NARRATIVA
Sopas New Campbell, de Teresa Moure. Cuarto de inverno, 2020. 140 páxs.
por María Alonso
Non é moi recorrente na literatura galega achegarse aos problemas mentais a través da ficción. Tres exemplos máis ou menos recentes poderían ser as novelas Dark Butterfly (Xerais, 2012) de Xina Vega, A lúa da colleita (Galaxia, 2013) de Anxos Sumai ou Carrusel (Galaxia, 2019) de Berta Dávila. A diferenza destes tres textos, a proposta de Teresa Moure con Sopas New Campbell (Cuarto de Inverno, 2020) xoga dun xeito moi efectivo coa dimensión alegórica arredor da animalidade que a autora utiliza para achegarse aos límites da mente humana e cos silencios que invaden un texto no que o lectorado ten que adoptar un papel necesariamente activo para que a novela sexa efectiva.
Sopas New Campbell é unha especie de ensaio antropolóxico cunha protagonista pragmática que non dubida en aproveitar a súa experiencia matando aos seus propios elefantes para facer diso das “novas contingências de marfim” (13) o seu xeito de vida. Defínese a si mesma como “assassina” (17), aínda que máis ben é unha sicaria que mata a este tipo de animais solemnes por cartos. Socialmente é difícil comprender como alguén pode odiar tan profundamente aos elefantes como para querer aniquilalos, mais Nádia ten as súas razóns para aborrecer a eses “animais vorazes, que se alimentam do [seu] desassossego” (10). Disto trata a novela: de chegar a comprender o motivo detrás deste intento de ecocidio.
Moure tece unha rede referencial propia cunha novela na que a intertextualidade domina algúns dos capítulos, facendo das disquisicións literarias un recurso recorrente para recalcar que na literatura nada é o que parece. Estas referencias constantes a outras obras, incluídas as súas (é obvia a conexión coa novela Um elefante no armário e co poemario Não tenho culpa de viver de Ana Brouwer, alter ego da autora), responde ao espírito posmodernista dunha novela na que se considera que “já não há nada original na vida. A literatura previu todas as hipóteses. Só podemos repiti-las indefinidamente” (27). Iso é exactamente o que consigue Moure. En Sopas New Campbell hai elementos do bestiario neo-fantástico cortazariano (pensemos nos coellos que o narrador de “Carta a una señorita en París” agocha no armario), da novela psico-social norteamericana (tema que aborda o autor afro-americano Ralph Ellison na súa obra Invisible Man), da auto-referencialidade explotada até o infinito pola autora caribeña Jamaica Kincaid ou da metaficción unamuniana.
Para favorecer unha lectura nestes termos, Moure utiliza unha linguaxe fluída que axuda a conectar co drama dunha protagonista á que “não é permitido ser diferente” (6). Nádia utiliza o seu armario, un lugar escuro e asfixiante, para “gardar o que não quiser ver exponsto” (5), é dicir, os elefantes que aparecen dentro del de improviso, sen avisar, sen esperalo. Aparecen en momentos de encrucilladas; cando baixa a garda. A través desta alegoría tan sinxela de captar, Sopas New Campbell suxire que, efectivamente, “ninguém pode entender tudo” (76), e non tería que pasar nada por non poder facelo.