De Rosalía a Celso Emilio, a emigración galega deixou a súa pegada na obra de grande parte dos autores do país. Desde os melancólicos poemas rosalianos, pasando polas caricaturas de Castelao até a visión máis crítica dun Celso Emilio Ferreiro decepcionado cos seus paisanos na Venezuela, as referencias á diáspora e ao emigrante forman parte do noso imaxinario literario.
Na emigración e no exilio, moitos escritores e artistas como Luís Seoane, Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor ou Xosé Neira Vilas achegáronse ás entrañas deses galegos que marcharan na procura dun futuro mellor. As Casas de Galicia e os Centros galegos espallados por Sudamérica, que se constituíran como entidades fornecedoras de servizos básicos aos emigrados, remataran por converterse no vínculo entre os paisanos expatriados e os intelectuais que marcharan do país por múltiples razóns. Pero rara vez ese contacto coa intelectualidade ía máis alá de reunións en pequenos círculos de persoas.

Luz Darriba (Montevideo, 1954) é filla e neta de emigrantes galegos no Uruguai. Desde os anos 90 vive en Galiza, onde se dedica á arte en moitas das súas facetas, pero a crise fíxoa emigrar outra vez e marchou a Bruxelas. Na capital europea colabora co Centro galego, onde o pasado 27 de Abril celebraron o seu particular Día das Letras Galegas. Alí, Luz explicounos unha realidade que ela viviu en primeira persoa. “A xente da cultura non se achega ás masas, non porque non queira, senón porque non pode -afirma. Hai que ter en conta que no caso das migracións a América do Sur, a primeiros do século XX, a maioría da xente era analfabeta, o que facía esa aproximación moi complicada”. No entorno das Casas de Galiza, os emigrantes xuntábanse para resolver asuntos cotiáns, como o acceso á sanidade ou aos servizos sociais, “cousas que precisaban máis que a cultura”.
[quote style=”boxed” float=”right”]A principios do século XX, a maioría dos emigrantes eran analfabetos. A aproximación á cultura era moi complicada[/quote]
Porén, os froitos dese traballo estanse vendo nos últimos vinte anos. Moitos dos netos, e mesmo fillos deses primeiros desterrados comezan a reivindicar nestas dúas ou tres décadas a súa galeguidade. “Isto ten que ver co boom que viviu a cultura galega nos anos oitenta, sobre todo a través da música e da moda -cóntanos Luz-, pero tamén co feito de que esta xente moza está máis preparada e ten un maior coñecemento do país do que saíron os seus devanceiros”. Así, non é de estrañar que moitos deles se interesen agora por aprender o idioma ou as danzas da Galiza.
Nova emigración de carácter universal

Pero a este fenómeno reivindicativo nado entre as terceiras e mesmo cuartas xeracións de galegos emigrados, únese a realidade da nova diáspora, mozos xeralmente cualificados que marchan ao estranxeiro por necesidade, nalgúns casos, pero por seguírense formando e vivir experiencias enriquecedoras na maioría. Xavier Queipo (Compostela, 1957), licenciado en Bioloxía e Mediciña e escritor, foi un precursor desta nova emigración que el chama “hemigración” -pois son emigrantes a medias; xente que sempre ten un pé no país-. Neste senso, como apunta Queipo, “a emigración mudou en moitos aspectos”. Para empezar, porque Internet permite estar ao día do que acontece e das novidades culturais que hai sen necesidade de estar presente, e para seguir, “porque as comunicacións aéreas fan máis accesible regresar unha ou varias veces á terra durante o ano”. Así pois, esta situación está a mudar notablemente o papel que os Centros galegos xogaron nun pasado, pois os actuais galegos do exterior non precisan deles para acomodarse no novo país nin para manter os vínculos coa terra.
[quote style=”boxed” float=”left”]Os centros galegos deben ofrecer aos novos emigrantes eventos cos que se sintan identificados[/quote]
Queipo pensa que as Casas de Galicia pertencen a día de hoxe “ao pasado”, vivindo nunha aproximación “gastronómico-folklórica” á realidade galega, e con respecto á literatura, os que actualmente desenvolven a función de achegamento cultural, a través de conferencias, simposios, etc., son os centros de estudos que hai nas universidades de varios Estados, especialmente as europeas e americanas.

Luz Darriba cre, na mesma tendencia, que a función destas Casas de Galicia debe ser replantexada de xeito que ofreza aos novos emigrantes actividades e eventos cos que se sintan identificados. Na procura dun maior achegamento ás novas xeracións de “exiliados”, como dicíamos antes, o Centro galego de Bruxelas conmemorou por adiantado o noso Día das Letras, contando coa presenza dos escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, que fixeron un memorándum da literatura galega desde que Rosalía publicara aquel 17 de maio de 1863 os nosos Cantares Gallegos. A partir da obra da poetisa padroense, Villar Janeiro e Rábade Paredes reflexionaron sobre a impronta que a diáspora ten deixado no sentir dos escritores patrios, erixidos moitas veces en portavoces do sentir popular. Pero que papel xoga hoxe a emigración en tanto que temática na literatura galega contemporánea? “Moi importante -asegura Luz Darriba, porque a literatura é un exercicio da alma e a emigración é un fenómeno galego que está na alma”. Pero segue a ser a emigración de antano a que aínda se reflicte con forza na escrita actual. E que hai da nova diáspora? “Os escritores que viven na Galiza hoxe en día son moi viaxeiros e fan unha literatura galega de carácter universal”, apunta Helena Villar Janeiro. Unha literatura galega vista desde fóra e para fóra.
O emigrante galego do século XXI pouco ten que ver co de principios ou mediados do XX. Social e culturalmente pertencen a mundos ben diferentes, pero cunha orixe común. A emigración galega tradicional nutriu e nutre a obra narrativa e poética do noso país, aínda non sendo os propios emigrantes conscientes diso moitas veces. Pola contra, as novas xeracións, tendo un maior acceso ao coñecemento académico da súa cultura, vive nun mundo global no que as diferentes experiencias enriquecerán a futura narrativa. Cal é o futuro da literatura con respecto á nova diáspora? Abrirse ao mundo.