A 19º MICE: cinema etnográfico con ollada política

A MICE volveu un ano máis para crear o seu propio espazo de reflexión sobre as posibilidades antropolóxicas e culturais do cinema etnográfico. Grazas a isto, a programación cultural de Compostela enriqueceuse cunha das iniciativas máis comprometidas coa diversidade das culturas e sociedades de todo o mundo. Aínda que poida considerarse un evento de nicho a nivel temático, é totalmente necesario, pois como seres sociais precisamos ampliar as nosas perspectivas fronte ás imposicións dos modelos globalizadores. É por iso que a MICE representa coñecemento e descubrimento, o que a fai relevante no variado panorama dos festivais cinematográficos.

Taxibol (2023), de Tommaso Santambrogio

Ás portas do seu vixésimo aniversario, o nivel de compromiso do festival mantense máis sólido ca nunca. Este feito dificilmente sería posible sen o apoio dunha institución do prestixio do Museo do Pobo Galego, un referente incuestionable na rede de museos antropolóxicos de Galicia, e o bo facer da súa directora, Ana Estévez. Esta colaboración explica a inclusión doutras disciplinas como a música ou a fotografía nun festival cuxa forza motora é o cinema, sen esquecer o respecto ao medio ambiente e á sustentabilidade. Todo se conxuga á perfección co obxectivo de fomentar ese necesario entendemento intercultural que se alcanza a través do diálogo co cinema.

 

A sesión inaugural ofreceu unha homenaxe á etnomusicóloga Dorothé Schubarth, finada en 2023, quen foi unha das maiores impulsoras da publicación do Cancioneiro Popular Galego.

Como na pasada edición, a sesión inaugural ofrecía un espectáculo digno de destacar. Tratábase dunha homenaxe á etnomusicóloga Dorothé Schubarth, recentemente finada en 2023, quen foi unha das maiores impulsoras da publicación do Cancioneiro Popular Galego. Baixo o título “586 cantos”, o acto presentou unha cativadora actuación de música tradicional a cargo do cuarteto liderado polo multiinstrumentista Richi Casás ―completaban o elenco Tania Caamaño na voz principal, Frank Barcia ao acordeón e Antía Ameixeiras ao violín―. Os arranxos propostos pola agrupación reforzáronse co material de arquivo, visual e sonoro, presentado na montaxe audiovisual realizada polos cineastas Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, membros da asociación Memoria e Cinema. A entrega do público que ateigaba o Teatro Principal foi total, aflorando todo tipo de emocións entre as que predominaron o sorriso e a ledicia.

Sesión inaugural da MICE presentando o espectáculo audiovisual 586 cantos.

En canto á programación, boa parte do atractivo dun festival de cinema radica nas seccións competitivas, e a MICE non é unha excepción. Na presente edición, exhibíronse nove filmes na sección Internacional e catro na sección Galicia. A través desta coidada selección, puido percibirse o ideario proposto para o festival deste ano, evidenciando unha profunda carga política na maioría dos títulos escollidos. Dende conflitos entre comunidades (Flotacija, Life and Death in Xikun) ata activismo urxente (Sew to Say, El signo vacío), a aposta foi clara, demostrando que é posible construír conciencias a través da cultura.

Algunhas tendencias da Sección Internacional

Afondando nos filmes seleccionados, a crítica ao sistema e aos valores estadounidenses repetiuse en varias das producións presentadas. A manifestación máis directa disto puido observarse en Guardians of the Flame (Daniel Wolff, 2022), que aborda a loita interna dentro do propio país. O filme mostra as accións sociais e culturais da familia Harrison, defensora das tradicións máis ameazadas de Nova Orleáns. Ata dezasete anos se inverteron neste filme iniciado trala traxedia do Katrina polo cineasta Jonathan Demme. A morte deste último en 2017 deixaría o proxecto en mans de Wolff, quen o substitúe para darlle forma ás gravacións tomadas durante as múltiples viaxes realizadas xunto desta comunidade. O resultado final pode definirse como purificador e esperanzador, pondo de manifesto que un pobo con raíces sólidas ten o seu futuro asegurado mentres manteña o seu orgullo intacto, por máis difícil que sexa a súa loita e desamparo.

En Sew to Say (Rakel Aguirre, 2023), a crítica ao americanismo vincúlase á necesidade do desarmamento nuclear tan característico dos primeiros oitenta. Esta foi a motivación que impulsou a protesta iniciada no verán de 1981 en Greenham Common, preto de Londres. No entanto, aquela acción pacifista acabou adquirindo unha forte orientación feminista que perdurou case dúas décadas. Así se articula este relato sobre a valentía sen precedentes dun amplo grupo de mulleres, combinando as declaracións persoais de Thalia Campbell, importante creadora das pancartas téxtiles, cun excelente material de arquivo. Por outro lado, El signo vacío (Kathryn Ramey, 2023) encara o controvertido colonialismo americano tomando como referencia a situación en Porto Rico. Máis arriscada a nivel formal que as anteriores, a proposta convida á reflexión sobre as prácticas neoimperialistas do xigante americano no país caribeño. Isto confire ao filme un atrevido carácter ensaístico, destacándose o enorme traballo de edición a partir de máis de cen anos de historia de metraxe encontrada. Este material, xunto co labor de importantes colaboradores e asesores, serve para desafiar o discurso oficial, atopando a súa principal razón de ser en conceptos como a identidade e a resistencia.

El signo vacío (2023) de Kathryn Ramey

A segunda liña temática máis frecuente na selección recondúcenos cara ao marco do rural. O primeiro exemplo deste tipo corresponde á fita colombiana Riada (2022), dirixida polo documentalista e antropólogo Carlos Tobón. A proposta desenvolve a súa pesquisa en torno á construción da presa de Hidroituango, no leito do río Cauca. Supón un traballo de investigación no que se poñen de manifesto as terribles consecuencias derivadas de prácticas especulativas descontroladas. A través de entrevistas a distintos colectivos prexudicados (buscadores de ouro, campesiños, pescadores…), coñecemos como as súas vidas se viron afectadas polas alteracións paisaxísticas.

O festival ofreceu With Love, Stela (2023), un retrato autobiográfico sobre a transición transxénero da cineasta Stela Roxana Pascal que recolle parte dese proceso a modo de autoterapia.

O impacto da economía desenfreada sobre a paisaxe convértese na principal liña de debate en Life and Death in Xikun (Jiandong Huang, 2023). Así poderiamos resumir a entrada na modernidade dunha pequena poboación adscrita ás ensinanzas milenarias de Confucio. Tradición ou progreso? Esa é a gran incógnita á que se enfronta esta comunidade que debe escoller entre a austeridade propia do seu estilo de vida e o expansionismo económico ameazador dese mesmo modelo fundamentado na agricultura. En canto ao estilo do filme, o enfoque antropolóxico supera en interese o propio acabado fílmico, concibido case como un documental televisivo. Non sucede así con Flotacija (Eluned Zoe Aiano – Alesandra Tatić, 2023), a terceira grande aposta da selección sobre unha pequena poboación. Neste caso, viaxamos ata un pobo serbio para coñecer os distintos membros dunha familia, en parte polarizados en torno a dous estilos de vida antagónicos: unha máis tradicional enraizada na caza de dragóns e outra industrial vencellada á explotación mineira. De novo, a escolla entre mito e explotación marca o pulso desta produción que, se ben non arrisca no achegamento aos personaxes, atopa parte do seu atractivo nos interesantes comentarios vertidos por cada un dos protagonistas. A maiores, os alardes visuais quedan reservados para as transicións do filme, deixando grandes planos xerais nos que se impón a magnificencia da natureza e da minería.

Flotacija (2023) de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatić

Nun plano máis persoal, o festival ofreceu With Love, Stela (2023), o retrato autobiográfico sobre a transición transxénero da cineasta Stela Roxana Pascal. No filme recóllese parte deste proceso a modo de autoterapia, converténdose así nun mecanismo crucial para lograr a superación dun trauma acompañado de varios intentos de suicidio. Destaca pois esa idea do corpo como cárcere, cuxa liberdade só pode ser posible coa asimilación da feminidade. Por iso, non é de estrañar que sexa a mesma Stela quen acapare toda a metraxe da produción, en clara analoxía coa soidade vivida nesta difícil transformación. Isto explica o acto simbólico presentado na parte final do filme no que unha hipotética Stela do futuro escríbelle unha carta ao seu “eu presente”, deixando patente ata que punto agora comeza unha vida chea de esperanza. Sen dúbida, estamos ante un grande exemplo de autosuperación que sería un magnífico faro para todos aqueles que se sentiron á deriva nalgún momento da súa vida.

Onde fica esta rua? ou Sem antes nem depois (2022), constitúe un exercicio de estilo no que os cineastas portugueses João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata revisitan unha das obras mestras do Novo Cinema Portugués: a seminal Os Verdes Anos (1963) de Paulo Rocha.

With Love Stela (2023) de Stela Roxana Pascal

Unha das sorpresas máis gratas do festival produciuse con Taxibol  (Tommaso Santambrogio, 2023). Concibida como unha mediametraxe de 50 minutos, supón unha complexa aposta na que se condensan realmente dous filmes nun só: un primeiro máis dinámico fundamentado no diálogo entre o recoñecido cineasta filipino Lav Díaz e o taxista cubano Gustavo Fleita, ambos conducidos por unha intensa conversación sobre política, emigración e cuestións sociais; fronte a un segundo máis pausado en torno á cotiandade do xeneral Juan Mijares Cruz, obxecto de busca por parte de Díaz para darlle morte, no que a reflexión se reorienta ao marco dos totalitarismos. A solidez do seu contido topa o complemento perfecto nunha calculada posta en escena que supón a confirmación do estilo de Santambrogio, tanto polos seus xogos metalingüísticos como polo atractivo da súa fotografía en branco e negro. Falamos de cinema comprometido con maiúsculas, sendo a única expresión cinematográfica aceptable para os nosos tempos segundo o discurso ofrecido.

Os cineastas portugueses João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata presentaron o que probablemente foi o filme máis atípico do festival dende un punto de vista conceptual. Esa é a esencia que caracteriza Onde fica esta rua? ou Sem antes nem depois (2022), un exercicio de estilo no que se revisita unha das obras mestras do Novo Cinema Portugués: a seminal Os Verdes Anos (1963) de Paulo Rocha. A conexión entre ambas películas é tan forte que esixiría unha sesión dobre cos dous títulos, algo que non puido acontecer na MICE por cuestións de espazo no programa. Así pois, desligada do seu modelo, a revisitación dos João’s tórnase enigmática, mais tamén ofrece un ton elexíaco e contemplativo que pretende resignificar os escenarios do filme clásico a partir dos procedementos propios das “sinfonías urbanas”. Pasamos dunha visión de Lisboa baixo o desacougo da Ditadura de Salazar a unha lectura modernizada por novas incertezas sociais, dende a crise derivada da pandemia ata o medo a un futuro carente de oportunidades. Así debe entenderse a mirada antropolóxica do filme, auténtico experimento metafílmico que afonda sobre unha cidade transformada ao longo do tempo. É obvio que falamos do título máis atípico da filmografía dos creadores lusos, cuxa transcendencia como documento incrementarase co paso das décadas.

Os modelos etnográficos da Sección Galicia

No apartado galego, a memoria histórica de orientación antifascista definiu as intencións de dous dos filmes seleccionados. En primeiro lugar, La revolución (es) probable (María Ruído – Paula Barreiro-López – Lee Douglas, 2022) ofrece unha profunda reflexión sobre a revolución portuguesa e o seu legado nas xeracións presentes, indagando no auténtico significado dunha revolución. Pola súa banda, 12 de maio de 1937 (Mar Caldas, 2023) achégase ao trauma familiar da cineasta recordando a morte do seu avó durante a Guerra Civil Española. Trátase pois dunha lectura á inversa que nos fala sobre a crueldade e a violencia propia dos inimigos da liberdade. En todo caso, ambos exemplos destacan polo seu necesario didactismo, recordándonos ata que punto debemos comprometernos como sociedade.

Anxos Fazáns, completa a sección galega con Habitar (2023), unha peza documental sobre a construción de identidades, apoiando o seu discurso nas complexas experiencias de catro persoas transxénero.

12 de maio de 1937 (2023) de Mar Caldas

A ollada feminina, xa presente nas propostas anteriores, marca toda a esencia de Lavadoiro (Ana Amado – Lois Patiño, 2023). Este proxecto, eminentemente interdisciplinario, atopa a súa xénese nunha exposición fotográfica previa da propia Ana Amado, quen atopou un apoio visual inmmellorable na cámara de Lois Patiño. Difícilmente podería atoparse unha mellor alianza á hora de reivindicar o interese histórico dos lavadoiros, auténticos espazos de comuñón para as mulleres no desenvolvemento dos seus quefaceres domésticos. A sensibilidade de Amado vólvese decisiva á hora de facer visible o invisible e enxalzar a todas as mulleres anónimas que foron as auténticas protagonistas destes lugares únicos da cultura popular.

Finalmente, a sección galega completábase con Habitar (2023), a última curtametraxe firmada por Anxos Fazáns. A cineasta, máis familiarizada coa ficción na súa carreira, obséquianos aquí cunha peza documental sobre a construción de identidades, apoiando o seu discurso nas complexas experiencias de catro persoas transxénero. O novo formato ofrécelle mellores mecanismos para darlle unha nova significación ao corpo, asociado este coa idea de fogar. Deste xeito, a pontevedresa afástase, sen perder intimidade e emotividade, da súa característica concepción erotizada do corpo. Incluso poderíamos falar dun enfoque estilístico próximo ao poético, tal é a sensación transmitida polos primeiros planos que manteñen aos seus protagonistas no anonimato ata practicamente a secuencia final. Hai moito de político no filme, capaz de ofrecer un necesario optimismo a un tema no que aínda seguen existindo importantes barreiras.

Habitar (2023) de Anxos Fazáns

Completando o programa: seccións paralelas e entrega de premios

Á hora de configurar o resto do programa do festival, as tradicionais seccións paralelas acabaron de definir as intencións desta edición. Neste sentido, cobrou especial relevancia a sección Trazas, eixo co que se reafirmaba o enfoque político escollido para este ano. Como de costume, mantívose a colaboración co Cineclube de Compostela, ao que se engadiu na parte formativa o apoio do Consello da Cultura Galega para a xornada “Cinema galego e transición”. Deste xeito, o festival ofrecía un espazo privilexiado para o debate e a discusión sobre as implicacións políticas existentes na formación do noso cinema.

Foto de familia cos participantes na xornada de debate “Cinema galego e transición

Igualmente representativa foi a sección Impropias, a resposta feminina ao cinema androcéntrico imperante ―recalquemos o papel da muller como unha das principais constantes do festival, reflectida á perfección na paridade lograda na parte competitiva―. Neste caso, tivemos a oportunidade de coñecer a obra da documentalista italiana Cecilia Mangini, á cal se lle dedicou un foco baixo a curadoría de Carolina Astudillo. O diálogo entre ambas creadoras permitiu afondar na figura de Mangini, sempre atenta á denuncia social e ao interese polas clases máis desfavorecidas.

Case en paralelo, o enfoque transfronteirizo atopou o seu espazo na sección Lindes, que este ano estivo dedicada a dúas figuras moi familiarizadas co concepto da “raia” entre Galicia e Portugal. Na sesión do sábado pola tarde, foi Diana Gonçalves a encargada de presentar o seu traballo, ademais de ofrecer un adianto do seu novo proxecto Transfronteiriza. Xa no domingo de mañá, chegou a quenda de Iván Castiñeiras para falar sobre os seus procesos artísticos, incluíndo a súa creación en fase de posprodución Deuses de pedra, a cal comezou hai máis de dez anos.

Autoridades, xurado e premiados na entrega de premios da 19 MICE

A mesma mañá do domingo completouse coa entrega de premios, un dos momentos máis agardados do festival. Para a condución do acto pensouse na actriz e creadora Carlota Mosquera, quen nos sorprendeu coas súas verbas cargadas de serenidade e elocuencia. Foi o preámbulo á lectura dun palmarés bastante repartido. No ámbito internacional, o Premio MICE ao Mellor Filme foi para Taxibol de Tommaso Santambrogio, ademais da Mención Especial para Flotacija de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatić, así como o Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica para El signo vacío de  Kathryn Ramey, galardón este último outorgado por un xurado específico en representación da Asociación Galega de Antropoloxía. No ámbito galego, o Premio MICE ao Mellor Filme Galego correspondéulle a Habitar de Anxos Fazáns, mentres que o Premio CREA recaeu en La revolución (es) probable, coa dirección de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas. Finalmente, o sempre valorado Premio do Público foi tamén para un filme autóctono, concretamente para 12 de maio de 1937 de Mar Caldas, unha historia autobiográfica que conectou moi fortemente co público do festival grazas ás súas profundas conexións co sentir colectivo.