Adorei este espectáculo de circo porque o protagonista, Rogelio, é un pobre “friki” que cumpre 33 anos e ao que non lle vai ninguén á festa de aniversario. O protagonista é un perdedor nato, un anti-protagonista, un anti-heroe, un anti-guapo, o rapaz ao que lle fixeron “bullying” ou do que a xente se mofa. Todo parece que vai ser un desastre nesa festa. Pero, ao final, nós somos non só as persoas que están na festa deste “desgraciado”, senón que, pola súa graza e pola pureza do seu ser, acabamos sentíndonos no rol das súas amizades, desas amizades que si que están cando se lles require.
Rogelio III. La fête é terceiro, non porque sexa un rei e, aínda que cumpra 33, con eses dous treses, tampouco é un Cristo que vén ao mundo sacrificarse por nós. Aínda que a alegoría da redención, a partir do símbolo da idade de Cristo, acabe por emerxer. Vai ser a través del, de Rogelio, que moitos “frikies”, que moitos perdedores, que moitos “desgraciados” e outras criaturas benditas deixadas da man de Deus, ou mellor dito, da man dos que se miden pola guapura, a riqueza e o poder, van obter unha alegre redención.
E é Rogelio III porque pecha a triloxía da soidade, creada por Dani Blanco, antecedida por Rogelio, un pallaso en recuperación e Abracadaver. Resulta ben curioso, e ate certo punto paradoxal, encontrarnos cun espectáculo de circo sobre a soidade, un tema que, así de primeiras, nos levaría de cabeza á tristura, á circunspección e ao existencialismo. Porén, esperta a nosa simpatía e diversión.
Dani Blanco non só se arrisca co cerne temático, senón tamén deixando ao aire a artesanía circense e teatral. Pero iso forma parte da dramaturxia e do sentido da peza. O personaxe de Rogelio é tan puro e tan inxenuo que non pode mentir nin agochar nada. Por iso o envés dos trucos fica ao descuberto. Tamén porque deste xeito, amosando o que hai detrás, os trucos circenses non provocan o noso abraio, situándonos por baixo desa prestidixitación, senón suscitando o riso e a nosa adhesión emocional, aproximándonos ao personaxe, facéndonolo entrañable.
Ao final, resulta que o perdedor nos fai rir, non pola súa torpeza senón polas súas habelencias. Porque así, case como quen non quere a cousa, de repente, probando-probando, consegue sorprendernos con malabares moi inventivos e cun número musical de libro Guinness, no que ninguén do público falla na letra. Facendo un pouco de “spoiler”, porque nas artes vivas, en realidade, non hai “spoiler” que valla, trátase dos retrousos de cancións moi famosas e pegadizas, cuxa letra é o la-la-lá ou o la-la-ra-lá, ou cousas do estilo, manipulando as lendas o propio actor, como se nos estivese servindo un karaoke.
E así, entre xogos e cantos, entre risos e sorrisos, entre simpatía máxima e tenrura, o “friki” aquel do Rogelio, ao que ninguén se quería arrimar, ao final, ten a todo o público de amigo! Sen dúbida, un espectáculo divertidísimo e que pode ser moi útil para romper as xerarquías capacitistas e para non marxinar a ninguén, para non rirnos dos demais desde unha posición de superioridade.

Rogelio III. La fête de AsSircópatas
Idea orixinal: Dani Blanco
Elenco: Dani Blanco
Voz en off: Antón Coucheiro
Dirección: Natalia Outeiro “Pajarito”
Escenografía: María Dobronich e Dani Keller
Vestiario: María Dobronich
Espectáculo visto en Galicia Escena Pro. Praza da Quintana, 3 de xuño de 2025. (Estreado na 41ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas do Morrazo 2024).





