Xoves 3, Decembro 2020
Home Cultura A ESTRELA DO ROCK QUE NINGUÉN COÑECE

A ESTRELA DO ROCK QUE NINGUÉN COÑECE

MÚSICA

Chuck Prophet, The Land That Time Forgot (Yep Records. Agosto, 2020

 

por Carlos Rego

Na contradición do título desta recensión agóchanse unha arela e á vez unha sospeita. A arela é deixar claro que nun mundo perfecto (canto aparece esta frase nos textos sobre Prophet!) o noso querido Chuck debería ser recoñecido como un dos mellores representantes do rock de autor de raíz norteamericana: fantástico guitarrista, cantante de personalidade inconfundible e escritor con excelente man para as palabras, hai moi poucos artistas do seu estilo á súa altura. As comparacións con Tom Petty abondan ao falar da súa música, pero Prophet é máis novo, criouse no tempo do punk e botou os dentes nos turbulentos Green on Red, así que carece desa tona satinada que facía de Petty un ídolo de masas. De aí a sospeita. Pode que un éxito maior fixera a vida do noso home moito máis cómoda, pero quizais nos tivera librado da magnífica rea de discos que leva décadas publicando, discos compostos e gravados para chegar á maior cantidade de público, mais demasiado crús e reais para o oínte medio.

En The Land That Time Forgot salta ao oído o intento do autor de cambiar un tanto o seu método habitual, empurrado tamén polas circunstancias. Afastado do seu amado San Francisco pola suba constante do nivel de vida que tamén repercute no prezo dos estudios de gravación, Prophet viaxou á Costa Leste para contar coa axuda dun par de produtores que o sacaran da rutina. Non é este, logo, un disco de dúas guitarras, baixo e batería, formato que domina cos ollos pechados, aquí abondan as guitarras acústicas, hai maior riqueza instrumental e un maior coidado no son. O resultado refulxe dende a primeira canción e mostra non a un novo Prophet, xa son moitos anos e a súa identidade é abondo evidente, pero si outro, menos visceral mais non menos rexo. Hai rock and roll de riffs stonianos e xoias de pop vitaminado, pero predominan os tempos medios arrolados por guitarras acústicas e a participación esencial da voz de Stephanie Finch. Compañeira de moitos anos e tamén moi estimable autora, intervén en case todas as cancións para melloralas.

As letras mesturan cinismo descrido e tenrura e van do persoal ao común, dun romanticismo que esquiva a cor rosa á comprensión e simpatía por aqueles aos que a vida se lles torceu ou ao papel crucial das mulleres no mundo. Un non coñece moitos discos nos que tres diferentes presidentes dos USA protagonicen cadansúa canción, ás veces dende unha perspectiva case histórica cando lembra ao tren que levaba os restos de Lincoln en procesión, e outras persoal, como esa agridoce viaxe no tempo á «Nixonland» na que creceu o Prophet neno. Tamén está a actual. A derradeira canción, unha desas pezas que xa están a crear un xénero en si mesmo, preséntanos ao Prophet folksinger pedíndolle ao actual habitante da Casa Branca que baixe do

escenario, que o mal xa foi abondo, e deixe o seu lugar aos artistas de verdade. A tipos como Prophet, engadiríamos nós, un deses norteamericanos que dende a súa modesta posición si fan América máis grande.

Novidades