Por Xurxo Borrazás Ilustración Daniel Pino
Diciamos na primeira entrega que as plumas da Voz de Galicia proporcionan iluminacións epifánicas, froito da serendipia. O 27 de xullo, X.C. Caneiro escribía: “Disculpen a chanza, pero a clave dalgúns artigos de opinión reside en botarlle a culpa a algo ou a alguén, do que sexa: senón, para que escribimos”. Voilà. A esa lección de xornalismo, que supoñemos irónica, só lle engadiriamos un signo de interrogación ao final. En castelán, como está escrita, dous.
Que a revelación é máis froito da chiripa que da reflexión vese ao ler o artigo completo, unha filípica contra o marxismo: “Patraña, fracaso… palidonia (palinodia?) de preceptos…” ata aí ben. A diatriba complícase cando, nun pinchacarneiro, o autor afirma que “as redes sociais son os émulos das vellas teorías do filósofo de Tréveris… A súa melancolía ou o seu rencor son factores diferenciadores”. Máis adiante enfía cunha anécdota, a de “dous adolescentes que, nunha lavandería, se introduciron nunha secadora con ánimo de compartir tal feito cos seus seguidores… E a culpa segue sendo de Marx”. Non é xenial? O artigo péchase co mesmo laio que a titulaba: “Malos tempos para a cordura”. Pregúntome cal era o obxecto desta columna. O arranque propoñía que “a singularidade está prohibida”. E a culpa é do “filósofo de Tréveris, o mesmo ao que moitos seguen nomeando aínda sen telo lido”.
O grao de solidez argumental, a demostración de que o falar non ten cancelas e a idea de botarlle a culpa a alguén do que sexa, é o que imos rescatar agora. Por seguir coas redes sociais, o 16 de xullo Fernando Salgado, ex-conselleiro do PSOE, laiábase da vaga de ataques “xenófobos” nas redes sociais contra os galegos a raíz dos resultados electorais: “fábrica de fachas… vellos ignorantes fascistas que añoran a Franco e non saben votar. Caterva de provincianos e paletos… analfabetos funcionais que… practicamos o masoquismo: «Sarna con gusto no pica», apostila un tuit” Ahh! Ou sexa que as nosas fontes eran as redes sociais e un tuit anónimo. Acabáramos. Un tuit de quen? Bah! Que máis ten? Suponse que da esquerda coa que se supón que o autor simpatiza. Por iso mesmo a crítica ten valor dobre, e o autor sábeo. É o mesmo a esquerda que as redes sociais? Son elas a referencia? Ou sérvenlle a Salgado para quedar ben coa liña editorial da Voz defendendo a Feijóo e o PP en nome do “sentido común” e do “así non”?
Collede aire. O 12 de xullo, Sofía Vázquez cóntanos: “Atopo en LinkedIn, unha rede profesional importante, unha declaración impactante: «E un día despedíronme. Sen previo aviso. Sen esperarlo. Sen sospeitalo. Ao contrario, pensaba que tiña futuro na empresa… Así que, cun fillo en camiño, que nacería en menos de un mes, quedaba sen emprego [….] Non había marcha atrás, había que reaccionar ao problema e sería esa reacción a que definiría o meu futuro. Así foi como o que nun primeiro momento me producíu a sensación de ser un fracaso público, convertíuse nunha oportunidade […] Fora despedido e era o mellor que me podía ter pasado. Aproveitei o momento para descansar, coidar do meu primeiro fillo, adentrarme en campos inexplorados e ademais abríronseme portas a grandes aventuras que non terían existido de estar traballando”.
A articulista escrebe adoito de economía, en serio, e para ela o desemprego é o gordo da lotería, cando non o nirvana. Como non o pensamos antes? Voulle pedir a fórmula da tinta que emprega pero non para escribir, para esnifala ou inxectala.
O 18 de novembro Javier Armesto, especialista en motor, comenta as medidas de excepcionalidade para controlar a pandemia. Primeiro asimila a atmosfera resultante á dalgunhas distopías literarias e cinematográficas clásicas pero, xa enfariñado, parece exclamar un “que carallo!” e saca a motoserra para manexala coas orellas. As mesmas medidas que toman todos os países aquí derivan nun novo “gueto de Varsovia, a Alemaña que marcaba cunha estrela amarela as tendas dos xudeos… ou as prácticas do doutor Mengele e os seus experimentos con nenos…” Armesto ponlle a póla á súa obra cunha sobredose de cuñadismo destilado: “Menos toque de queda e máis decisións proporcionadas”. Si, si. Pide proporción. Ole o seu par de kiwis!
O 18 de xullo, tralas eleccións autonómicas, Ramón Pernas esparexe pétalos de rosa ao paso do triunfador: “Feijóo, un socialdemócrata á súa maneira, malgré lui, que reinterpretou con sentidiño o discurso popular afianzándoo por cuarta vez tras once anos de maiorías absolutas baseándoo nunha xestión pública sen vaivéns caprichosos nin consignas…” Si, home, si. Queda ben o malgré lui pero nin en francés, machiño, sobre todo se non mencionas algunha desas medidas socialdemócratas. O do sentidiño tráeme á cabeza á bóla de demolición coa que entrou na Xunta, especialmente contra a lingua. En canto a que non tivo vaivéns, touché, a coherencia do PP foi abrasadora.
Non está moi de acordo Caneiro co perfil socialdemócrata. O mesmo día lemos: “Non é doado ser conservador en tempos nos que todo é progresismo?” Abonda con revisar os medios impresos e audiovisuais e os seus propietarios para comprobar que vivimos nun monocultivo comunista e antisistema. Nesa selva de anarquía política e disolución moral Caneiro rógalle a Núñez Feijóo “que presuma de ser conservador na súa nova etapa. Sen complexos”. E cando di sen complexos enténdese “sen vaivéns caprichosos”. A quen apuntan co dos caprichos? Dínolo X. L. Barreiro o 23 de xullo: “O goberno lanzouse a unha carreira detrás da xeometría variábel e a España social, ecolóxica e feminista”. Isto é, o peor do peor.
ARTIGOS RELACIONADOS
A desfachatez xornalística (galega) 1
A desfachatez xornalística (galega) 2
A desfachatez xornalística (galega) 3
A desfachatez xornalística (galega) 4