas xa non poidamos, saibamos ou queiramos comunicarnos entre nós, xa nada nos separará do abismo. A comunicación é a base sobre a que se ten construído calquera civilización e tódalas comunidades ao longo da Historia. Como pasa con moitas das cuestións máis importantes da nosa vida, damos por feito a nosa capacidade de comunicarnos. Sen pararnos a pensar que hai moitas persoas que ven vulnerado o seu dereito á comunicación tódolos días.
Isto é o que aborda Xorda, unha das películas españolas máis importantes de 2025. A primeira longametraxe de Eva Libertad introdúcenos na vida de Ángela, unha muller xorda que espera á súa primeira filla xunto coa súa parella, un home ouvinte.
Como pode unha nai xorda afrontar a crianza dun bebé nun mundo ouvinte que exclúe ás persoas que non teñen a capacidade fisiolóxica de escoitar?
Libertad explora da man da súa actriz protagonista o medo e a dor que causa a incomunicación, así como a incapacidade (e a falta de vontade) das persoas que si podemos escoitar para pornos na pel (e no cerebro) dos que non teñen a capacidade de escoitarnos.
Por ilo, non debe sorprendernos que a cineasta fuxa de calquera recurso sentimental e leve a historia cara un drama psicolóxico en vez de cara un drama familiar ou de parella. De feito, tanto a escritura como a posta en escena son honestas co espectador, salvo nun xiro formal clave que Libertad executa para enfrontarnos contra as nosas insuficiencias.
Así, a media hora final do filme amósanos dunha maneira quizais tramposa, pero brillante, que non somos capaces de comprender de verdade o que significa non poder escoitar nunha sociedade na que a palabra pronunciada é tan importante.
Non poder comunicarse trae consigo unha sensación de frustración terrible por non poder entender o que din os demais nin ser capaz de facer entender ao outro o que se lle quere transmitir. Pero, máis aló da frustración, o verdadeiro terror que esconde a incomunicación e a soidade.
Este filme non só nos fai ver, senón tamén oír, o soa que se pode sentir unha persoa cando a incapacidade de escoitar a mantén separada sobre todo dos seus seres queridos. Incluso cando está rodeada de persoas que desexan saber como se sinte e darlle un espazo de seguridade nun entorno adverso.
Precisamente, a relación entre a parella protagonista, doce, tenra e complexa, é un dos grandes fitos dunha película que desborda realidade e sensibilidade. El quere protexela a ela e esa protección pode provocar que se sinta afogada. Os coidados excesivos tamén poden empurrarnos cara a soidade.
Xorda non é A familia Bélier (Éric Lartigau, 2014), nin CODA (Siân Heder, 2021). Non quere contarnos unha versión romantizada da vida das persoas xordas e non fai uso de recursos que buscan lágrima. Por iso mesmo é unha película que deixa un gran impacto despois de vela.

Xorda
Dirixida e escrita por Eva Libertad
Reparto: Miriam Garlo, Álvaro Cervantes, Elena Irureta





