ENSAIO
Miguel Vázquez Freire. Da Carapuchiña ao señor Lamote. Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega. Xerais 2019. 320 páxs.
por Montse Pena Presas
Seguimos a precisar, dende a nosa lingua, ensaios coma este Da Carapuchiña ao señor Lamote. Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega de Miguel Vázquez Freire. O volume analiza diferentes contos (de Carapuchiña a Brancaneves) e distintos autores de literatura infantil (Andersen, Stevenson, Dickens, Barrié, Roald Dahl ou Neira Vilas, entre outros) que posúen versións ou obra en galego. Faino, ademais, cunha honestidade implacable: porque se para algo debe servir este volume debe ser para axudar ao lectorado a discernir os motivos de que certos textos perduren na nosa memoria colectiva e outros non. E seguimos a precisar este ensaio, non unicamente porque turra da lectura, facendo que queiramos saber máis e máis, senón sobre todo porque consegue un achegamento ao tema moi preciso mais non academicista, conseguindo así que o seu lettore modelo sexa moito máis amplo do esperado. Porque xa o adianto, ningunha mediadora e mediador, é dicir, esas persoas que dun ou doutro xeito nos ocupamos de achegar libros á infancia e á mocidade, debe quedar sen mergullarse nas súas páxinas. Non facelo sería perder unha oportunidade preciosa de coñecer mellor, fóra da treboada imparable de novidades que devora ao seu paso todo o anterior, esas historias que quedan.
Como se explica no limiar, a orixe do volume haina que procurar nos comentarios que, sobre diferentes obras de literatura infantil e xuvenil clásicas, o autor ía elaborando na Revista Galega de Educación, de aí que sexa máis que recomendable para profesorado (tamén por suxerir ou anotar propostas de traballo cos textos elixidos). Non obstante, Vázquez Freire non se conforma con limitarse á mera recompilación de artigos e supera tamén esa barreira, porque a obra pode lerse como unha historia -non ríxida e tan persoal coma apaixonada- de textos para nenos e mozas que tiveron moita relevancia ao longo do tempo e que así chegaron ata os nosos días. Tan só boto en falta máis atención aos ilustradores, dos que o autor é un magnífico coñecedor, como xa ten probado outras veces, e a obras e creadores de noso, alén dos catro con que remata a obra.
Ademais, a obra excede os lindeiros da literatura: a condición de cinéfilo empedernido do autor leva a que as conexións co mundo do sétimo arte se analicen con perspicacia, mais Vázquez Freire vai máis alá, pois a relación con outras manifestacións artísticas, como a música ou a ópera, tamén se aborda cando cómpre. Porén, quizais, se tivese que quedar cunha das virtudes deste volume, ficaría coa súa capacidade para profundar nos significados das ficcións que analiza, porque o estudoso é capaz de debullar o seu simbolismo, o seu pouso filosófico ou a súa relación co contexto político-social do seu tempo. Faino, ademais, posicionándose e amosando puntos de luz que antes non se viran. Velaquí a traza que demostra que o autor, alén da súa condición de escritor de ficción, segue a ser un dos coñecedores e estudosos máis audaces e mellor documentados de literatura infantil e xuvenil.