Sábado 3, Xuño 2023
HomeCulturaA ABELLA NAMORADA NOS CAMPOS DE AMHERST

A ABELLA NAMORADA NOS CAMPOS DE AMHERST

TRADUCIÓN

Herba abraiada. Poemas de Emily Dickinson. Escolma e tradución de Marta Dahlgren e Manuel Forcadela. Cangas do Morrazo. Rinoceronte, 2019. 214 pp.

 

por Camiño Noia

De Emily Dickinson (1830-1886), unha poeta universalmente recoñecida, só tiñamos en galego algúns poemas espallados en revistas. E foi grazas a unha estadía da profesora Dahlgren na universidade de Amherst (Massachusetts), cidade onde naceu e viviu a poeta americana, que hoxe dispoñemos dunha boa antoloxía. Inducida pola emoción da lectura dos manuscritos, que a poeta deixou inéditos, a profesora viguesa acorda preparar unha escolma en galego coa colaboración do poeta Forcadela.

Dickinson, que viviu retirada do espazo público, illada na privacidade do cuarto onde pecha corpo e palabra, expresa sentimentos e desexos en complexos poemas cargados de tropos construídos con imaxes da natureza e do mundo campesiño. Motivos da flora e da fauna percorren os seus versos en metáforas difíciles de interpretar. Por iso é tan acaído o título «Herba abraiada», tirado dun verso do poema «Presentiment» (128): «The notice to the startled Grass/That Darkness–is about to pass–.»

E, entre os animais, é salientable a presenza da “abella” con diferentes representacións, en especial, en poemas dos anos 1860-1862, que falan de amor, de soidade e de morte: «Ninguén sabería nada desa rosiña/…/ se eu non a arrincase/ofrecida para ti./Só unha abella ha ter soidade.» (14); «Unha abella falounos/ata pararmos a rezar/…/No nome da abella,/…/: Amén!» (22); «Aínda non llo dixen ó xardín,/non vaia ser que me venza. Agora non reúno as forzas para llo contar á abella.» (26); «Oh, fraude que non engana a abella,/a min, a túa plausibilidade/case me induce a crer.» (45); «Se a campaíña abrise os seus sépalos/a abella namorada/ sería venerada/ tanto como outrora?» (53). Na relación entre as abellas e as flores que hai en varios poemas, a crítica ve motivos eróticos. Un tema sobre o que a poeta se expresa directamente noutras composicións, como en «Noites loucas, noites loucas/Se contigo estiver» (88).

É moi difícil poder traducir poesía cando, baixo o significante, as palabras ocultan o misterio dun significado que se garda no íntimo. E iso é o que sucede na poesía da enigmática Dickinson, que presenta grandes dificultades de interpretación para a crítica e o lectorado, e que escribe: «This was a Poet/It is That/Distills amazing sense/From ordinary Meaning-/And Attar so immense

Cómpre, pois, valorar o esforzo dos tradutores que, enfrontando as dificultades da súa poética deron creado versións galegas da Dickinson moi achegadas ó texto orixinal, conservando o ritmo do poema e mantendo as palabras, e, de ser preciso, cambiando a orde das liñas ou desviando os significados. É un bo exemplo «O Tulipán»: «Baixo a árbore durmiu/Lembrado só por min./O mudo chan pisei/Recoñeceu o pé./Puxo as galas cor carmín./E velaí!». Unha versión directa do inglés conservando o ritmo iámbico do orixinal «She slept beneath a tree–/Remebered but by me–/I touched her cradle mute–/She recognized the foot–/ Put on her Carmine suit/ And see!» (16).

 Parabéns a Dahlgren e a Forcadela por este concienzudo e meritorio traballo de busca de sentido á escuridade dos versos de Emily Dickinson, que a editorial Rinoceronte soubo valorar publicando a fermosa antoloxía entre as novidades do ano 2019.