Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaA CRÓNICA PROFÉTICA DA PESTE

A CRÓNICA PROFÉTICA DA PESTE

TRADUCIÓN

A peste, de Albert Camus. Tradución de Xavier Senín e Isabel Soto. Hugin e Munin, 2018. 332 páxs.

 

por Camiño Noia

Coa ficción narrativa de La peste (1947), deseñada con trazos de realidade na cidade de Orán en 194…, Albert Camus quixo facer unha alegoría do sufrimento físico e moral producido polo nazismo e a loita da Resistencia, de todas as resistencias contra calquera tiranía, convidando a reflexionar sobre as actitudes individuais e colectivas dunha poboación en situación de conflito. «Je veux exprimer au moyen de La Peste l’étouffement dont nous avons souffert et l’atmosphère de menace et d’exil dans laquelle nous avons vécu. Je veux du même coup étendre cette interprétation à la notion d’existence en général. La Peste donnera l’image de ceux qui dans cette guerre ont eu la part de la réflexion, du silence et celle de la souffrance morale», escribe Camus en Carnets, exaltando as virtudes dunha revolución creadora. E exprésao na voz do narrador e no comportamento de Rieux e Tarrou, dous personaxes agnósticos de orixe e formación diferente que resisten e comprenden a quen non dá soportado a traxedia colectiva, para que unha sabedoría xenerosa triunfe, finalmente, sobre a desesperación. Pois Camus era pesimista coa condición humana, mais optimista respecto ao ser humano.

E así limos a novela a xente da miña xeración universitaria, devota de Camus, hai case cincuenta anos.

A fins de 2018 a editorial Huguin e Munin, centrada na tradución, saca en galego A peste, en versión de Xavier Senín e Isabel Soto, coa intención de ampliar a obra do clásico francés no sistema literario galego. E, pouco máis dun ano despois, chega a Covid-19, e converte a metáfora da peste nunha alegoría profética da pandemia que estamos a padecer. Anticipándose oitenta anos, Camus describe en Orán a pandemia actual: a aparición dos síntomas, a loita cotiá do doutor (médicos) por salvar os afectados, a súa agonía, os enterramentos dos mortos e, mesmo, a esperanza nun medicamento que veña aliviar ou curar. Pódese dicir que a historia describe o que sucedeu en Wuhan, Milán ou Madrid nos peores momentos da pandemia. O mesmo que mostrara a televisión, cóntao Camus: os hospitais saturados, os doentes retidos na casa e nas residencias, os mortos amoreados no cemiterio por non daren abasto enterrándoos e as familias sen poderen acompañalos. Suprímense as actividades públicas agás a liturxia nas igrexas que se enchen de xente, onde o crego Paneloux, como o exministro Fernández Díaz, predica que a peste é un castigo de Deus polos pecados cometidos, inducindo á poboación a converterse.

Os tradutores galegos, un profesor de francés e avezado tradutor e unha recoñecida tradutora literaria, transmiten respectuosos o texto orixinal facendo unha áxil adaptación dos aspectos característicos da lingua gala, como o pronome indefinido on que pode ter diferentes referentes, só identificados en contexto e que Camus utiliza a eito coa vontade de deixar na indefinición os suxeitos das accións, e que os tradutores procuran atribuír a unha persoa, a varias ou a un colectivo concreto, segundo o contexto.

Trátase dun texto que ten agora un dobre interese e unha lectura doada e amena.