NARRATIVA
Zúñiga, Iolanda. Natura. Editorial Galaxia, 2018
por Eva Moreda
Non deixa de resultar curioso que nun espazo de poucos meses pasasen polo andel de novidades en galego tres novelas distópicas: Dx, de Eli Ríos, As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey, e esta, Natura, de Iolanda Zúñiga. Tampouco hai que partir a cabeza a buscar unha explicación para esta coincidencia: xa sabemos que, entre nós, as escritoras escriben, e as editoras publican cando lles cadra, e é certo, ademais, que desde a publicación de Soños eléctricos, de Ramón Caride Ogando, en 1992, non deixaron nunca de pingar as novelas de tema distópico.
Deliberadamente entendo aquí o termo “distópico” na súa acepción máis restrinxida, porque é a esta á que se acomoda a novela de Zúñiga: non só se nos presenta un futuro pouco positivo, senón que se dan unha serie de tropos xa establecidos desde os exemplos clásicos de Orwell e Huxley: catástrofe demográfica, social e/ou ambiental que deriva nunha sociedade ditatorial e estratificada; control das mentes a través da manipulación do discurso e a linguaxe; substitución do afecto e a subxectividade individuais polo colectivo, e substitución tamén do natural polo tecnolóxico. Este último tema, máis recentemente (con Margaret Attwood como referente obvio), abriu a porta a outra serie de tropos centrados no sexo, a reprodución e o xénero, e destes tropos bebe tamén Zúñiga, igual que beben as novelas de Ríos e Asorey antes citadas.
Non me parece que a novela distópica clásica fose especialmente ben tratada nas nosas letras: dá a impresión, moitas veces, de que o autor, a autora, tomou ás présas os modelos antes citados para transmitir algún tipo de mensaxe, sen preocuparse nin de refinar o contido (político, filosófico) de dita mensaxe nin tampouco de crear un mundo distópico o suficientemente atractivo por si mesmo. Zúñiga, porén, desenvólvese aquí bastante mellor cá media, e dá sorteado de xeito elegante algunhas das complicacións do xénero: non sei se se nos está a contar nada novo, pero si que se nos está a contar ben e mesmo con certa innovación ou sequera ambición na forma. Por exemplo, mentres que outros autores chegan a aburrir coas descricións minuciosas en ton burocrático-condenatorio do seu universo ficcional, Zúñiga dedica case unha terceira parte da novela a presentarnos o escenario, pero non aburre porque adopta un ton un tanto distanciado, case como de lenda actualizada aos nosos días (por máis que ás veces se confunda o profundo co incomprensible: “A despreocupación que outorga unha biografía flamante é incompatible coa interpretación do ocaso”, “A supervivencia é un estado encarnizado que impide dobregarse fronte á empatía”). Logo, cando comeza a historia en si, tamén se fai con tino e cunha transición sutil en ton moi ben pensada.
Un dos retos da distopía é facernos presente mediante a propia linguaxe como o poder vai moldeando as subxectividades, e hai aquí un traballo interesante: ningún nome propio; un ir pasando do sentimento individual ao colectivo case sen solución de continuidade. É esta, penso, a clave do desacougo que –a pesar de certas irregularidades no tramo final– acaba por deixar esta máis que apreciable novela que foi Premio Gala do Libro 2019 á mellor obra narrativa.