Martes 24, Maio 2022
HomeCulturaUNHA CASA COMO METÁFORA

UNHA CASA COMO METÁFORA

NARRATIVA
O cervo e a sombra. Diego Ameixeiras. Edicións Xerais. Vigo, 2021. 160 páxinas

 

por Armando Requeixo

Diego Ameixeiras logrou nestes últimos tres lustros referenciarse como un dos narradores galegos máis coñecidos. Cada novo título seu esperta expectación e as súas historias teñen fidelizado un continente lector que o segue con aplauso.

Non me cabe dúbida de que a publicación de O cervo e a sombra ha suscitar idéntica simpatía entre ese lectorado afecto, pois atopará no relato moito e bo do que tirar.

Ameixeiras debuxa nesta novela o que ben podería considerarse unha traxedia urbana moderna. A extracción marxinal dos seus personaxes principais (un extoxicómano, un camelo, unha prostituta, adictos varios), o ambiente suburbial e violento no que se moven, e o problemático e desacougante horizonte vivencial ao que se enfrontan, fan desta obra un pesadelo no que apenas se albiscan motivos para a esperanza, e onde só a forza do amor e do idealismo subversivo-social dalgúns okupas é quen de achegar un algo de luz a esta noite sen fin.

Porque O cervo e a sombra acaba por converterse nunha imparable fuxida cara adiante, un descenso aos infernos no que estoura a loita interior na que vive o seu protagonista, Mateo, un mozo aburado polas “visións” que o asaltan e que lle fan proxectar oniricamente a realidade ao tempo que o castigan coa lembranza dos seus proxenitores mortos nun terrible accidente de tráfico ao tentar esquivar un cervo, unha sombra que pesa infindamente sobre o seu ánimo.

Ante tan mouro pasar, só os afectos mitigan a dor: a paixón de Mateo por Irene (amor persoal); o aprecio de Mateo por Andrés, o relixioso que lle ensinou a ver a vida doutro xeito e o apartou do máis fero dos arrabaldes (amor espiritual); a conexión empática co labor de rexeneración comunitaria que os okupas da Barronka representan na urbe podre e aburguesada (amor social).

Doutra parte, o relato de Ameixeiras configúrase tamén como unha singular homenaxe literaria, pois non son poucos os trazos que nos lembran A esmorga: como na obra de Blanco Amor, tamén aquí Mateo, o protagonista (unha sorte de Cibrán que ten tamén o seu “pensamento” en forma de “alucinacións”), quere reformarse e levar unha vida ordenada, pero é arrastrado á perdición por colegas tóxicos (os Silvio e Pucho que se asemellan ao Bocas e o Milhomes blancoamorianos). E tamén comparece unha namorada, a Irene nova encarnación da Raxada, que tenta apartar a Mateo das malas andanzas. Todo, xaora, no Ourense escenario común de ambas as obras, coincidentes no ruar de espazos e atmosferas, de ritmos e escuridades, de violencia desatada, feroz e inicua.

Posuidora duns diálogos eléctricos e palpitantes, rebordante de imaxes poderosas, xogos metafóricos e luzadas evocativas, este O cervo e a sombra atrapa pola súa escrita vertixinosa, impecablemente trenzada e moi ben dosificada dende principio a fin, o que fan desta novela curta unha peza de talento que ha agradar a todas as persoas que a ela se acheguen, pois poderán comprobar nas súas páxinas ata que punto Diego Ameixeiras encara un camiño ascendente na súa narrativa última.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]