21º PLAY-DOC. Un encontro (fílmico) entre o pasado e o presente  

Tui sitouse un ano máis no epicentro do documental de autor. Esa é a máxima que mellor define ao Play-Doc, un festival que non precisa de presentación dende hai tempo, á vez que demostra que as pequenas localidades tamén poden converterse en espazos óptimos para a reivindicación do cinema independente, alén das grandes capitais. Así o entenderon nos seus inicios os seus fundadores, Sara García e Ángel Sánchez, e así se foi ratificando co paso do tempo.  

Como non, o programa deste ano respondeu a ese principio de descubrimento tan característico da cita tudense. Neste senso, o concerto inaugural xa ofrecía a súa particular declaración de intencións, tal foi o espírito que irradiaba o espectáculo Traspielas, unha ollada á cultura popular dende a modernidade e a experimentación. Tratábase do último proxecto audiovisual da cantautora Su Garrido, totalmente afín á esencia do festival en canto que o pasado e o presente se entrelazan como acto de compromiso coa memoria, xa sexa dos cantos tradicionais, xa sexa fílmica. 

En Traspielas, o último proxecto audiovisual da cntautora Su Garrido, o pasado e o presente entrelázanse como acto de compromiso coa memoria, xa sexa dos cantos tradicionais, xa sexa fílmica. 

Sesión inaugural do Play-Doc na que se presentou o espectáculo audiovisual Traspielas (Foto: Pablo Nunes).

Logo da abertura, viñeron novas actuacións musicais, dende as habituais bandas do “Play-Doc Live!” ata as musicalizacións ao vivo de dous clásicos do cinema mudo: A carreta pantasma (Victor Sjöström, 1921) e Nosferatu (F.W. Murnau, 1922). Neste último caso, a natureza silente destas obras mestras topou o seu apoio sonoro no acompañamento pianístico do compositor portugués Filipe Cardoso, experto en composición para o cinema. Unha vez máis, o presente tendendo o seu ollar ao pasado. Mais, a cousa non ficou aí, xa que as proxeccións tiveron lugar nun espazo único, a Igrexa de San Domingos de Tui, resultando unha experiencia de inmersión sensorial tan insólita como inesquecible grazas a esa fascinante confluencia entre cinema, música e patrimonio. 

Ora ben, se existe no Play-Doc unha actividade capaz de levar o experiencial até o límite, esa é Cinema percorridos. Por sexto ano consecutivo, a artista visual Xisela Franco repetiu como comisaria da proposta deste ano que, por primeira vez, rompeu o tradicional formato de itinerario para transformarse nun díptico composto por dúas intervencións artísticas: NØWX (experimento do artista sonoro Xoán-Xil López e o documentalista Iván Torres) e Sacro (proxecto do colectivo FON_OS1). Polo demais, a esencia de ‘percorridos’ ficou intacta nestas dúas experiencias, atopando ingredientes tan habituais como a experimentación sonora, o traballo de videocreación en directo ou o peso exercido polos espazos arquitectónicos da cidade. É incrible ver como esta actividade logra reinventarse ano tras ano con novos espectáculos exclusivos e irrepetibles, o que converte aos asistentes en auténticos privilexiados. 

Momento do espectáculo Sacro, segunda intervención artística do Cinema percorridos (Foto: Tamara de la Fuente).

Á procura de legados fílmicos esquecidos 

A asistencia ao Play-Doc converteuse, aos poucos, nunha verdadeira peregrinaxe. E iso débese principalmente ao interese, case devoción, que suscitan as retrospectivas programadas cada ano. Tanto é así que, ao longo deste proceso, recuperáronse todo tipo de cineastas imprescindibles que poderían conformar o cualificable como “canon tudense”, tratándose ás veces de figuras marxinais, outras simplemente incomprendidas por unha visión desacertada da historiografía. Neste senso, o labor do festival elévase á categoría de clase maxistral de cinema, sempre atento a cubrir eses inxustificables baleiros históricos. 

Ao igual que o ano pasado, esta edición volveu a facer fincapé no Novo Hollywood dos anos 60 e 70, unha das etapas máis atraentes e radicais da historia do cinema estadounidense. Así pois, o repaso a William Friedkin tivo a súa continuidade en dous novos tributos: a actriz e cineasta Elaine May, de quen se proxectaron tres filmes, a destacar a comedia The Heartbreak Kid (1972); e o montador e director Monte Hellman, un herdeiro da serie B e do círculo de Roger Corman, representado en Tui con catro títulos chave da súa filmografía, entre eles a celebrada ‘road-movie’ Two-Lane Blacktop (1971). En certo modo, estes dous autores non serían completos descoñecidos, alomenos nos círculos máis cinéfilos. Porén, o acceso ao seu cinema é bastante complicado, de aí a aposta do Play-Doc por subliñar a súa relevancia histórica e o influxo que tiveron nas xeracións inmediatas á súa. 

Unha das retrospectivas estivo dedicada a Michael Roemer, autor de documentais e dramas sociais, do que se proxectaron sete filmes, entre eles Cortile Cascino (1962) e Nothing But a Man (1964). 

Se nos dous casos anteriores existía unha vontade de preservación e homenaxe, as dúas retrospectivas restantes obedecían ao principio de recuperación e descubrimento. Esa foi a intención que agochaba o programa de sete filmes dedicado á figura de Michael Roemer, unha primicia absoluta no noso país. Autor de documentais e dramas sociais fundamentalmente, o visionado da súa obra fai que nos preguntemos onde permaneceu agochado este autor até agora, apalpándose o seu talento dende os seus primeiros títulos, caso de Cortile Cascino (1962) ou Nothing But a Man (1964). 

A un plano aínda máis exclusivo pertencen as catro propostas da Film Heritage Foundation (Mumbai), a institución que se encarga da restauración de clásicos do cinema indio. Non era a primeira vez da FHF no Play-Doc, que xa nos achegara dous anos atrás dúas producións únicas de Aravindan Govindan. Pois ben, nesta volta regresaba con catro novas restauracións —todas estreas absolutas en España—, entre as que ficaron especialmente na retina Manthan (Shyam Benegal, 1976) e Ishanou (Aribam Syam Sharma, 1990). 

Posto que o Play-Doc e o cinema galego sempre van da man, o apartado de recuperacións tamén nos aproximou a unha figura descoñecida da nosa cinematografía. Este foi o capítulo dous da nova sección Sombras, dedicada este ano a Bernardino de Lamas —pseudónimo de Alfonso Piñón Teixido—, unha figura única no ámbito do cinema amador. Os rexistros deste autor abarcan ao lapso que vai dende 1924 a 1935 e consisten en gravacións de carácter cotiá e festivo, moi próximas en estilo ás ‘actualités’ dos pioneiros. Nelas recolleu as súas viaxes por Galicia, algunhas romarías da época e distintas paisaxes da nosa terra. Como achega histórica, quedamos unha vez máis en débeda co Play-Doc, que contou aquí coa inestimable asesoría de Manolo González como estudoso deste cineísta2. 

Orgullo polo cinema galego  

Hai uns meses recolliamos nun informe o bo estado de saúde do documental en Galicia3. Pois ben, a competición do pasado Play-Doc acolleu doce novos documentais galegos que ratificaban esta tendencia e evidenciaban a evolución continua do xénero nas nosas fronteiras. Entre as obras presentadas, acudiron algunhas fitas xa coñecidas por outros certames, como as curtametraxes Pura (Carmen Méndez, 2024), Exposed (Nela Fraga, 2024) ou Patios de luz (Fran Rodríguez Casal, 2024), así como a longametraxe Te separas mucho (Paula Veleiro, 2024). Mais tampouco faltaron importantes novidades que fixeron a súa estrea en Tui durante esta edición. 

As longas Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, gañadora da competición Galicia, e O silencio herdado, de Lucía Dapena, protagonizaron canda as curtas Un dragón de cien cabezas e Nayan a oferta da produción galega. 

Entre as curtametraxes, destacou Un dragón de cien cabezas (2025), obra da dupla Samuel Delgado e Helena Girón. Este filme, estreado no prestixioso festival Visions du Reel (Nyon, Suíza), ofrece unha nova conceptualización arredor das Illas Canarias, trazo tan de seu nos seus creadores. Dende a referencia ao mito do Xardín das Espérides e o froito da inmortalidade ata as prácticas de biosonificación aplicadas aos plataneiros, asistimos a un ensaio no que se fabula sobre a vida eterna e o medo á morte. 

Sen saírmos do formato curto, a excelencia tamén definiu a esencia de Nayan (2025), a última creación de Carla Andrade. Fiel ao seu estilo, a paisaxe preséntase na súa monumentalidade, concibida na pantalla como unha forza incontrolable que eclipsa ao espectador. Ese é o efecto que provocan as tomas recollidas pola cineasta hai dez anos en Nepal e en Chile, ao tempo que redefine a súa idea da viaxe como forma de coñecemento ante o descoñecido. Xorde así un singular traballo de found footage no que a poética se entrelaza co filosófico, elementos cos que explora as limitacións da linguaxe, tanto a visual como a verbal. 

O silencio herdado (Lucía Dapena, 2025).

Cambiando de terzo, o campo das longametraxes sobresaíu con O silencio herdado (Lucía Dapena, 2025). Neste caso, o filme xorde como unha necesidade natural de afondar na historia familiar por parte da cineasta, atopando na memoria tan só o silencio. O que inicialmente pretendía ser un recordo do seu avó, preso e falecido nun campo de concentración franquista, convértese nun relato íntimo no que a directora se enfronta á negativa da súa avoa a expresarse. A busca de respostas, ou ata certo punto da palabra como medio para a reflexión, o entendemento e a curación, nunca chega a manifestarse. Todo isto fai que o tipo de filme formulado inicialmente mude ao longo do proceso creativo, ata converterse no retrato dunha obsesión. Aí radica toda a honestidade desta produción, capaz de denunciar un dos episodios máis escuros da historia recente de España a través do persoal e do autobiográfico, aínda que sexa dende o silencio. 

Entre os sete filmes da compertición internacional, destacaron Sept promenades avec Mark Brown, de Vincent Barré e Pierre Creton, que gañou o palmarés, e Bogancloch, do director británico Ben Rivers. 

Con todo, o título máis agardado da selección foi Deuses de pedra (2025), creación de Iván Castiñeiras, que tivo a súa estrea absoluta no pasado Festival de Róterdam. A medio camiño entre o poético e o mitolóxico, esta produción catívanos dende os primeiros compases, tal é a capacidade hipnótica que xa irradian as primeiras secuencias en branco e negro. Pouco a pouco, constrúese este relato de corte arraiano que nos sitúa na rexión de Trás-os-Montes, ofrecéndonos unha lectura historicista sobre o propio lugar e as súas tradicións. Isto convérteo nun filme totalmente conectado en estilo coa cinematografía portuguesa, ata o punto de sentirse en Castiñeiras un herdeiro directo do cinema de António Reis e Margarita Cordeiro, dous autores fundamentais que tamén retrataron esta zona. Foron necesarios ata quince anos para dar forma a este ensaio fílmico de carácter crepuscular e caleidoscópico sobre a extinción das tradicións folclóricas. Queda claro que a elección do xurado como mellor filme da Competición Galega está fóra de toda dúbida. 

Deuses de pedra (Iván Castiñeiras, 2025), gañadora da Competición Galicia.

Como remate, a competición internacional estivo conformada por sete filmes, dos cales destacaría especialmente Bogancloch (Ben Rivers, 2024), secuela da curta This Is My Land (2006) e da brillante e contemplativa Two Years at Sea (2011). O cineasta británico volvía a poñer toda a súa atención no anacoreta Jake Williams, artellando aquí un novo retrato observacional en branco e negro centrado na cotiandade deste personaxe. No entanto, o xurado non a considerou para o palmarés, decantándose por outorgar o premio á produción Sept promenades avec Mark Brown (Vincent Barré e Pierre Creton, 2024), que propón unha aproximación á botánica a través do traballo de campo e do capsulado fílmico de diversas plantas ao longo de sete xornadas en Normandía. 

E postos a falar de despedidas, a nota máis amarga do festival radicou na triste noticia do cese de actividades de A Cuarta Parede, a primeira revista dixital de crítica cinematográfica en galego. Dende a súa fundación en 2011, este medio foi un referente indiscutible, pasando por diferentes etapas editoriais que contribuíron a consolidar un modelo sólido e rigoroso de crítica cinematográfica en lingua galega. Ademais, gozou dun papel crucial na defensa do Novo Cinema Galego, obxectivo que definiu boa parte da súa liña editorial durante moitos anos. No entanto, os estándares de produción e consumo da crítica fílmica mudaron notablemente nos últimos tempos, o que explica esta difícil decisión que deixa, ata certo punto, orfa esta actividade na nosa comunidade. Por sorte, seguiremos tendo acceso ao seu dominio web, cuxo amplo repositorio de artigos manterá viva esta estrutura única chamada A Cuarta Parede.

___

1 FON_OS está integrado polo músico Fon Román e polo realizador Oswaldo García.   
2 En palabras de Manolo González, Bernardino Lamas encaixa co concepto de cineísta, un termo que, a pesar de estar actualmente en desuso, foi moi popular nos anos 20 para definir aos realizadores cuxo traballo se circunscribía ao ámbito doméstico.   
3 Casalderrey, S. (febr. 2025): “O cinema galego en 2024: a mirada documental”, en Tempos Novos (333), pp. 58-65.