A heterodoxia natural de Luz Pichel

Volve Luz Pichel a sorprendernos cunha nova incursión transfronteiriza. Antes foron varios libros nos que se transpasaron e se confundiron en acción de heterodoxia liberadora fronteiras entre idiomas e rexistros lingüísticos, galego e castelán, castrapo e norma estándar, variedades xerais e locais. Agora, en Tu existe –enigmático título que tamén sobarda lindes de sentido-, son as barreiras de xénero as que resultan cuestionadas, nun exercicio de expansión natural propio dos hábitos expresivos da autora.

Esta última publicación, de fundamental cerna poética, admite ser entendida tamén como discurso de ficción narrativa, crónica dunha experiencia de interacción comunitaria, diario de páxinas dispersas ou caderno de notas para un libro de memorias. Tanto aquelas experiencias interlingüísticas como esta comunicación multixenérica deseñan un rumbo de singular proposta experimental, inimitábel verbalización da visión poética de Luz Pichel, nacida da necesidade, asentada na razón existencial.

A razón da que procede Tu existe e que explica o seu híbrido formato comunicativo foi a participación da poeta no proxecto “O espello da memoria no trazo da palabra”, a convivencia de Luz e da ilustradora María Puertas –autora dunha serie de debuxos de moi atractiva tonalidade poética- cos veciños e veciñas de Vilar de Bande, aldea da Baixa Limia, durante varios días de xuntanzas e conversas de engaiolante suxestión de fondo antropolóxico, histórico, confidencial. En grande medida son as voces da veciñanza (“falar é cousa linda”) as que constrúen o discurso da memoria compartida, un dos asuntos centrais do libro, onde as lembranzas vivas no ámbito de Vilar comunican coas que a poeta trae do seu Alén de infancia e mocidade: “quen se presenta é meu pai na miña cabeza cunha laranxa”.

Equilíbranse en Tu existe con ben calculada dosificación as perspectivas do eu lírico coa dos protagonistas da memoria colectiva e a crónica do presente, que van elaborando un texto de carácter épico –alleo a calquera tentación de solemnidade-, co terror evocado do golpe fascista de 1936, o testemuño da represión ou a dor da emigración entre algúns dos asuntos graves que regresan no tempo. Vilar é o mundo e nese ámbito universal dos días de hoxe escoitamos tamén o relato distendido da veciñanza, entramos en cada casa, participamos na leria dos autores e autoras do libro coral, entre eles Maruja de Clementina, Paco de Elvira, María Luisa a Portughesa, Mateo da Casa do Pozo, Ita do Reiniño, Emilio da Asociación ou Lucita de Pichel, incorporada esta última ao coro de habitantes de Vilar de Bande.

Lucita de Pichel, natural de Alén, implicada residente en Vilar, que son dous mundos moi semellantes, conseguiu, por arte de maxia do seu ben recoñecido oficio poético, superar os lindes do testemuño documental nun libro onde conviven en amigábel compaña a prosa descritiva, o rexistro directo da conversa, o poema substancial e o relato da memoria. Falar é cousa linda. A música da fala, a dos falares que se escoitan en Vilar de Bande, foi o aparello principal para a construción do texto completo de Tu existe, poesía expansiva, outro magnífico produto da heterodoxia natural de Luz Pichel.

Tu existe
Luz Pichel
Ediciones La uña rota
Madrid,2023
Número de Páxinas: 154