Martes 15, Xuño 2021
HomeCulturaA ESCALA LITERARIA

A ESCALA LITERARIA

por Xurxo Borrazás ilustración Daniel Pino

Non son enxeñeiro agrónomo, pero entendo que agricultura intensiva é a que busca ampliar a superficie de terra cultivada, aumentar a produción co uso de maquinaria, innovación tecnolóxica, praguicidas e fertilizantes químicos, o cultivo baixo plástico de temperatura controlada e varias colleitas, monitorización informática, uso de big data e mesmo drones con sensores que permiten optimizar cada parámetro do proceso, ata a última pinga no rego, ou determinar os tempos de poda e colleita, sen esquecer a busca de novas vías de comercialización e novos mercados, etc. O nivel absoluto deste tipo de explotación é a agricultura hidropónica, que prescinde por completo da terra. Nela as plantas aliméntanse cunha solución nutritiva sintética e asentan nun medio inerte, como a grava ou area lavada. A agricultura intensiva require por enriba de todo planificación, un ambiente definido por items medibeis e baixo control que conduzan á regularidade e a predicibilidade.

Fronte a ela, insignificante en termos económicos, está a agricultura extensiva, propia dos países pobres ou das filosofías sostíbeis, a que recolle cando hai e as nubes, o sol e a terra o permiten, minifundista e pouco produtiva, de subsistencia, que case se confunde coa ventureira recolección nómade. Unha das características deste modelo que aquí nos interesa é a do barbeito, deixar descansar a terra un ano ou dous para que gañe forza. Poderiamos chamala agricultura Neolítica, tendo en conta que moitas prácticas neolíticas en Galiza chegaron ata mediados do século XX. A diferenza coa agricultura intensiva non é só de técnicas, de filosofía de xestión ou de números e cantidades, senón que estriba tamén nalgo complicado de medir, o sabor.

Existe analogamente unha literatura intensiva e monitorizada fronte a outra máis ventureira e impredicíbel. Hoxe toda actividade humana é monetizábel en forma de investimento, tempos, esforzo e rendemento, tamén a literatura intensiva. Unha práctica tan extendida que mesmo os recolectores desfarrapados e confundidos entran na roda de levar a súa produción sobrante á feira e acaban botando contas do que sacan do seu leiro de fabas ou da súa presa de froitos silvestres ou ameixas veceiras. Esas contas din que unha hora da súa actividade, convertida en traballo, rende cen veces menos que o salario mínimo, igual que un amorodo de invernadoiro de Huelva fai nove dun moroto silvestre. En termos comerciais, comparar ambos tipos de literatura equivale a comparar un centro comercial de catro plantas e cen franquicias coa tenda-taberna do Sansón, o xabón Lagarto, o viño por netos e as serraduras ao pe da barra.

A agricultura e a literatura intensiva están obrigadas a medrar, ou cando menos a manterse arriba, un paso atrás é unha gadaña ao pescozo, coma aquel cociñeiro francés con tres estrelas Michelin, Bernard Loiseau, que advertíu aterrorizado que se un día perdía unha desas estrelas, se suicidaría. No 2003, unha guía menor rebaixou a súa cualificación a 17 sobre 20 e o Figaro fíxose eco do rumor de que a Michelin podería retirarlle unha estrela. Non lle fixo falta máis e pegouse un tiro. Ningún literato se balea os miolos cunha Smith&Wesson pero as reseñas, as listas de vendas e os premios e liquidacións anuais tamén nos amarguexan.

Na economía monetizada, que aspira como ideal ao monopolio, a necesidade de medrar é sacramental. Para iso, a empresa debe recorrer a técnicas de márketing e branding que lle axuden a asentarse como marca, ser recoñecíbel. No caso literario, trabállase na construción da imaxe do autor ou autora, ou fenómenos de grupo à la page capaz de proveer produtos ou servizos de estándares determinados. E algo máis, que comparte co resto de marcas comerciais, a ilusión instalada nas mentes dos seus consumidores de que adquiren un valor engadido intanxíbel en forma de pertenza, confianza, imaxe social. Non é casual que moitos produtos culturais invistan máis recursos na promoción (sexa en diñeiro ou en tempo para argallar e implementar a estratexia en feiras, entrevistas, presentacións, escolas, redes sociais, concursos, catálogos), no deseño e a construción dese intanxíbel, que no produto mesmo. Trátase dun ritual de neotribalización, proceso que pide o seu chamán. O chamán parece non vender nada, o cal é case certo, en realidade véndese a si mesmo.

Ironicamente, a creatividade da que a grande empresa se serve para desbordar os competidores, é sempre de pequena escala. Os regatos minúsculos que verten no Amazonas… fan o Amazonas. As startups deben ser modestas por definición, para que os seus impulsores poidan centrarse na creatividade, non na súa monetización.
Se o investimento monetario se aproxima a cero, un non espera rendemento económico, redúcese o medo a perder e increméntase o impulso lúdico. O científico no laboratorio dedícase a xogar coa historia da súa disciplina, despreocupado da aplicación práctica que outros lles dean aos seus achados, o mesmo val para o friki informático no seu garaxe ou o poeta que se deixa levar polos arroutos emocionais, e goza tanto de non facer nada como a terra cansa goza do barbeito. A evolución creativa dáse cando un non ten présa nin está obrigado a conquistar, nin sequera a explicar o mundo, confórmase con experimentar e se acaso entender un recuncho diminuto e superespecializado.

As prácticas artísticas son “de nicho”, desde a perspectiva da economía intensiva, condenadas a sucumbir. Isto é, a seren engulidas e devoltas ao mercado como parodia cínica. Este comentario pode soar elitista, elitista pode considerarse igualmente o enxeño e as sofisticacións nun chiste popular, un diálogo regueifeiro na taberna ou a fondura reflexiva dun refrán disfrazado de simpleza. A arte non elitista ten de feito un punto de indecencia.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]